A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 22 de mayo de 2018

MORREU O BIPARTIDISMO?

Carlos Dafonte

Nesta longa campaña electoral que estamos a sofrir, un elemento “dinamizador” da mesma é a enquisa recen coñecida do CIS, na que entre outros elementos, establece algo parecido a un cuádruple empate entre os partidos que teñen organización estructurada a nivel de todo o territorio do estado. Esta situación nova, leva a moit@s comentaristas a afirmar a morte do bipartidismo e o inicio dun novo ciclo político.
A que chamábamos bipartidismo? Ó dominio electoral e programático de dous grandes partidos que se alternaban no goberno do país, sen que tanto un como outro foran alternativa as políticas que practicara ó que gobernou os anos anteriores, é dicir as políticas neoliberais no económico que ámbolos dous aplicaban, e aínda que admitamos que si podía existir esa alternativa nas rúas, estaba moi cativamente representada nas institucións e nas rúas freada polas burocracias sindicais.
Pero o bipartidismo era algo máis que a quenda entre dous partidos, era tamén a coincidencia en estructurar un determinado tipo de réxime, o que conleva a construción dun estado ó servizo dunha oligarquía financeira, a mesma que exercía o poder durante o franquismo. Polo tanto cando algúns utilizábamos o termo “bipartidismo” non o utilizábamos no sentido de dúas políticas, a historia dende 1876 e a aprobación da “constitución canovista” ensinounos o que é, dous partidos que por diferentes medios lle "venden" á poboación esa idea paralizante, que cada un deles representan políticas diferentes, cando a realidade é que os dous gobernan para uns intereses e poderes moi determinados.

Tamén somos coñecedores conscientes de que si o dominio deses dous grandes partidos se creba, quere dicir que algo no réxime se creba, aínda que só ise feito non serva para poñerlle fin, pois consta de toda outra serie de "casamatas" e “trincheiras” que o defenden da aparición dunha verdadeira alternativa.

A tentación de reconstrui-lo bipartidismo con catro partidos.

Agora na realidade política do estado é que hai catro partidos, máis a influenza dos nacionalismos máis poderosos, o catalá e o vasco, e o réxime debe reestructura-la súa mensaxe para en vez de falar de novo de centro dereita, o PP e centro esquerda, o PSOE e outras veces a "dereita" e a "esquerda", representada polos mesmos partidos, hoxe teña que cooptar a unha forza como Unidos Podemos, Ciudadanos está claro onde se atopa, que representa dentro da nebulosa que é esta estructura política, unha organización sobre a que o réxime non ten os ancoraxes necesarios para facela participar no novo xogo “bipartidista a catro”, perspectiva que o CIS ven sinalando dende hai uns meses.
Polo tanto un dos problemas do réxime é configurar un novo bipartidismo con "catro partidos", para que non se poñan en cuestión os piares fundamentais do mesmo como son unha monarquía parlamentar sen división de poderes como elementos fundamentais do Estado, o non recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos, aceptación das modificacións no Código Penal, a chamada “lei mordaza” ou o chamado pacto antiterrorista que converte en delitos de terrorismo, actos que hai un tempo non eran así considerados; o dominio da oligarquía financeira e polo tanto das políticas económicas neoliberais tendentes a restrinxir todo tipo de dereitos, tanto económicos como políticos e sociais, que os traballadores teñen acadado despois de moitas loitas e nunhas condicións de dureza moi particulares no Estado Español.
Do que se trata a fin de contas, é dunha reacción contra a xa feble é decrépita democracia que acadamos no período da chamada transición. Queren afogar antes que se produza, teñen indicios de que así pode ser, a mobilización popular contra as políticas económicas que deron como resultado a situación de empobrecemento de grande parte da sociedade e contra o réxime cuxo piar fundamental é a Constitución de 1978, e a necesidade para unha parte da sociedade, de abrir un proceso constituínte.
Pero para acadar este obxectivo contan con varios atrancos; en primeiro lugar que a mobilización dos pensionistas e xubilados pon sobre a mesa a axenda social, o que non permite, pensando en votos para as próximas eleccións, que os acordos sexan unánimes; en segundo a mobilización das mulleres fartas de vivir nunha sociedade que as discrimina, sobre todo á traballadora, que abre tamén fendas importantes entre eles, con un Ciudadanos que non prestou apoio algún aínda que fora formal, ás reivindicacións e mobilización levadas a cabo que foron das máis importantes das realizadas nestes últimos anos; en terceiro que da man destas mobilizacións pódanse producir outras, sanidade, ensino, que poñan de manifesto do lado no que se atopan PP, POSE e Ciudadanos e en cuarto o que hoxe me parece moi importante, que Unidos Podemos acepte xogar ese papel e da mán do PSOE configuren a outra pata do novo bipartidismo, en circunstancias nas que non se vai poder contar co catalanismo, como aconteceu nos gobernos de González e Aznar.

Obxectivo: que Unidos Podemos perda o seu carácter de alternativa.

E reducir a Unidos Podemos como comparsa do Psoe estaba ben diseñado, excluída a xenda social; só se falaría daqueles aspectos que situaban a organización nunha actitude defensiva, e os medios de comunicación xogan un importante papel cas súas tertulias, de Cataluña e o amplo campo de contradiccións que este tema ten, sobre todo para Unidos Podemos; de ETA das súas vitimas, da súa derrota ou non, cuxa amplitude e incomodidade para Unidos Podemos tamén é grande, non hai que esquecer que en certo momento foi a primeira forza no País Vasco conseguindo moitos votos de nacionalistas, socialistas e a esquerda abertzale; da construcción europea, onde Unidos Podemos ten unha ambiguedade grande, non se coñece se pensa en reformala, facela “máis social”, dende o meu punto de vista tarefa imposible, ou hai que deixala caer aínda que te acusen de confluir cos euroescepticos; de América Latina sempre ca inclusión de Venezuela; e tamén de Irán, para nestes dous últimos casos sacar os cobros da TV do grupo no que se atopaban algúns dos dirixentes do que máis tarde foi Podemos; ou da saída da crise, que é evidente que algúns números da macroeconomía están a cambiar momentaneamente, a suba do petróleo vai ter a súa influenza negativa, pero sempre é un tema engorroso con cifras contradictorias dadas por uns e outros que non permite moi ben coñecer quen ten a razón cas análises simplistas que se fan nos medios.
O que se tenta é de facerlle a Unidos Podemos e as súas confluencias, unha existencia política dificil ata que non se decida a remar na dirección que o réxime considera necesario. E si esto non funciona, sempre estará o chalet de Montero e Iglesias que sempre contará ca axuda na campaña dalgún Alcalde de grande cidade, que critica o feito dende a “esquerda”, pero non ten reparo a pesares do seu “esquerdismo” a nomear a non sei que virxe non sei que, da súa cidade.. Non importa onde viva Pedro Sánchez, nin o cuantioso patrimonio dalgún dirixente do PSOE, ou do PP, nin canto costou o piso de Rivera, eses poden vivir como queiran, pero os dirixentes de Unidos Podemos non lle poden deber cartos a un banco para mercar una “vivenda illada”, é un grave delito que os incapacita para estar en política. A que dirixente político rebuscando na hemeroteca non se lle atopan contradiccións? Agás Julio Anguita, de primeira liña, creo que a ninguén. E algunhas bastante máis graves como os escritos de Aznar contra a Constitución ou o pasado franquista de Rajoy e ninguén lles pediu explicacións.
E si Unidos Podemos non entra ó debate trucado, e mantén unha posición alternativa, as dificultades as vai ter pola súa indefinición no que PP, PSOE e Ciudadanos chaman “cuestións de Estado”, onde ofrécense uns a outros grandes acordos, sanidade, ensino, modificación da Constitución e das Cortes e un longo etc, onde estes tres partidos tentan substitui-las contradiccións entre as clases por acordos nos que Unidos Podemos non debe entrar se verdadeiramente di defender “ós de abaixo”; e de non facelo a presentarán como unha organización marxinal, que non merece os votos pois non axuda a soluciona-los problemas que son “cuestión de estado”, cando o que son é cuestión de clase. Todo o que se fixo nestes anos na sanidade e o ensino non é outra cousa que favorecer ós grupos privados danando á Sanidade e Ensino públicos. E alguén pensa que un pacto sobre a sanidade, o Ensino ou as Pensións de Xubilación con PP, PSOE ou Ciudadanos vai server para rectifica-lo que pensan e levan aplicando os dous primeiros durante anos?. Os que pertencemos a IU nos tempos en que era coordinador Julio Anguita, temos moi fresca na memoria a campaña contra dil e a organización.
Se a organización encabezada por Iglesias e Garzón ten moito atractivo para unha parte importante do electorado, conseguiu máis de cinco millóns de votos, e que se pensa nela con capacidade, a pesares dos atrancos que lle poñen e as contradiccións internas propias dunha organización nova, para articular unha alternativa ás políticas que dende a morte de Franco se levaron a cabo no Estado, superando o concepto de alternancia no poder.
Pero tamén é unha realidade que se teñen posto de manifesto nestes anos de actividade política, poucos polo de agora, numerosas contradiccións dentro desta organización, correntes internas moi escoradas cara a políticas social-liberais ou as diferenzas entre o que se dixo que se ía facer antes de entrar nas institucións, e o que verdadeiramente se fai. A maior contradicción é circunscribir unha parte moi importante da súa actividade política no seo das institucións e esquecer a loita na rúa, a mobilización social constante. Convivir á marxe d@s traballador@s por moito que prediques que nas institucións presentas os seus problemas, deixa a organización illada das masas cando máis o necesita para se defender dos ataques constantes que sofre por parte da dereita, dos poderes económicos e dos seus acólitos nas institución e nas cloacas do Estado.

En Galicia no mes de maio de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario