A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 10 de julio de 2016

SUSPENDIDOS EN POLITOLOXÍA



Roberto Laxe

Se non se decataron de que a esquerda só ten opcións do chegar ao goberno, e xa non digamos ao Poder, coa sociedade mobilizada, é que non entenderon nada da historia política. A desmobilización social e o culto ao voto como ferramenta do cambio, é patrimonio da dereita.
Á fin e ao cabo, o voto segue sendo relativamente censitario. As revolucións burguesas impuxeron, non o sufraxio universal, senón o censitario, como unha maneira "civilizada" de resolver os problemas entre as fraccións da clase dominante, fronte ao guerrerismo da aristocracia; só podían votar os homes libres e propietarios. A clase obreira, as mulleres e por suposto os escravos, non tiñan dereito ao voto, e só foi tras durísimas loitas que se conseguiu o sufraxio universal.

A burguesía, na súa decadencia, gustaría de volver ás súas orixes, como está a facer con outros dereitos conquistados pola sociedade, como a sanidade ou a educación publicas, substituídas polas vellas sociedades filantrópicas, hoxe coñecidas como ONG’s. Pero o sufraxio universal non poden anulalo por decreto, salvo que instauren unha ditadura, entón búscanse as voltas legais e económicas para limitalo o máis posible.
Leis como a Lei de Partidos, limitacións legais para formalizar candidaturas, e sobre todo, o apoio mediático e financeiro. A burguesía utiliza a lema de "o que non se fala non existe". Só existen aqueles que eles, os propietarios dos medios de comunicación, queren que existan; os demais están excluídos por definición.
Está claro que os medios poñen condicións, e a principal é que o discurso do que queira saír nos medios se adecúe ao nivel de tolerancia dos medios, de cada un dos que se manifesta as diferentes fraccións do capital.
Este nivel de tolerancia varía entre a extrema dereita e a dereita civilizada, como moito o progresismo liberal; pero está claro que nunca, baixo ningún concepto, os medios en todo o arco ideolóxico, admitirán no seu seo o discurso da única clase social que pode acabar co dominio dos medios polo capital, a clase obreira.
A clase obreira nunca existe nos medios, son "clases medias pobres", son "excluídos sociais", son "sindicalistas en folga" (coma se as folgas protagonizásena os liberados sindicais), son calquera cousa menos clase obreira.
Dalgunha maneira volvemos ao voto censitario; agora non dunha maneira legal, senón pola vía do silencio e os apagamentos informativos.
Os politólogos e académicos da política, que se empolicaron nos cumes das forzas do "cambio", co seu desconcerto ante os resultados electorais, só están a demostrar que deberían estar suspendidos na súa carreira, pois desprezan verdades políticas descubertas polos marxistas hai moitos anos, e a principal é que a sociedade está dividida en clases sociais, os que son propietarios (e os seus xestores, técnicos e demais) dos medios de produción e distribución, vivindo das rendas do capital, e os que viven da venda da súa forza de traballo por un salario, é dicir, das rendas do traballo.
Que os medios de comunicación son parte dos intereses dos primeiros, non se lles pode enganar pois ten claro a quen serven, e non regalan nada. É máis, "Roma non paga traidores", e unha vez que os que lles serviron, non compren xa ningún papel, desfanse deles como quen tira unha cabicha.
Así que deixemos as explicacións académicas dos acontecementos e vaiamos á realidade. O voto baixo o réxime burgués, no que o individuo como tal enfróntase á sociedade, é un mecanismo que fomenta o conservadorismo das persoas (como eu, un individuo, podo cambiar nada co meu voto, como moito podo evitar males maiores; este é a mensaxe do voto individual), e por iso non serve para cambiar nada; só serve para, en campaña electoral, axitar por outro tipo de sociedade. Só iso.
O voto adquire forza cando é expresión da vontade colectiva da clase obreira e dos pobos; cando co voto refórzase a unidade para loitar contra o sistema a través das asembleas obreiras e populares, da organización colectiva dos oprimidos e os explotados. Neste momento o voto é a reafirmación da vontade de loita fronte ao sistema, que só pode ser derrotado coa acción colectiva.
Fomentar o voto como ferramenta de cambio en se mesmo é o máis reaccionario que pode facer unha forza que promete "transformación" social, pois engana co seu quefacer á poboación. É como dicirlle a un grupo de traballador@s que constrúan  unha casa con cortaúnllas... Cada ferramenta ten a súa utilidade.
Estas son cuestións básicas en política, conceptos que o seu desprezo só levan ao desconcerto cando a realidade choca coas fantasías do academicismo.

En Galiza no mes de xullo de 2016





No hay comentarios:

Publicar un comentario