A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 19 de julio de 2016

O PANORAMA POLÍTICO POSTELECTORAL




Carlos Dafonte
As segundas eleccións seguen a poñer de manifesto a febleza do réxime.
Rematada a batalla das eleccións, o panorama político a nivel de estado continúa marcado pola guerra do neoliberalismo contra todo intento de que apareza outra política, sobre todo no aspecto económico, que poña en entredito as marcadas pola "troika", aínda que sexa neokeynesiana. Este labor o van ter que levar a cabo nunhas circunstancias de extrema debilidade, tanto do réxime e do futuro goberno do estado, como da propia Unión Euopea. Vai ser a primeira vez que nas Cortes, senón se celebran unhas terceiras eleccións,  teña o partido maioritario nas mesmas, o menor número de deputados de todo o período dende que desapareceu a ditadura, o que posiblemente vai a obrigar a unha lexislatura curta. Sobre a febleza desta UE, e o “Brexit”, falaremos máis adiante.

Para agachar esta realidade, necesitan, en primeiro lugar, presenta-los resultados de Unidos Podemos como unha derrota cuasi definitiva das dúas formacións políticas que a integran, e así seguirán os medios de información hexemónicos ata as eleccións autonómicas próximas, facendo propaganda e tentando desprestixia-las; mentres, os resultados do Psoe e C's siléncianse ou  non se consideran importantes. O mesmo que tampouco lle dan importancia algunha a que o PP non recuperara a enormidade de escanos e votos perdidos con relación ás eleccións xerais de 2015. Algúns medios chegaron a formula-la necesidade da dimisión de Iglesias, os mesmos que non consideraron necesarias as dimisións de Rajoy e Sánchez despois dos respectivos desastres electorais do 20 D.
Vese con claridade o intento de facer todo o posible para que nas futuras eleccións autonómicas,  galegas e vascas, as forzas que en principio parecen poñer en cuestión ó réxime, cheguen co maior desgaste posible.
E quero matizar a miña anterior afirmación; a desconformidade co réxime móstrase de diferentes xeitos, dende actitudes claramente reformistas, ata alternativas de carácter revolucionario; ogallá estiveran creadas as condicións para esta última, pero se consideramos que o actual aséntase en tres pés, un sistema político cun estado de carácter burgués con monarquía parlamentar; un xeito de xestiona-la economía baseado no neoliberalismo e a hexemonía dunha clase, unha fracción da burguesía, a oligarquía. Unha modificación do actual réxime, pode ser unha república burguesa, unha proposta de capitalismo neokeynesiano e a pequena burguesía  como clase hexemónica; algo parecido ó que foi a IIª República. Xa sei, cunha matización moi importante, a fortaleza do movemento obreiro e popular que agora non hai.
A realidade obxectiva é que Unidos Podemos consolidou 71 deputados e En Marea 5 e un senador, que é unha base moi importante para as futuras eleccións autonómicas;  tampouco se debe esquece-lo trunfo no Pais Vasco, desprazando ó PNV.
Para o réxime, un futuro cas tres nacións sen estado, gobernadas por forzas políticas que formulan unha saída democrática enfrontada ó centralismo herdado do franquismo, é un horizonte non aceptable.

A incapacidade de Podemos para levar adiante a loita contra o réxime e a actual U.E.
Podemos, dende o meu punto de vista, como o movemento de masas coñecido como o 15 M onde ten a súa xénese, representan a explosión de indignación da pequena burguesía e sectores proletarios que se consideraban "clase media", polo proceso de proletarización da primeira, e os segundos non atopar nin nos sindicatos, nin nas organizacións políticas que os din representar, solucións para a nova situación vivencial á que a crise os empurrou. E quero lembrar unhas verbas de Lenin no senso de que a “concepción pequenoburguesa da hexemonía ve a esencia da mesma nun pacto, no mútuo recoñecemento  e nas condicións estampadas sobre o papel…”
Polo tanto non é estrano, que Podemos como vangarda da pequena burguesía teña unha concepción da actividade política moi circunscrita ó electoralismo, reducida ó campo das institucións. En primeiro lugar pola razón de que a pequena burguesía non ve ó proletariado como o seu aliado e as formas de loita do mesmo, como o exemplo a seguir, como as máis adecuadas para combinalas co calendario electoral e ca actividade institucional. En segundo, aínda que tivera outra concepción da actividade política, non ten vimbias para levar adiante unha mobilización obreira, sostida no tempo, ca misión de paraliza-la producción, determinados servizos, etc. Non se lle poden “pedir peras a un ameneiro”; por certo árbore en perigo de desaparición.
Podemos pode hoxe encher unha praza púbrica, pero pouco máis; non ten conexión nin interese en organiza-los asalariad@s como tal clase, a súa misión e dar cauce institucional á indignación que se produce nun momento determinado, pero iso ten un percorrido moi limitado. Son outros, os sindicatos de clase e organizacións políticas que forman parte do movemento obreiro quen ten a responsabilidade de organizar e mobilizar, pero uns polo seu grao de burocratización, outros polo institucionalismo no que se atopan inmersos e diferentes grupos pola súa incapacidade para a unidade, son incapaces de manter unha sociedade mobilizada, que quere dicir informada , organizada para a loita. Ó réxime só lle pode enfrontar con éxito a clase obreira organizada, política e sindicalmente e á UE, a confluencia das loitas d@s traballador@s de cada país. Unidos Podemos ca presencia de IU, debe ser un elemento que lle faga reflexionar a Podemos sobre a loita de clases. Aínda que a febleza ideolóxica de IU non o garantiza en absolute.
En Segundo, esmagar de inmediato calquera xermolo doutra política que non sexa de austeridade, desacreditando non tanto a política en si, que tamén, como ós voceiros da mesma, por ser irresponsables e utópicos. O caso grego exemplifica ben o que afirmo. Imponse unha “verdade única” o estado español está a saír da crise, somos o que máis medra da Europa da UE e hai que persistir na mesma política para consolida-los logros. É certo que nas campañas electorais, os neoliberais de ámbito estatal, PP, Psoe e C's, as veces presentan diferencias programáticas pero unha vez que controlan as institucións a “verdade única” é a que se concreta; ademais, mentiron na campaña electoral pasada, nonquerendo falar da UE, escondendo os recortes ós que estàn comprometidos ca UE e non queren que a hora de concretalos, poda producirse un "outono quente", expresión que utilizábamos en tempos da ditadura cando retornábamos para inicia-lo curso na universidade, arredor doutra política distinta. Como levan machaconamente afirmando dende 1982, a política neoliberal “é a única posible”, e “González dixit” xa hai moitos anos, “ademais é a política da esquerda”.
Son unha alternativa ás políticas neoliberais as neokeynesianas? Noutras circunstancias cecais, pero hoxe a única alternativa posible e rachar co capitalismo, nun proceso que terá maior ou menor duración segundo a forza de cada quen. O capital hoxe non está disposto a renunciar a aplastar ó movemento obreiro  e popular e iste non ten a forza global como para impor na UE outro tipo de política económica, mentres non lle de solución ó problema da dirección política.
En terceiro, o sistema politico do réxime sae do proceso máis feble que antes das dúas voltas electorais, aínda que o bipartidismo non paga como merecía a corrupción, as políticas contra os traballadores e a construcción dunha UE ó servizo da oligarquía. A realidade é que tampouco existe unha alternativa fiable.
Vai ser moi dificil artellar unha maioría estable parlamentar ó redor do 33 % do PP; nin sumando os escanos do C’s teñen esa maioría; recorrer ós nacionalistas burgueses vascos e cataláns, derrotados polos procesos unitarios en curso, un perigo para o future e para a “unidade de España”, pensa o PP; se o PSOE apoia á que se denomina “a grande coalición” pode que o “sorpasso”, agora si fose posible se a coalición Unidos Podemos se manten. En Andalucía e Asturias foi escandalosa a abstención de militantes e simpatizantes de IU, xusto nos lugares onde se ten producido gobernos PSOE-IU; parece como si temeran que se producira o “sorpasso”, no fondo ca súa actitude consolidaban o bipartidismo, que en determinadas circunstancias lles permite “tocar poder”.
O PSOE, conscente da súa difícil situación,  xoga nestes meses a se-la alternativa ó PP cando non é mais, os anos de goberno así o amosan, a alternancia da continuidade nas políticas neoliberais e de austeridade impostas pola “troika” no estado español. Non debemos esquecer que os dous partidos aprobaron o tratado de Maastrict e o resto dos tratados da UE, que son os que establecen na súa maior parte as políticas económicas nos estados membros; que os dous partidos chamaron a dicer “si” á fallida Constitución Europea; que foron incapaces de opoñerse ós recortes exixidos en servizos públicos; que entre os dous dilapidaron o patrimonio común, vendendo a totalidade das empresas que tiñan beneficios a especuladores e amigos; que nos meteron na Guerra en Afganistán e Libia e teñen consensuado para que os nosos exércitos interveñan, non se coñece moi ben con que obxectivos, en máis dunha ducia de países. Só quero lembrar que en Afganistán facíamolo para “reconstruír e levar a democracia”; sería bo que se deran nas Cortes debates sobre obxectivos e logros da nosa política militar exterior. Que os dous partidos opóñense ó dereito democrático que toda nación ten a audeterminarse…en fin, para que seguir.
Todo o anterior nos permite afirmar que PP e PSOE son dous pes do mesmo banco. Dous partidos “populistas” entendida esta verba non como un concepto que resume a actividade levada a cabo dende as instancias políticas en favor da maioría da sociedade, senón no senso deturpado do concepto, de decirlle a sociedade o que quere escoitar, para unha vez dominando as institucións, facer políticas económicas a favor dos sectores minoritarios da sociedade, sempre os  máis poderosos, esquecendo as promesas electorais. Non hai máis que manexar a hemeroteca dende hai uns anos, para decatarse da realidade.

Unha U.E. con graves problemas, pero que non vai desaparecer se non se levan adiante as loitas necesarias para avanzar por outro camiño na unidade dos pobos.
En primeiro lugar pola situación económica que non ten saída clara; hai uns días o economista xefe de Deutsche Bank, David Folkerts-Landau, falaba da necesidade de crear un fondo de 150.000 millóns de euros para recapitaliza-los bancos do continente  e acusaba ó Banco Central Europeo de “converterse na maior ameaza para a eurozona” por poñer atrancos ós bancos cas súas decisions. Tamén afirmou “os riscos de novos cracs están por todas partes”. Os bancos en Italia atópanse nunha grave situación, necesítanse, segundo o Banco de Italia, 40.000 millóns para supera-la actual crise. As franquicias en EEUU do Deutsche Bank e Santander non superaron as “probas de estress” levadas a cabo pola Reserva Federal ós 33 maiores bancos.
A inestabilidade economica en España e Francia tamén son elementos que debilitan a actual UE e por descontado as de Grecia e Portugal, ó que se ven a sumar os resultados do referendo en Grande Bretaña, o país que tiña modelado a actual UE e que a súa saída vai representar un elemento máis de inestabilidade, non só política, tamén social e económica.
Do “Brexit” debíanse sacar conclusions moi importantes; que os traballadores británicos votaron contra unha UE que lles impón políticas que consideran desacertadas e que só benefician ás élites do país e a City de Londres, o centro financeiro do mundo.
En segundo lugar que esta masa de asalariados son moi conscentes, na maioría dos paises que a conforman, que a UE é o seu nimigo e polo tanto diante da ausencia de forzas de esquerda que lle planten cara á UE, votarán a aquelas organizacións que formulen a necesidade de sair da mesma. E Francia pode ser o seguinte país en atoparse con problemas parecidos.
Tamén saiu enfeblecida a UE da chamada “crise dos refuxiados”, dividiu á ciudadanía, deixou de ser o espazo de solidariedade e fraternidade e creou divisions entre países membros. A patronal alemá dixo hai uns meses que nun horizonte próximo, debido á queda da natalidade necesita 1.000.000 de traballador@s de fora. Esta necesidade cúbrese con traballador@s dos países do leste e do sur de Europa. De entrar unha masa importante procedente dos lugares en conflicto de Oriente Próximo e Medio, polacos, húngaros, bulgaros e países do entorno van ter problemas importantes cas cifras elevadas de desocupados, polo que se opoñen rotundamente a admisión de emigrantes, creando disidencias insalvables dentro da UE.

Que facer?.
Sempre se considera que esta pregunta retórica foi un logro de Lenin que así titulou o seu libro de 1902, pero non é orixinal, a copiara do título dunha novela de Chernishevski, revolucionario naródnikin, un dos seus autores favoritos de mocidade. En calquera caso, debe ter contestación e precisa, nos momentos en que se considera que nos atopamos nunha encrucillada e que da resposta, pode depende-lo futuro. O dixo o Beiras nun programa de Vtelevisión, “necesitábamos a Lenin”; e Lenin o tiña claro, o fundamental, da actividade por el realizada ó longo da súa vida da que se atopaba máis satisfeito, foi crear, a pesares das dificultades e as incomprensións de moit@s, o Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (bolxevique), máis tarde convertido en Partido Comunista; pero as solucións ós graves problemas actuais, nunca as pode dar unha persoa por moi intelixente e por moito traballo, como era o seu caso, que desenvolva; debemos ser entre tod@s quen demos solucións. E cando digo entre tod@s refírome á xente de esquerdas e @s progresistas. Que non é o mesmo, pero podemos percorrer un camiño xuntos. O camiño de facer todo o posible para que o réxime actual non sexa máis forte como resultado das nosas accións.

En Galicia no mes de xullo de 2016



2 comentarios:

  1. Al final siempre estamos en lo mismo, hay que construir el partido obrero, ¿pero cómo?

    ResponderEliminar