A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 26 de julio de 2016

CHEGA CO "TODOS CONTRA O PP"?



Roberto Laxe

Esta é a palabra de orde para chamar á unidade de todos e todas, ... e loxicamente, Feijoo que é un vello raposo, o utiliza para reforzar a unidade da base social do PP, ben disciplinada ela, para garantir o triunfo nas vindeiras eleccións.
Ese "todos contra o PP" é o mantra que desde todos os sectores progresistas e de esquerdas repítese para criticar aos que non acreditamos que ese sexa o centro do problema.
Ha un ano escribíamos nun artigo titulado, "a política no posto de mando". "Alguén concibe que é posible rexeitar as políticas austericidas e de recortes da UE e dos gobernos, sen romper con eles? Alguén cre que é posible o dereito a decidir das nacións baixo unha constitución que o rexeita explicitamente? Alguén cre que é posible unha mellora das condicións de traballo baixo a lóxica infame do pacto social sistemático, inaugurado polos Pactos da Moncloa?."

En fin, alguén cre sinceiramente que o "todos contra o PP" resume as loitas polos dereitos sociais, políticos e nacionais no cadro do réxime do 78 e da UE? Ou todo é un “paripé” para que algúns que nunca acreditaron na loita contra o réxime e a UE, cheguen a cargos públicos, con afirmacións como que o "aborto non é central" (Carolina Bescansa) ou que rexeitan abertamente o dereito a decidir dos pobos (o ex senador ex do PSOE de Paco Vazquez, sr Buitron).
Ninguén nega que sacar o PP da Xunta supón umha alegría para calquera demócrata; mas iso non se pode facer sen dicir, no mesmo programa, que a saída do PP de Xunta non resolve o problema da austeridade, dos recortes, da negación dos dereitos nacionais, nin da represión contra os activistas sociais, independentistas ou non; que só apuntando ao Réxime e a UE, á súa ruptura, é posible garantir eses dereitos sociais e políticos.
Non facelo así, e hai que dicilo con todas as palabras, é enganar á poboación, pois se lle esta vendendo que cun cambio de persoas na Xunta, mudaran as políticas.
O problema non está en dicir que se queren mudar cousas concretas como os salarios, as condicións de vida e traballo da poboación, mas tamén como iso imos conseguilo se hoxe (14 de xullo de 2016) a UE acaba de aprobar que o Estado Español e Portugal teñen que seguir cos recortes. A cuestión non dicirlle á poboación traballadora o que xa sabe, esa é a parte fácil pois xa o vive, senón que o que hai que dicir é como imos conseguilo diante dumha UE e un Réxime que teñen como eixos esas políticas.
Fagamos un esforzo de imaxinación, que vexo interesadamente escasea nos que chaman á "unidade contra o PP"; imaxinemos: botamos o PP, e entra un goberno de PSdG / En Marea, que fai fronte a resolución que hoxe, 14 de xullo do 2016, a UE aprobou de máis recortes.
Ha dúas opcións, umha, facer un Tsipras ou un Hollande (lembremos que el tamén chegou o goberno prometendo antiausteridade), prometer antiausteridade e o final aplicar as políticas da UE e o goberno central, e traizoar ás ilusións da poboacion traballadora.
Dous, o que non fixo Tsipras (de Hollande non se esperaba), negarse a aplicar esas políticas, facer outras distintas, verdadeiramente antiausteridade, como no pagar a débeda, non aplicar as leis antiobreiras e antipopulares na Galiza, ate o punto de que se é preciso se chama a desobediencia das leis inxustas (invocando o dereito á rebelión), e comezar o proceso de autodeterminación da Galiza que permita o seu pobo traballador lexislar sobre todos aqueles aspectos que lle afectan como pobo, desde as reformas laborais ate a lingua e a cultura.
Esta claro que a primeira opción, ate o de agora, foi a que adoptaron todas as forzas que prometen o cambio, desde IU (alianza IU PSOE en Andalucia) ate o BNG (Bipartido galego), e nada indica que mudaran cualitativamente a sua posición.
As novas forzas non sabemos o que farán, mas o seu silencio ante elementos centrais como a relación coa UE ou o Réxime do 78 non axuda nada a seren optimistas.
A segunda opción, como supón un enfrontamento directo coas forzas económicas e políticas que dominan na UE (Merkel á cabeza), hai que aprender dos veciños, e non facer como o goberno de Syriza (por iso foi derrotado), ir a negociar sen a sociedade mobilizada. A historia demostra, e hoxe coa que está caendo no capitalismo máis, que so "a loita paga"; que un voto é un papel mollado para a Comisión Europea, que ninguén votou, para o réxime do 78, que ninguén votou, para a OTAN, que ninguén votou. Que só millóns de persoas na rúa, paralizando fabricas e cidades, pódese frear a eses poderes.
Voltando ao comezo, a palabra de orde "todos e todas contra o PP", sen aclarar que isto é parte, e non a mais importante, de "todos e todas contra a UE e o Réxime", é unha falsa bandeira progresista. Non prantexalo deste xeito só serve para desviar o obxectivo central de acabar cos verdadeiros responsábeis do austericidio e os recortes, ademais o ser unha consigna ambigua, a seu calor serve para que os trepas que quedaron sen cargos públicos no PSOE, IU, BNG, etc., procuren un posto político.
O fracaso de Unidos Podemos ten que ver con esta ambigüedade no programa, que fixo que toda a xente que viña loitando desde fai anos, tralo 15M e as folgas xerais, e que o 22M do 2014, nas Marchas da Dignidade, acreditaran sinceiramente na posibilidade dun verdadeiro cambio no Estado Español. Mas non un cambio cosmético, de formas e de persoas, senón do proprio réxime. A fuxida de 1.200.000 votos ten esta base.
Aínda así, non acreditamos que a través do voto se poda mudar nada, a pesar de que este é o verdadeiro balance do que aconteceu o 26J -que moitos non entenderon-; só a través da mobilización e a autoorganización da poboación traballadora é posibel conseguilo.
A tarefa non só é quitar o PP para poñerse outros que sabemos pola experiencia, van facer a política que deciden Bruxelas ou Madrid, senón organizarse seriamente para enfrontar o réxime do 78 e a UE, así teñamos que esperar e acumular forzas. Aínda que os tempos electorais digan o contrario, a historia xoga o noso favor se non nos deixamos levar pola precipitación.
E por último, o imaxinairo colectivo serve de apoio ás propostas das Mareas sobre a base dunha semellanza histórica con 1931. Mas é umha semellanza tramposa; en 1931 o agrupamento non foi contra o goberno de quenda, "o todos contra o o PP do momento", senón que a candidatura chamábase claramente "republicano socialista", é dicir, xa desde o nome apuntaban o réxime, a monarquía, e o sistema social, o capitalismo. E aínda que sabemos que o acordo era ben burgués, quen se sumara a el sabía onde ía. Con as "mareas" non sabemos onde vamos, se contra o PP (a maioría dos seus dirixentes), contra o Réxime (algúns) e case ningún contra a UE.
Clarexemos quen é o noso inimigo, e deixemos de darlle voltas ás candidaturas: preparémonos para loitar e nos organizar, no cadro dunha gran crise política como anuncia o Brexit.

En Galiza no mes de xullo de 2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario