A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 7 de abril de 2020

SOBRE A PANDEMIA QUE PADECEMOS E O QUE SE NOS VAI VIR ENRIBA CANDO SE SUPERE.


Carlos Dafonte.

O marco socioeconómico na que se produce
Coido que para falar con xeito da pandemia que estamos a sufrir, debemos aínda que sexa so un esbozo, precisalo marco socioeconómico na que se produce, único xeito de tentar prever as consecuencias que nos vai carrexar.
            Cando se produciron os primeiros brotes, en China, na provincia de Wuhan, o país máis poboado do planeta onde se producen unha enorme cantidade de mercadorías que despois se distribúen por todos os continentes, levaba un tempo no que a súa economía se estaba a ralentizar; posiblemente pola guerra comercial emprendida cos EEUU, ou pola razón de que cifras de crecemento tan elevadas, de dous díxitos, non se poden manter durante tantos anos como o levaba facendo. A realidade é que a mingua da actividade económica en China repercute nas economías de todo o planeta, pola cantidade de materias primas que importa.
Un caso que pode ser unha anécdota pero que quero introducir ó falar de China; na provincia de Wuhan se celebraron no mes de outubro pasado, os VII Xogos Mundiais Militares, ca participación de máis de cen países e preto de 10.000 atletas.
           
En segundo lugar debemos destaca-lo “brexit”, e a súa influenza negativa na UE así como a incidencia na mesma da propia guerra comercial, a queda do crecemento en Alemaña que a levaba cara a unha recesión, a recesión en Italia, e a rebaixa do crecemento en outros países do espazo común, como no territorio do estado español, debullaba o comezo dunha crise na UE que nunca coñeceremos, despois da pandemia, se ía configurar como unha nova recesión económica, cando as consecuencias da do ano 2007 aínda non se teñen borrado e moit@s traballador@s aínda non acadaron os niveis anteriores á crise, nin en salarios nin en dereitos sociais, etc.
             Tampouco debemos perder de vista, que no mes de novembro se van celebrar eleccións presidenciais nos USA; Trump tenta un segundo mandato, e como se solucione o tema da pandemia no seu país lle pode complica-la súa elección; en calquera caso as súas actitudes sobre o problema, poden ser copiadas por algúns líderes, o caso de Johnson no Reino Unido ou Bolsonaro en Brasil. Trump atópase nunha encrucillada, se paraliza a economía, nun momento moi difícil, non debe ser bo para a súa candidatura, pode perde-lo apoio de moitas grandes empresas a quen lles importa moi pouco a saúde dos traballadores, teñen como en todas partes un grande exército de reserva de man de obra,  e si se producen moit@s mort@s tampouco o vai beneficiar, pode ter un enorme impacto na sociedade, que entenderá que a saúde da cidadanía nas altas esferas importa moi pouco. Nos últimos días foi entrando en razón e frear a pandemia se converteu na obxectivo prioritario da administración federal, pero perdeuse un tempo moi importante que aforraría moitas vítimas.
            E coido que hai que facer esta introdución, para que non nos dean “gato por lebre”; como parece que o capital nunca aprende nada das crises que provoca, seguíanse a comete-los mesmos erros que nos levou á de 2007, e digo erros e non esta ben dito, a competencia intercapitalista lles leva a facer determinadas políticas que indefectiblemente desembocan nunha crise, pero se non actúan do xeito que o fan, moito capital deberá desaparecer da escena económica; a loita intercapitalista é unha loita pola supervivencia e o máis feble sairá derrotado e fora do mercado. Organismos internacionais como o FMI, ou a OCDE, tiñan rebaixado as cifras de crecemento antes de que aparecera a pandemia; a crise é anterior á pandemia, pero xa teño escoitado en varios medios afirmar cousas parecidas a “agora que estabamos a supera-la crise aparece esta pandemia e frea todo”; a pandemia por ser global vai acrecenta-la crise que xa “estaba en marcha”, pero non debemos permitir que nos digan que a pandemia é a causante da crise.
            Outro elemento que caracterizaba o momento no que se produce a expansión do virus era un rebrote importante das loitas obreiras e populares, Chile, Perú, Francia, que se van ver cortadas; rebrotes por esa crise que estaba a caer de novo sobre determinados países antes da pandemia.

O seu espallamento por todos os continentes reflicte un fracaso.
            O fracaso da xestión do público, dos servizos esenciais que debe ter toda sociedade no século XXI. É o fracaso das políticas neoliberais tendentes á non regulación dos mercados, busca-lo beneficio a calquera coste e entrar en nichos como a sanidade pública, onde os poden acadar e moi importantes, pero a un coste extremado como se está a ver agora. Considerar polo tanto, que a sanidade como a educación, como fan os neoliberais,  son gastos en vez de consideralos investimentos, é un erro que a medio curto prazo se paga. E cando non teñen o goberno,  dedícanse a premer sobre os que o exercen, con toda serie de medios, de comunicación, “grupos de expertos”, etc, para que cada vez máis se reduzan as súas partidas nos orzamentos; canto peor vaia a sanidade pública máis negocio para a privada. Pero espero que teñamos aprendido, que estas políticas o que obteñen e deixar máis indefensos @s traballador@s, a maioría da sociedade
 A pandemia que padecemos nos debe levar a unha reflexión;  ten amosado que a nosa sanidade non é tan boa como sempre pensamos e alardeamos; falar de sanidade hoxe, é algo máis que falar das mulleres e homes que traballan no sector, é falar dos medios que se poñen a dispor destes sanitarios para que podan exercer os seus coñecementos, que son moitos e recoñecidos en todo o mundo, e soluciona-los problemas cos que se pode atopa-la sociedade nun momento determinado. E a redución dos orzamentos da sanidade na etapa de Rajoy e do PP, a lei 15/97 aprobada conxuntamente polo Pp e o Psoe, os anos de goberno do Pp en Madrid, explican a situación real na que se atopa a sanidade pública; no caso de Madrid non hai que esquece-las palabras da que foi a presidenta da Comunidade Esperanza Aguirre que agora algún medio de comunicación lle recorda, no senso de afirmar que a sanidade privada era máis eficiente que a pública. O que non explicaba era que xa se encargaba ela e a súa equipa, co respaldo do seu partido, de face-lo posible para debilita-la pública.


Quen pagará os novos costes da trampa neoliberal? A loita de clases non se paraliza.

O que estamos a vivir estes días e resultado da trampa das políticas neoliberais, que ben entendido nos remite á ineficiencia do capital para xestionar o de tod@s. É dicir, para xestionar as sociedades divididas en clases sociais. Só sabe xestionar para unha minoría reducida, o cal entra dentro da lóxica do capitalismo, e dicir xestiona de xeito que a riqueza producida socialmente acabe sendo propiedade privada duns pouc@s. Na situación actual lembro que xa hai uns anos Naomi Klein falou do “capitalismo do desastre” e como as grandes industrias se beneficiaban das crises a grande escala; e se producen nestes casos, como é a situación actual, dúas tendencias: a maioría da xente se centra na emerxencia cotiá, en sobrevivir e a segunda en confiar nos que se atopan no poder.
Nestas circunstancias as elítes políticas e económicas entenden que se poden impor determinadas políticas que permitan que unha parte maior da riqueza pase a mans de esa minoría, que xa controla a maior parte da mesma.
Debemos ter en conta que a situación no estado español era de emerxencia, as cifras así o amosaban; cun desemprego antes da pandemia de máis de 3 millóns cen mil traballador@s; con máis de cinco millóns con contrato temporal que representa o 26, 1 % da xente que traballa; con preto de tres millóns con contratos a tempo parcial, é dicir o 14,8 %; cunha taxa de pobreza laboral do 13 %; con doce millóns de persoas en risco de pobreza, o 26,1 % segundo a taxa AROPE e padecendo pobreza severa máis de dous millóns. Segundo os datos de principios do mes de abril, con máis de oitocentos mil empregos destruídos no último mes, 250.000  empresas que presentaron ERTE’s, etc debemos entender que a situación que xa non era boa agora é moito peor.
Pero a loita de clases non se vai paralizar a nivel de Estado; @s traballador@s terán que seguir loitando e agora en dúas frontes, contra a pandemia de convi-19 e contra os empresarios que tentan, escoitaba declaracións de membros da súa cúpula contrarios a pechar empresas, pois argumentaban, que perderán mercados e beneficios. En moitos lugares como autodefensa son os traballadores os que pechan as empresas para librarse da enfermidade. E os datos aínda que sexan un pouco atrasados son claros, no período transcorrido entre 1995-2005, segundo a OCDE, os salarios medraron un 0,30 % e os beneficios empresariais o 73 %.
Fálase moito estes días de “unidade”, a necesidade de loitar unidos contra a pandemia e é certo que sen a acción coordinada dos traballadores quedando na casa, ca cobertura aprobada por sucesivos decretos do goberno sería moi difícil para-lo avance do virus.  Pero determinados partidos, os conservadores e o máis reaccionario do país, non deixan de facer críticas constantes ás medidas que toma o goberno, medidas que temos recoñecer, que non serían as mesmas se o Goberno fose monocolor do Psoe, ou de alianza con algúns dos partidos conservadores.
Que significado poden ter estas críticas? Creo que supera ós propios partidos que as fan, expresan que hai sectores da oligarquía e da gran burguesía española, que non se atopan satisfeitos cas medidas tomadas polo goberno, non polas axudas que van recibir, senón penso, polo feito de que un goberno decrete o peche de empresas, acolléndose á Constitución; non é aceptable para estes sectores, e danlle pulo a PP e Vox, para que desta etapa o goberno saia o máis feble posible.
Tamén se fala moito estes días da Unión Europea; e dáme carraxe que protesten e critiquen @s que sempre defenderon os tratados aprobados, a Constitución Europea cando se someteu a referendo co apoio do Psoe e Pp e nada dixeron cando a UE machacou ó pobo grego cas súas medidas ou se aprobou a modificación do artigo 135 da propia Constitución Española. A oligarquía nunca é solidaria e a Europa que se está a construír é oligárquica, imperialista e contraria ós intereses dos pobos e iso ou os que agora protestan , ou “estaban na lúa” ou nos queren enganar. A Europa dos “pais fundadores” Monet, Adenauer, etc é esta Europa, eles non querían facer outra, non tiñan outra idea da mesma que se “perdeu polo camiño”; a súa idea é a que se materializa hoxe, unha Europa a dúas velocidades onde mandan os do norte.

En Galicia ninguén da Xunta nin do Pp se enterou do que se nos viña enriba.

Ata o 14 de marzo non se decretou o estado Alarma e a administración central asumiu todos os poderes; agora os responsables da Xunta, con Feijoo á cabeza exíxenlle responsabilidades o Goberno central, amosando ter unha cara dura inimaxinable. Que fixeron eles dende decembro do ano pasado no que se comezou a falar en serio do que acontecía en China? Que medidas tomaron para dotar á débil sanidade pública galega, debilitada polas súas políticas destes anos, dos medios para facerlle fronte? Atopábanse moi entretidos tentando pechar o paritorio de Verín e poñendo problemas á sanidade en Cervo e Muras. Eles tiñan toda a responsabilidade por ter transferidas as competencias de Sanidade e non fixeron absolutamente nada para previr o que se nos veu enriba. Neste senso espero que cando a pandemia se atope dominada, a pesares da actuación do Pp, se lle exixan as responsabilidades e nas próximas eleccións poder botar fora da Xunta a Feijoo e o seu partido; xa o tiñan merecido antes, pero agora, na xestión do coroavirús, e as vergoñentas declaracións que fan, moito máis.

@s traballador@s non deben pagar de novo o custo da crise.
Nin da que estaba de novo en marcha, nin da resultante da pandemia. Pero para iso non chega con seguir na casa e votar a quen nos parece que nos vai defender; hai que organizarse e a mellor organización é a xorde da propia clase é dicir a clase organizada en partido político.
Gramsci pensaba e deixouno escrito nos Cadernos da Cárcere, que a conquista da hexemonía por parte dos traballadores na sociedade pasaba por distintas fases, por distintos momentos.
Un de tipo “económico corporativo” no cal se conquista unha certa consciencia do interese de clase, pero limitada ó sector; considero que é onde a clase traballadora se atopa hoxe, non vou explicar as que considero razóns deste feito.  Un segundo momento en que a identificación de clase esténdese a todo o grupo social pero a súa expresión no terreo político redúcese á perspectiva de lograr cambios favorables ó propio grupo ou clase dentro da lexislación vixente, que pode permitir pasar a un tercer estadio no que se amosa a hexemonía da clase, no que se conquista a consciencia de que os intereses do propio grupo non poden defenderse dentro dos límites corporativos, require a conquista de aliados, a organización política en partido e a loita pola conquista do estado.
Sería doado para sair desta crise que a xente das esquerdas, anticapitalistas, configurasen un programa con diferentes puntos: banca e sectores estratéxicos públicos; una nova fiscalidade máis xusta, que non faga recaer sobre as rendas do traballo a maior parte da recadación; pensións públicas; aumento dos investimentos en sanidade, ensino e investigación; derogación das reformas laboráis e da “lei mordaza”; impago da débeda ilexítima; estudo da saída do euro e da UE; 35 horas semanais sen mingua do salario; parque público de vivendas de aluguer; xubilación ós 65 anos, etc. Estes poden ser, entre outros puntos, parte dese programa que permita a recuperación económica e ir unindo a sectores sociais, a redor da clase traballadora.

En Galicia no mes de abril do 2020


No hay comentarios:

Publicar un comentario