A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 15 de mayo de 2020

A "NOVA NORMALIDADE" DO SISTEMA CAPITALISTA


Roberto Laxe
A “nova normalidade” é un oximoron; se é nova, non pode ser normal, porque o normal só convértese nunha forma de vida co tempo, e se é "nova" é que non existía, e por tanto non tivo tempo de adquirir esa característica de “normalidade”. Está claro que con "nova normalidade" só expresan o seu desexo de “volver á normalidade”, baixo as novas condicións creadas pola pandemia de Covid 19.

Afirmar que hai que voltar á normalidade significaría, nin máis nin menos, retrotrairmos ao que nos trouxo aquí. Ás privatizacións que desmantelaron os sistemas socio sanitários de proteción da saúde publica; ás reformas laborais que precarizaron o emprego deixando en mans dos empresarios qualquer decisión, por encima da saúde publica; aos recortes das liberdades en todos os estados, coas policias/xendarmerías/carabineiros convertidos en garantes desa saúde publica.
Á crise ecolóxica que supón o quecemento global e á enfermiza relación do ser humano coa natureza catalizada polas relacións sociais de produción capitalistas, baseado no saqueio das riquezas humanas e naturais.
Á familia patriarcal como núcleo fundamental para manter a reprodución da especie e a forza de traballo, baseada na relación xerárquica dominada polo home. Unha relación tocada nas súas bases polo mesmo capitalismo, que necesita man de obra barata e polo avance científico que abre as portas ás decisións individuais sobre o sexo/xero.
Isto é o que significaría “volver á normalidade”, porque esa era a normalidade. Como iso non é posible, posto que a pandemia veu para quedar; ata que non haxa vacina as medidas de excepción van ser inevitables, e ninguén, nin os capitalistas nin os seus opostos sociais, a clase obreira poden vivir sine die sen que a produción e distribución de mercadorías este activa.
Como vivimos, gústenos ou non, no sistema capitalista, e a pandemia puxo de manifesto a máis absoluta inutilidade do capitalismo e os seus estados para garantir a saúde publica, teñen que inventar ese oximorón da “nova normalidade”.
Visto o que significa a “normalidade” da explotación capitalista, “que hai de novo, vello”? preguntaríase un vello debuxo animado. Porque non é certo que vaian nacionalizar toda os servizos públicos e a industria esencial, como a farmacéutica, as eléctricas, o téxtil, as empresas de servizos sanitarios, etc.
Como tampouco é certo que vaian derrogar toda a lexislación represiva que lles serviu para garantir as corentenas. Non serían gobernos burgueses se renunciasen á esencia do estado capitalistas, a “maquina burocrático militar”; serían outra cousa.
Como tampouco van destruír a familia patriarcal, tomando medidas de socialización do traballo doméstico como gardarías, comedores públicos, lavandarías públicas que libere á muller do lugar físico no que se manifesta o seu opresión, o fogar. Coidado, as lavandarías/negocio abertas ao público que hoxe existen en todos os barrios nunca pecharon as súas portas, foron consideradas esenciais.
A “nova normalidade” agocha un eufemismo da “vella normalidade” capitalista baixo as condicións de que mentres non haxa unha vacina, a pandemia vai seguir, como a sida que segue sendo unha pandemia. A burguesía e os seus gobernos apostaron porque a pandemia vai ser “estacional”; é dicir, recurrentemente haberá que lidar con ela, como o demostra a afirmación do goberno de Merkel, cando para suavizar a corentena di que “xa hai camas libres” nos hospitais.
Da mesma maneira que coa sida, pandemia que non pecharon porque segue habendo millóns de mortos todos os anos ao non haber vacina, só tratamentos, eles asumen que a “nova normalidade” vai ser convivir co Covid 19. O sida controlárono nos estados imperialistas, mentres que en Africa está desbocado; pero bo, “só” son africanos, carne de patera.
O Covid 19 a diferenza da sida que ten unha transmisión máis localizada por grupos sociais, é 
A “nova normalidade” que nos prometen é a “vella normalidade” capitalista, pasada polo tamiz da crise económica, que a agudizou até extremos de depresión e vaise a manifestar nunha débeda publica e privada escandalosa - os 100 mil millóns de “axudas” ás empresas son prestamos dos bancos avalados polo estado-, na perda de dereitos dos traballadores e traballadoras aguilloadas por un paro galopante, na privatización dos servizos públicos, etc.
Para evitar que esta “vella normalidade” adornada de “nova normalidade” desemboque en revoltas sociais de gran calado, alimentadas pola evidencia publica da inutilidade do capitalismo para garantir a saúde publica, as medidas represivas que tomaron para garantir os estados de alarma e confinamento, lexitimadas ante a poboación como “loita contra a pandemia”, vanse a converter no eixo para garantir a orde nesa “nova normalidade”; como xa sucedese coas “actas patrióticas” e as medidas “antiterroristas” adoptadas tras os atentados do 11 S.
A clase obreira e as súas organizacións precisan estudar a fondo cal vai ser esa “nova normalidade” capitalista, posto que a loita, a partir de agora, vaise a dar baixo eses novos parâmetros; definidos pola constatación publica da inutilidade absoluta do capitalismo para defender a saúde publica ante pandemias deste estilo e demonstrado que hoxe so podem construirse organizacións que o enfrente desde a perspectiva da transformación socialista da sociedade.
Na Galiza no mes de maio de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario