A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 19 de abril de 2020

O PROBLEMA DA "RECONSTRUCIÓN" APÓS DA PANDEMIA E A ACTITUDE FRONTE Ó GOBERNO.


 Carlos Dafonte.
           
Debemos ter claro que entre a crise que se nos viña enriba antes da pandemia e a que esta provocou, debemos reconstruír as relacións sociais de produción e a propia relación entre nós que o convid-19 vai deixar moi danadas; a gravidade da pandemia non só deixa sectores da sociedade convulsos, polo xeito no que se perderon familiares e amigos, senón polo medo a un repunte da enfermidade e volver de novo a vivir as duras experiencias pasadas.
           
As primeiras consideracións entendo, para ter un coñecemento de como actuar, é coñecer a que nos enfrontamos, quen pode soluciona-los problemas da maioría da xente que son traballadores asalariados e que dun xeito ou de outro venden a súa forza de traballo; e as “fabas son contadas”, a administración central, Goberno e Cortes, a Comunidade Autónoma, Xunta e Parlamento, os Concellos e o que chamarei a “estrutura económica”; nos catro planos a loita de clases sempre vai a estar presente e posiblemente aguzada após das secuelas do que ten acontecido.


Un Goberno de compromiso cuns apoios inestables nas Cortes.          
            En toda táctica, o enunciado deste apartado debémolo ter en conta; o actual Goberno ten tres compoñentes fundamentais pero no caso de graves contradicións internas, vai trunfar sempre o compoñente a favor dos intereses do sector da oligarquía que é o que representa o Psoe, aínda que as desmesuradas declaracións e posicións políticas dalgún dos seus antigos dirixentes, caso de Felipe González, así como algunhas intervencións das forzas conservadoras e reaccionarias, faga parecer que Pedro Sánchez e a súa equipa, poden representar a outros sectores sociais menos poderosos; iso que pode acontecer en casos de normalidade económica e social, pero como a actualidade é a que é, a actuación do Psoe debe se-lo termómetro de canto está disposto a ceder o sector oligárquico, nesta situación de excepción, o que ten a hexemonía económica e política no país dende os comezos da transición á democracia burguesa.
           
Un segundo compoñente é Podemos que coido representa ben a sectores da pequena burguesía radicalizada pola crise económica do 2007-2008 e nun proceso de proletarización, e por último o PC e EU conformado por sectores da aristocracia obreira e do movemento obreiro máis reformistas. É certo que o PCE no último congreso se declarou marxista-leninista, pero penso que foi un acordo conxuntural para tranquilizar a un pequeno sector do partido; polo de agora non tivo maior transcendencia.
           
Un goberno feble e con pouco apoio nas Cortes, onde os de ERC ata que non se celebren as eleccións en Cataluña, por medo a perder votos se adquire maior compromiso cos “españolistas”, non o van facer. E tamén atópase na perspectivas política,  eleccións no País Vasco.
           
Por iso en apostaba por un goberno de concentración Psoe-Pp e que Unidas Podemos fose a principal forza de oposición e agrupara, sen sectarismos, cunha política baseada nas reformas estruturais e a mobilización, a toda unha serie de sectores da esquerda que existen no estado español. Pero ben, non foi posible e Unidas Podemos pode saír moi “queimada” desta experiencia de Goberno. E a perspectiva pode ser un goberno de “grande coalición”, é dicir Psoe-Pp, con Unidas Podemos moito máis feble, ou un no que sume á dereita ultraconservadora ca dereita reaccionaria.


Algunhas outras consideracións sobre o que está a acontecer.

Podémoslle chamar como se queira, pero o acontecido na economía e na sociedade configurada no estado español e no resto do planeta, obriga a falar de “reconstrución” que é a verba máis utilizada para sinala-lo proceso que se debe levar adiante cando saiamos da situación actual; e coido nos van tentar enganar dicindo que só o conseguiremos si estamos tod@s unid@s, que esta é unha empresa de todos e todas. A pregunta que debémoslle facer a quen faga esta formulación é,  a redor de que políticas económicas e sociais? Pois non hai unha única saída da situación actual. Hai saídas que poden beneficia-los traballadores, e outras ós de sempre, os que sempre gañan cas crises que eles mesmos crean.

A reconstrución debe de ter moito que ver co acontecido nestes meses de pandemia e na crise que se nos viña enriba dende antes. Afirmo en primeiro lugar, que este virus, como o ébola noutro momento, o zika en América, o do Nilo, o nipah o do marburgvirus e algúns máis que azoutaron e azoutan, numerosos países, é resultado das actividades do modelo capitalista de produción, das súas políticas nada respectuosas co medio ambiente, destrutivas, na súa busca constante do beneficio a calquera prezo, sen importarlle nada en absoluto as consecuencias que podan ter para os habitantes do planeta. Os capitalistas que se concretan nos que teñen diñeiro e o transforman en capital, políticos e medios de comunicación ó seu servizo, actúan como si viviran eles sos no planeta sen ningunha consideración, cando non representan máis 5% da poboación, para o resto dos que temos que vivir sobre o mesmo.

A autora de varios libros sobre este tema, Sonia Shah, afirma nun artigo recente, que “a nosa vulnerabilidade frontes as pandemias ten unha causa máis fonda: a destrución acelerada dos habitats”. E máis adiante afirma, que o problema non está nos animais que poden ter toda unha serie de microbios que non lles afectan, “o problema esta noutra parte: na deforestación, na urbanización, e a industrialización sen freo, coas que temos dotado a eses microbios de medios para chega-lo corpo humano e adaptarse” (...) “Como resultado, medra a posibilidade de contacto próximo e repetido cos humanos, permitindo así ós microbios hóspedes pasar ós nosos corpos, onde pasan de ser benignos a converterse en axentes patóxenos letais”. A actividade do capital nos trae as pandemias, sen esquecer, que parece que xa o estamos a facer, o que ata hai poucos meses parecía que comezaba a preocupar, o cambio climático. É preciso sacar conclusións.

En segundo lugar, tamén debíamos sacar a conclusión que me parece moi importante, e debía ser unha lección para @s traballador@s asalariad@s e inquietante para o capital, que a situación actual colocou nun primeiro plano o feito de que si os traballadores, o capital vivo, non se incorporan ó proceso produtivo, o investimento en capital morto, fabricas, hoteis, etc se desvaloriza constantemente e os empresarios-capitalistas teñen cuantiosas perdas. Só o traballo dos asalariados é o que produce riqueza e revaloriza o capital investido; sen traballo humano non hai proceso de acumulación e este feito pon en evidencia a falsidade dos grandes  e medianos empresarios cando falan que eles “producen a riqueza” dun país; o que fan é dar salarios que non é riqueza, a maioría das veces baixos, que non permiten ós que verdadeiramente a producen, nin vivir con dignidade.

En terceiro lugar, sinalar a actuación dos ultraliberais; cando chegan os momentos de crise esquecen as teorías que estiveron predicando e nos aseguraban eran as únicas que permitirían a prosperidade; esquecen tamén o seu argumentario contra os que exiximos cambios, que hai un tempo Albert Hirschman analizou e cualificou como a retórica reaccionaria, ou “reactivo-reaccionarias”, que concretou en tres teses principais ás que denominou a teses da “perversidade”, da “futilidade” e a do “risco”. Se tivera máis espazo para concretalas, seguro que as recoñeceríamos inmediatamente nas verbas de moit@s polític@s que encheron a etapa dende a ditadura ata hoxe. Só poñerei un exemplo, Hayek, un dos país do neoliberalismo, polos anos corenta falando do estado de benestar afirmaba nunha das súas obras máis coñecidas, que este era un risco para a liberdade e a democracia.
Polo tanto estamos hoxe, nun momento de debilidade ideolóxica da clase dominante e dos seus intelectuais orgánicos, pero, atópanse os portadores do pensamento capaz de supera-la situación actual, os que levan tempo considerando a necesidade de deixar atrás o modo de produción capitalista, en condicións para que o seu xeito de pensar, apareza ca forza suficiente que permita que amplas capas de traballadores e outras clases explotadas, sexan permeables a un novo xeito de  concibir unha nova sociedade?. A resposta a esta pregunta é negativa, as forzas da esquerda, as anticapitalistas, aparecen hoxe desarmadas a nivel ideolóxico e padecendo aínda a “derrota histórica” que significou a volta do capitalismo a enormes espazos do planeta, onde a burguesía fora expropiada. E non quere dicir que eu estivera de acordo co modelo político, económico e social que se construíu neses países que se denominaban de “socialismo real”.

Non estamos a librar unha guerra. Que actitude fronte ó Goberno?
Prodúceme un enorme desacougo, o emprego constante por parte de institucións e a maioría de medios e polític@s, dunha terminoloxía de guerra que non comparto; e as verbas nunca son inocentes e hai unha mensaxe explícito nesta verba, así como na aparicións constante de mandos militares e de policía nalgunha rodas de prensa; non se destruíron casas, fábricas, rúas, etc, pola acción dun inimigo externo contra o que hai que concentrar todo o noso esforzo para derrotalo. Non é o noso sistema económico inocente das causas do desenvolvemento da pandemia, uns países teñen maior responsabilidade que outros, pero agás uns poucos, todos contribuímos ó que nos está a acontecer. Moi poucos países son inocentes, pero debemos ter claro que os elos fortes das cadeas imperialistas son máis culpables que os máis febles. Os que machucan a numerosos pobos baixo a súa bota e lles impoñen estruturas industriais moi contaminantes, os que pulan a deforestación, son máis culpables que os que as aceptan se queren ter algún tipo de desenvolvemento.

Hoxe a situación a entendo, en vez de aceptar que nos atopamos nunha guerra, os capitalistas e sobre todo os neoliberais as montan por todo o planeta, e polo tanto aceptar a utilización de determinadas verbas para vencer na mesma, unidade e defensa inquebrantable do mando único, ¡¡vaia espectáculo se está a dar sobre o número de falecidos!!, ninguén parece mirar para os tempos que temos por diante, debemos ser conscientes que o que necesitamos nestes momentos é comprender ben a situación e utilizar as verbas dos traballadores como son solidariedade, defensa das liberdades e dos dereitos fundamentais, políticos, económicos e sociais e desde unha perspectiva de aceptar determinadas medidas que o Goberno impón e que benefician a toda a sociedade, a crítica e a exixencia de determinadas políticas sociais e o abandono de outras que levamos moitos anos padecendo e deben deixar de ser as  prioritarias na nova etapa que debemos abrir. As que beneficien ós traballador@s asalariad@s se deben impor por enriba doutras consideración. Pero para acadar ese obxectivo a mobilización é fundamental.

En Galicia no mes de abril do 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario