A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 1 de julio de 2016

ANÁLISE DOS RESULTADOS ELECTORAIS DO 26 X 2016.GALICIA (II).



Carlos Dafonte

Ten razón o candidato de En Marea pola provincia de Lugo, Fernán Vello no senso de que se só se celebrase unha volta no proceso electoral, a do 20 de decembro e os resultados foran os do día 26 de xuño do presente ano, calquera analista político afirmaría que foron un éxito; máis de 340.000 votos cinco deputad@s e un senador. Pero a realidade é moi outra, nas fileiras dos compoñentes de En Marea se ten, como debe ser a pesares dos resultados, unha sensación de derrota; tod@s son conscientes que perder en seis meses preto de 70.000 votos e un posto no Senado, necesita dunha explicación, para non permitir que a explicación que reciba a maioría da sociedade sexa só de quen ten interese en que En Marea desapareza.
Tómase como unha cuestión normal, que dende o día seguinte numeros@s dirixentes saían a facer valoracións do acontecido; estimo importante que primeiro se fagan todo tipo de xuntanzas dos compoñentes do movemento, abertas para chegar a albisca-las causas do retroceso e buscar, se é posible, solucións.

E pérdense estes votos sen que outra forza política os recolla e cando o BNG obtén os peores resultados da súa historia, o que significa que votantes que con anterioridade facíano polo BNG e en decembro votaron a En Marea, agora ficaron na casa, se foron a abstención.
Analicei no primeiro artigo o contexto internacional e neste senso coido, que o mesmo, ten menor repercusión en Galicia que o que tivo a nivel de estado. Polo tanto penso que as causas da perda de votos son obxectivas, consecuencia das actuacións e dos erros cometidos nestes seis meses que median entre os dous procesos electorais. Considero tres tipo de temáticas que teñen que ver co retroceso electoral:
En primeiro lugar as que concordan ca cuestión da democracia. O movemento 15 M, con toda unha serie de eivas, erros e falla da perspectiva de clase, serviu para  que moita xente aceptara que “a chaman democracia e non o é” e a carón do mesmo, produciuse unha importante mobilización, non so na rúa tamén das conciencias de moitos votantes de que había que introducir cambios nun sistema dominado por dous partidos, que se turnaban na xestión das institucións e outros, moi pechados nas institucións, que abandonaran a rúa e a mobilización, que eran apoios do que entrase no goberno. Posiblemente este análise sexa un pouco caricaturesco da realidade, pero na conciencia de moitos votantes o xogo institucional non era moi distinto.
O 15 M, xunto con outros movementos que se deron en outras partes do planeta, creou conciencia de que as cousas podían cambiar e que a “xente do común” debía ter maior participación, que por moito que establecera a actual constitución que os partidos políticos eran a base da democracia, non estaban dispostos a seguir aceptando que manexaran a situación como como ata ese momento.
Exixíronse cambios nos partidos, de persoas e de funcionamento e como si ser moz@ fora  un valor superior a ter coñecementos e experiencia, en moitos partidos cambiouse de liderado e fixéronse eleccións primarias e apareceron novas organizacións. Pero non se cambiou, era imposible, os programas e os que defendían a proposta neoliberal a seguiron defendendo, e os que falaban de cuestións que sonaban moi ben, cando entraron en campaña para acadar votos modificaron o dito con anterioridade e ademais converteron axiña o movemento en organización política, e dicir nun partido que se quere ser eficaz, ten que funcionar cun certo grao de centralismo.
No país esta situación se vai plasmar, ó meu entender, en dúas correntes unha que quere que os partidos poidan decidir todo, dende os candidatos ata o programa a presentar e a contraria, a que postula que os partidos teñan pouca capacidade de decisión  e sexa a xente quen decida as cuestións relevantes. Creo que unha parte da abstención que leva a perda de votos ten que ver co enfrontamento entre estas dúas posicións.
En segundo lugar o que chamarei a creba do bloque inicial. Non hai que esquecer que En Marea ten un antecedente, a creación da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que xorde pulada fundamentalmente pola iniciativa de Beiras e o seu grupo, Anova, que modifican en grande medida a súa posición e dan o paso, importante e que lles vai crear todo un cúmulo de críticas dos sectores nacionalistas, pero que vai ser un polo de atracción para moitos deles, onde conflúe con Esquerda Unida (EU) e dun xeito case irrelevante con Podemos.
A figura de Beiras, a conciencia de moit@s galeg@ de nos atopar nunha situación de grave crise social e económica, nunha situación de emerxencia que exixe dar pasos adiante as organizacións e a quen se refuxiaran na abstención ou o voto en branco,  tamén que dende as fileiras do nacionalismo non se daba a resposta adecuada, a decepción de moitos votantes do BNG polos resultados da entrada no goberno da Xunta co PSOE e en numerosos concellos, e algunhas outras cuestións, fixeron posible que AGE tiveran nas eleccións autonómicas uns resultados que se poden cualificar de moi bos, e marcaron o camiño para que apareceran propostas parecidas en outras partes do estado.
Debe ficar claro que a fórmula de acordo entre partidos, En Marea ten o antecedente en AGE, pero entre medias hai unhas eleccións municipais onde se formalizan candidaturas que xorden da sociedade, con eleccións primarias abertas, ca aprobación de códigos éticos, etc, que obteñen importantes éxitos e van a reclamar a súa presencia nas futuras candidaturas para as eleccións ás Cortes.
Os bos resultados acadados por Podemos, a derrota estrepitosa de IU nas eleccións de decembro, animan a políticas oportunistas por parte de EU o que lles leva, ó calor do pacto Podemos-IU, a tentar modificar o eixo de AGE, Anova-EU, e substituílo polo Podemos-EU; isto vese dun xeito moi claro na asemblea á que a coordinadora de partidos non permite votar a pesares de ter máis de un milleiro de compoñentes, o rexeite do partido instrumental para acadar grupo parlamentar propio, as veladas requisitorias a Anova no senso de que si non estaba cómoda abandonase o proxecto, e o menosprezo da figura de Beiras que creo ten consecuencias, como aglutinante dun importante sector de votos que proviñan do nacionalismo e como ideólogo do proxecto en quen moita xente tiña depositada a confianza, e ademais pola súa traxectoria de loita e ser un referente en Galicia nos últimos anos.
En terceiro lugar unha campaña, así o apreciei, á que se pode aplica-lo dito a nivel de estado e  moi pouco centrada en Galicia e no PP que goberna dende a Xunta e ten maioría absoluta no Parlamento. Necesidade que era maior por ser esta “segunda volta” parte da precampaña das eleccións galegas do outono o que exixía unha resposta contundente ós argumentos mentireiros sobre a saída da crise, a boa saúde dos servizos públicos, a negación da pobreza, a queda da poboación, a emigración das mozas e mozos, a pronta solución dos problemas do agro, do mar, ou sobre a o transporte. Faltou contundencia na crítica e alternativas, non chega con declaracións de boa vontade.
Atopámonos por primeira vez en Galicia ca posibilidade que despois das próximas eleccións autonómicas, haxa unha alternativa as políticas neoliberais e austericidas do PP, superando a alternancia cas políticas neoliberais de “faciana máis humana” que representa o PSOE; calquera das dúas enfrontadas ós intereses dos traballadores e das clases populares.
Pero acadar ese obxectivo non é doado, en primeiro lugar porque vai a estar moi presente o retroceso electoral e as secuelas de todo tipo que esta circunstancia produce. En segundo pola necesidade da máxima unidade para enfronta-lo reto; os axentes implicados no proceso, teñen e deben o máis axiña posible, establecer pontes e chegar a acordos onde vai ser necesaria a cesión por todas as partes; ningunha das premisas que cada quen defende teñen tanta importancia como para poñer atrancos ó obxectivo final. En terceiro, unha discusión aberta, sen mediador@s, discutindo o que separa, que é o que sempre hai que discutir, ata acadar un programa que represente unha alternativa ás políticas económico-sociais que a UE pula. Arredor dese programa construí-lo programa electoral.

En Galicia no mes de xullo de 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario