A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 27 de mayo de 2020

A PANDEMIA E O ESTADO.

Roberto Laxe 

A “máquina burocrática-militar” volveu
Non é que desaparecera de todo, senón que desde a II guerra mundial o conxunto de institucións burocráticas e militares que é o estado transmutaran no Estado do Benestar, de tal forma que o seu compoñente represivo quedaba oculto polo aspecto “benfeitor”. Posteriormente, o estado neoliberal xurdido coa contra revolución conservadora de Thatcher e Reagan difuminara as súas fronteiras de clase pola inercia do estado do ben-estar e a ideoloxia individualista pos moderna, que se creia invulnerable.

A pandemia de Covid 19 decorreu todos os veos que ocultaban o verdadeiro carácter do estado, e aparece con todo o seu esplendor a definición de Marx, que é unha “maquina burocrático militar” para a defensa dos intereses da clase dominante. Fronte á pandemia, rexurdiu con forza o “salvese quen poida” por encima das institucións internacionais (ONU, OMS, UE), creandose unha “crise de gobernanza” a nivel mundial. Neste marco todos os estados, e os seus gobernos, sen distinción de cor, teñen un só obxectivo, “que a súa economía non caia”; a “maquina burocrática militar” ponse á tarefa de defendela, cada un coa súa propia idiosincracia.
Uns con confinamentos a punta de app / pistola (China), outros en base a infundir medo nas masas e coa represión como eixo (o Estado Español, Francia) aplicando a máxima de Maquiavelo de que “quen controla o medo as xentes, domina as suas almas”; algúns basandose na súa estrutura social máis homogenea e estable (Alemaña), e varios, con presidentes histrionicos como Trump e Bolsonaro, negando a maior, a gravidade da pandemia, e para que a “economia non caia” pon en risco non só a eles, senón a todo o mundo.
En todos os casos; o que é un feito irrefutable é que o capitalismo e os seus estados, como forma de organizar a sociedade para responder as necesidades sociais son como o Titanic, están a naufragar por un feito inesperado. A “maquina burocrático militar” demostra-se incapaz de garantir a saúde á poboación ante a pandemia de Covid-19. Os datos de contaxiados, de mortos, de confinamentos e peches de fronteiras, xunto coa caída abrupta da economía, demostran os pés de barro que ten o capitalismo, sostido na irracional “man escura do mercado”.
Cando chega un feito que non se corresponda co piloto automático da economía capitalista -o binomio rutineiro de “explotación/acumulación de capital”-, rompe esa relación como sucede agora cos confinamentos; salta o piloto automatico e o sistema desliza-se pola pendente dunha crise social, política e existencial definida polo paradoxo do soño de todo o mundo de “volver a unha normalidade”; unha normalidade que, en realidade, era o problema.
Isto, que se fixo evidente para millóns de seres humanos en todo o mundo, tradúcese na  busqueda de alternativas sociais fronte ao capitalismo. Ser “anticapitalista” no 2020 non é dificil; isto é o que deu forza ao famoso editorial apócrifo do Washington Post, “Ou morre o capitalismo salvaxe, ou morre a civilización humana”. Converteu-se en viral porque situaba o problema, a crise do capitalismo, adornado polo lazo do quen o dicía, un medio de comunicación “serio”, aínda que fose falso. Racionalizaba o que moita xente intúe ou pensa.
o socialismo está a renacer
Como a ave Fenix, o socialismo está a remontar o voo como unha alternativa máis que real ao desastre xerado pola incapacidade do capitalismo para superar os retos impostos polo maldito virus Covid-19. Non vai tardar que moitos e moitas se reivindiquen socialistas ou levanten “elementos de socialismo” (I Ramonet dixit), como os casos de Alexandra Ocasio, Bernie Sanders no corazón do monstro. Reivindícanse “socialistas democráticos”, si, pero utilizan unha definición política maldita na EE UU desde hai decenios, e desprezada no resto do mundo desde a Caida do Muro de Berlin e a restauración do capitalismo nos estados chamados “socialistas”.
Pero, que é o que diferencia un socialista revolucionario dun socialista democrático, as reivindicacións parciais? a defensa dos oprimidos? A esixencia de redistribución da riqueza? a defensa dos dereitos políticos e a democracia?. Todos eles xuntos? Pois vai ser que non. Uns e outros defenden, con matices, os mesmos dereitos sociais e políticos; a barreira que separa un programa revolucionario dun reformista é a atitude fronte ao estado. A perspectiva de como e fronte a quen se defenden e conquistan eses dereitos.
Isto é o que separa aos revolucionarios dos reformistas, o recoñecemento de que o estado non é un grupo de institucións neutrais, que chega con tomalo para polo ao servizo dunha clase ou outra. Algúns mesmo reivindicando o marxismo, quedan na afirmación de Marx e Engels do Manifesto Comunista, cando falan de “tomar a maquinaria do estado” ou “asaltar os ceos” e esquecen o prefacio á edición alemá de 1872 do Manifesto, que di;
Aínda que as condicións cambiasen moito nos últimos vinte e cinco anos, os principios xerais expostos neste "Manifesto" seguen sendo hoxe, en grandes trazos, enteiramente acertados. Algúns puntos deberían ser retocados”. (...) A Comuna demostrou, sobre todo, que «a clase obreira non pode limitarse simplemente a tomar posesión da máquina do Estado tal e como está e servirse dela para os seus propios fins”.
Unha xeneralización da idea que atopamos na carta de Marx a Kugelman, de 1871, cando di que na próxima revolución francesa, tras a Comuna de Paris, a tarefa “non é facer pasar dunhas mans a outras a máquina burocrático-militar, como viña sucedendo até agora, senón demolela”.
As razóns que levaron a Marx e Engels a sinalar os limítes do Manifesto Comunista enraizan na realidade da loita de clases; demostroulles, máis aló de toda dúbida razoable, que as institucións fundamentais do estado, “a maquina burocrática militar”, non se pode pór ao servizo da clase traballadora, porque son institucións creadas para dominar á maioría social e  garantir a explotación da clase obreira. Como a función fai a órgano, e non ao revés, unha institución creada para a opresión dunha maioría por unha minoría, o estado burgués, é inservible para a tarefa inversa, a dominación dunha minoría por unha maioría que é o estado obreiro.

Do estado do benestar ao estado neoliberal
Tras a II Guerra Mundial, un dos momentos nos que o Capitalismo mostra o seu rostro máis salvaxe, o mundo viuse sacudido por unha onda revolucionaria; desde Indochina até Italia, os procesos revolucionarios sucédense coa liberación de 1/3 da humanidade da explotación capitalista. A burguesía mundial ve que igual que sucedese tras a I guerra, unha onda revolucionaria ameaza a súa poder.
Se naquel momento contou coa II Internacional, pasada con armas e bagaxes ao campo imperialista, neste caso foi a URSS, tras a disolución da III Internacional, a que asumiu ese papel de apagalumes, conseguindo-o nalgunhas ocasións como Italia, Francia ou Grecia, sendo desbordado noutras, como Iugoslavia ou China que se escapan aos seus plans, ou reconducindo a estados non capitalistas profundamente burocrátizados desde a súa orixe, os de Europa Oriental que despois constituirían o Pacto de Varsovia.
A destrución masiva de forzas produtivas con 60 millóns de mortos, con Europa, Xapon e parte de Asia devastadas polas bombas, significou un novo proceso de acumulación primitiva de capital, financiado polos excedentes de capital que os EE UU acumularan nos anos da guerra. Unha potencia convertida na nación hexemonica do mundo capitalista, permitiuse o luxo de financiar a reconstrución dos que foran os seus grandes competidores, Alemaña, Xapón, Francia, Gran Bretaña, etc., a través de plans de investimento.
Pero este plan tiña as súas condicións; a revolución debía quedar excluída radicalmente da ecuación. E nisto a URSS puxo o seu grao de area nos acordos de Yalta e Potsdam coa política de “coexistencia pacifica” e a previa disolución, en 1943, da III Internacional. Desta maneira, salvo excepcións como o PC Chinés ou a liga dos Comunistas de Iugoslavia, todos os Pcs do mundo admitiron a logica da “coexistencia pacífica” co capitalismo a través de “compromisos históricos” como o abandeirado polo PC Italiano.
Está claro que ás masas traballadoras, empobrecidas pola guerra até a miseria e a fame, había que darlles unha alternativa á revolución. Este é a orixe do Estado do Ben-estar, é dicir, a asunción por parte do estado de moitas das reivindicacións obreiras como o dereito á saúde, á vivenda, a unha pensión digna, á educación, etc.; unha experiencia que en Suecia levaban aplicando desde antes da II guerra. A contrapartida das organizacións obreiras era obvia; a revolución deixábase para os “dias de festa” e textos teoricos, mentres a prática politica baseábase na conciliación de clases/coexistencia pacifica co capital.
Desde que en Gran Bretaña, en 1948, constitúese o Servizo Nacional de Saúde, o Estado de Benestar vaise estendendo por toda Europa, como contestación “social” do capitalismo fronte aos novos estados non capitalistas, estendendo o seu loxica a todos os niveis; desde a incorporación de moitas das vellas reivindicacións obreiras como dereitos recoñecidos polo estado até a cogestión obreira en grandes e medianas empresas privadas, incorporando aos sindicatos nos Consellos de Administración.
O estado do benestar aparece ante as masas obreiras, sobre todo nos estados imperialistas centrais, como a superación do vello conflito de clases e sobre todo, disolve o carácter de clase do estado. Parece que a vella definición de Marx e Engels de que o estado unha “maquina burocrático militar” para garantir a “dominación de classe” era, iso, vella; pasada pola historia.
Como un aparello burocrático que garante os dereitos á saúde, á educación, á vellez, etc., pode ser unha maquina de “dominación de classe”? O estado do benestar, no marco da paz social que foron os “30 gloriosos” nos que foi a forma fundamental do estado, aparecía nas mentes das masas obreiras non como o seu inimigo e opresor, senón como un benfeitor ao que, como moito, hai que esixirlle maior eficacia e coherencia. Esta foi a base do reformismo durante todos estes anos; a loita politica, separada da loita sindical cotiá, reducia-se á participación nas eleccións para que as forzas obreiras, desde o goberno ou os parlamentos, mellorasen esa maquinaria burocrática.
A revolución, é dicir, a destrución violenta do aparello do estado e a súa substitución por outro superior - aclaro, superior non diferente, porque a contrarevolución tamén supón a destrución violenta do estado democrático para substituílo por outro-, quedou confinada a pequenos paises como Cuba ou Vietnam. Na Europa imperialista, en Xapón, nos EEUU ou Canada, o estado do benestar, cada un á súa maneira, foi tomando corpo e presentouse como a alternativa á revolución socialista.
Pero “todo ten o seu final” di a canción, e no crack bolsista do 67 o capitalismo deu o primeiro aviso de que o crecemento dos anos 40, 50 e 60 estaba a chegar ao seu fin. É dicir, que as bases económicas que sostiveran o estado do benestar estaban a racharse. Este aviso converteuse en catastrofe en 1971 cando a EE UU rompen o acordo de Bretoon Woods e a paridade “dólar-ouro” que dera unha gran estabilidade a todo o sistema.
As consecuencias sociais son case directas, o maio do 68 parisiense é o comezo das hostilidades da clase obreira e os pobos, non só en paises do chamado “terceiro mundo”, senón en potencias imperialistas tan centrais como os EEUU, golpeado pola derrota en Vietnam, Francia, Italia (o outubro vermello do 69), ou o tres ditaduras europeas, Portugal, Grecia e o Estado Español. Un ascenso que prolonga-se até comezos dos 80 e termina abruptamente, co triunfo da burguesia británica ante a folga mineira e a derrota da revolución nicaraguana. O estado do benestar comeza a ser desmantelado pola “(contra)revolución conservadora” que encabezan Thatcher e Reagan, e que ao longo dos 80 irase estendendo por todo o mundo.
Froito da crise econòmica do capitalismo, desde os gobernos adóptanse tres medidas orientadas a recuperar os beneficios capitalistas a través de devolver ao mercado o que o estado do benestar convertera en dereitos; a saúde, a vivenda, a educación, as pensións, etc., etc, e comezan as grandes privatizacións dos servizos publicos. A segunda gran medida é a reconversión e privatización da industria pesada, maioritariamente nacionalizada como unha medida que libera á burguesía do gran investimento en capital fixo que supón esa industria, asumida polo estado. A terceira é a liberalización absoluta dos fluxos financeiros; vanse caendo, un tras outro, todos os limites que se impuxeron aos bancos no seu quefacer especulativo, tras a súa responsabilidade no crack do 29.
Como na danza do Sete Veos, coas privatizacións dos servizos publicos, coa reconversión, e venda das máis rendibles da industria, coa liberalización dos mercados financeiros, o estado vaise desposuíndo de todos os que tapaban a súa esencia como aparello de “dominación de classe”. Desta maneira volve o estado como “maquinaria burocrática militar”.
Aínda que actualmente o que queda dese estado benfeitor son restos circunscritos basicamente aos europeos, o desmonte do estado de benestar non foi por decreto, senón un longo proceso de loitas que aínda non terminou. Por iso cala na poboación a propaganda do sistema, que segue falando del coma se estivéramos nos anos 60, fomentando a imaxe de hoxe temos é un “estado do benestar” ao que debemos volver, segundo os reformistas.
A pandemia de Covid 19 está a ser demoledora para esta imaxe; acabou coa inercia que se sostivo a través da propaganda burguesa, lanzando á sociedade ao que realmente vivemos o vello estado burgués, a “maquinaria burocrática militar” de Marx e Engels: a resposta dos estados á pandemia pon ao descuberto o seu carácter de instrumento de opresión e explotación.
Xa a crise de 2007 / 2008 anunciárao, cando a caida do sistema financeiro mundial foi seguido dun investimento billonaria dos estados para o seu rescate; pero a saúde da poboación non estaba en risco,... “só” as súas condicións de vida. Pero hoxe o que está en risco é a vida mesma da poboación; e ante isto os estados só preocúpanse de que a “economía non caia”.
Como a calquera que teña dous dedos de fronte non lle cadran as contas, posto que o que non “caia a economia” entra en aberta contradición coa saúde publica, os estados teñen que pór de manifesto o que son, “maquinas burocrático militares” para garantir a dominación de clase: uns ás claras, como os mencionados Trump ou Bolsonaro, outros coa demagoxía de “isto vencémolo unidos”, como os europeos; pero todos deslizando-se polo camiño do recorte de liberdades e o fortalecemento dos trazos bonapartistas e autoritarios dos regimenes.

A diferenza entre os revolucionarios e os reformistas
Vólvese aquí á diferenza entre os que queren enfrontar esta deriva coa nostalxia dunha “volta á normalidade” do pasado, a chamada “nova normalidade”, e os que ven que esta crise é unha manifestación da decadencia do sistema capitalista, na súa fase imperialista. Asi, para os reformistas, adórnense de fraseoloxia radical ou non, o centro das súas propostas é esixirlle a este estado o que faría un “verdadeiro” estado do benestar e reconducen as esixencias sociais -expresión política das necesidades sociais- ás institucións democráticas.
Poden, mesmo, denunciar aos gobernos máis democráticos por incoerentes; poden impulsar mobilizacións sociais, con todas as limitacións impostas polas medidas de confinamento, pero no fondo todo o seu obxectivo é esixir ás institucións democráticas que resolvan os problemas, institucións que non cuestionan como parte da “maquinaria burocrático militar”; senón que as fan aparecer como diferentes ás represivas e dalgunha maneira neutrais, presentando esas medidas represivas como “defensa do ben común”.
Co fracaso do capitalismo e os seus estados ante a pandemia a reconstrución do proxecto socialista trae aparellada, como a farsa do drama histórico, a vella discusión de “tomar” ou “demoler” a maquinaria do estado. Así, tras o fracaso do estalinismo e a dexeneración burocrática da URSS, sectores progresistas como o proxecto renacido dunha “internacional progressista” tras Varoufakis para defender unha volta ao estado do benestar, ou o chamamento de Ramonet a que o novo discurso inclúa “elementos de socialismo”, sen tocar a raices do problema, o poder do estado burgués.
De novo, as palabras de Marx e Engels resoan en todo o mundo; para enfrontar a pandemia e envitar un verdadeiro desastre que nos paises dependentes de Africa, Asia ou America pode adquirir tinguiduras de barbarie, a tarefa da clase obreira é “tomar” o aparello do estado para polo ao seu servizo, ou con isto non basta, e non hai que facelo “pasar dunhas mans a outras a máquina burocrático-militar, como viña sucedendo até agora, senón demolela”.
De como se responda a esta disxuntiva, as organizacións orientaranse no camiño da transformación socialista da sociedade ou quedarán atadas, como a súa á esquerda, ao estado burgués.
Na Galiza no mes de maio 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario