A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 2 de diciembre de 2019

VOX, FASCISMO OU EXTREMA DEREITA?

Eusebio López
Tras as eleccións xorde unha pregunta que hai que analizar, para saber ata que punto están dispostos a chegar con Vox. Durante meses, desde abril até hoxe, os medios -que son os portavoces oficiosos (o oficial é o goberno) dos intereses dos grandes capitais- dedicáronse a alimentar a Vox coma se non houbese un mañá.
Fai cinco anos alimentaron a Podemos, co obxectivo manifesto de reconducir á gaiola do parlamentarismo a mobilización social que desde o 15M non deixara de crescer, co pico máximo da marcha a Madrid do 22M. Mobilización social que levara á dimisión / abdicación do que agora é rei emérito. Asustáronse tanto, que tiveron que reconducir a situación, sacando á xente das rúas coa ilusión do voto, de que votando poderían cambiar as cousas. Cinco anos despois o balance non pode ser máis demoledor en todos os sentidos, non avanzamos nin un pelo, e a mobilización, salvo momentos puntuais (8M, pensionistas ou Catalunya) pasou a un segundo plano.

Unha vez conseguido isto; agora vén a segunda parte da película, porque aínda que conseguiron canalizar a forza social no "minuto de ouro da democracia" que é o voto; a crise do réxime causa última deste cirio, mantense. Non conseguiron saír do buraco en que meteron á sociedade no 2007, cando estalou a crise económica que aínda sofre a poboación traballadora, e unha nova recesión xa está nas portas. Alimentar a Vox non será unha medida preventiva para ameazar co pau, se non se aceptan as medidas que os gobernos van aplicar?
O problema de alimentar a Vox no Estado Español non é que sexa de extrema dereita homologable aos Le Pen, Salvini, etc., o problema é que a extrema dereita española ten as súas raíces no franquismo e falanxismo (o fascismo español, para entendermos), nas institucións que se herdaron da ditadura, co exército, a monarquía e a Audiencia Nacional á fronte.
Por iso Vox non é a extrema dereita do sistema democrático burgués como son os Salvinis e demais; senón unha organización que ten no seu código xenético o rexeitamento desa democracia, mesmo burguesa. Con todo, non deixa de moverse nun momento político distinto ao que deu orixe aos fascismos de entreguerras: aínda que hai grandes mobilizacións sociais, a expropiación da burguesía non está na orde do día e o imperialismo aposta por saídas autoritarias, represivas, pero non por saídas directamente fascistas. O fascismo é un grao superior no enfrontamento de clases, como dicía Trotski, é a “utilización de métodos de guerra civil contra a clase obreira”, con base de masas. É cando a burguesía renuncia a gobernar ela mesma a través dos seus representantes políticos, e recorre aos elementos máis marxinais e violentos da sociedade para destruír todo físgoa de organización obreira e democrática.
Agora que está de moda, polo filme de Amenabar, Mentres Dure a Guerra, a diferenza entre as saídas autoritarias e o fascismo, é a diferenza entre Unamuno e Millán Astray. Unamuno apoiou inicialmente o golpe de Franco, pensando que ía ser un “corretivo” autoritario á clase obreira en loita. O que se atopou foi o salvaxismo fascista encarnado no “morte á intelixencia” de Millán Astray. Hoxe a burguesía está máis por saídas á “Unamuno” que ás de Millán Astray. Pero Vox enraíza con Millán Astray; que non teñan que saír os que alimentaron a Vox dicindo “venceredes pero non convenceredes”.
Por iso, nas condicións españolas é abrir unha porta moi perigosa que a clase obreira e os pobos do estado terán que enfrontar, indo á raíz do problema, a pervivencia das estruturas do réxime franquista nas que enraíza. Por iso, calquera goberno que se de, sexa o PSOE-UP con apoio dos independentistas e nacionalistas, sexa a Gran Coalición PPSOE, non servirán de freo de nada, pois son parte dese mesmo réxime. A loita contra o crecemento de Vox é a loita por romper co réxime que lle dá acubillo.
En Galiza no mes de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario