A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 21 de mayo de 2020

UNHA PANTASMA PERCORRE O TERRITORIO DO ESTADO ESPAÑOL: A PANTASMA DO ANTICOMUNISMO.

Carlos Dafonte.

            Toda esta etapa, longa etapa de crise económica, social e política, que entre outras consecuencias permitiu a aparición de organizacións reaccionarias nas institucións cun forte apoio popular, trouxo outra non menor como é a reacción diante deste feito de organizacións como o PP que radicalizou o seu discurso contra o feble goberno actual, pasando do típico discurso neoliberal ó constante insulto e descualificación do adversario; pero non só se produciu esta reacción nos organizacións políticas máis conservadoras e reaccionarias, tamén acontece na sociedade e reflíctese nas redes sociais dun xeito pouco crítico e apolítico, entendo estes termos por non utilizar argumentos para convencer  a maioría das veces; se pode dicir que parece se tivera producido unha consigna xeral de que en política “vale todo” con tal de gañar votos. Temen os conservadores e reaccionarios a consolidación dunha alianza de organizacións políticas, moi heteroxénea, que lles impida o acceso ó control de determinadas institucións durante un período  de tempo.
            E como non podía ser doutro xeito, algúns elementos de propaganda que estiveron moi presentes na etapa da ditadura, cando xa parecían superados após os anos da transición, volven a parecer de novo, como é a tentativa de descualificación ca verba “comunista”.
           
Denominación polos analfabetos políticos, das sociedades onde a burguesía fora expropiada e iniciaran unha etapa de transición, que como se veu hai uns anos, levounas de novo cara o capitalismo.
            Penso que á xente nova esta verba lle di moi pouco o que se tenta é “refresca-la memoria” de moita xente que viviu a ditadura e parte da transición e o perigo “comunista” era esgrimido constantemente. Ademais é curioso, xuntase este concepto con outros dous que se foron impondo nestes anos e que se aplican a todo o que se enfronta ó réxime español ou ó imperialismo, son o de bolivariano e populista; polo tanto o goberno actual, sería, non o digo eu, o dixeron algúns políticos nas Cortes e en declaracións fora delas,  “social-comunista- bolivariano e populista”, todo xunto, do mesmo xeito que na ditadura un dos perigos fundamentais era o “comunismo-xudeo -masónico”. E ata teño lido nun comentario nunha rede social, que é en setembro, cando se implanta o comunismo.
            Traio o anterior a esta reflexión, para amosa-la a ínfima capacidade intelectual dunha parte importante dos nosos políticos, sobre todo dos que utilizan estes slogan, consignas, ou como lles queiramos chamar que nos indican que nada teñen reflexionado nin estudado sobre os contidos de cada unha das verbas que utilizan; e as mesturan todas como nunha “sopa de verduras”, aínda que o que encerran, os contidos de cada unha das verbas, sexan completamente contraditorios uns con outros; ti non podes ser comunista e o mesmo tempo ser populista, ou comunista e bolivariano polo menos no campo da estratexia e por enriba, levar adiante unha política neokeynesiana. Do que se trata é de non estudar, de non tentar comprender o que significan estas verbas, o que leva a non facer nunca formulacións teóricas o que lles incapacita para esgrimir argumentos políticos; na política non se argumenta para desbarata-las posicións do adversario, argumentos fundados en lecturas, discusións, experiencias que a vida te vai dando, en política se utilizan hoxe outros métodos, impostos por determinados gabinetes de asesores que os políticos repiten; asesores que centran os seus análises nas enquisas. Sempre nos dicían que nas Cortes ou nos Parlamentos tiñan que esta-los mellores, as mulleres e homes que estudaran nas mellores Universidades, pero vendo como se actúa estes últimos anos nesas institucións, opino que vale moito máis un traballador de familia proletaria con conciencia de clase e estudoso e preocupado polos problemas que lles atinxe, que esta panda de inútiles que amosan acotío a súa incapacidade intelectual, polo menos entre os que se denominan oposición.
            Pero ben, casos como estes xa se deron hai moito tempo, cando Roosevelt pulou o New Deal, tentando saír da crise de finais dos anos vinte do século pasado, moitos capitalistas dos EEUU, algúns ben coñecidos, alertaban do perigo das políticas comunistas e do bolxevismo do presidente e como contrapartida, formulaban o modelo nazi alemán como o máis indicado para unha saída concorde cos seus intereses e para “corrixir” as actitudes d@s traballador@s ; Hitler no seu despacho tiña unha fotografía asinada por Ford e o pai dos Kennedy así como o pai e avó dos presidentes Bush de apelido, tamén consideraba que ese modelo era o que se tiña que implantar no seu país; era tan seareiro dos nazis, que inclusive cando o seu país xa entrara na guerra en Europa, seguiu facendo negocios relacionados co petróleo, axudando ós inimigos, polo que se lle expropiaron as empresas. E non esquezamos a sectores poderosos da sociedade británica, algúns pertencentes á propia familia real ou a lord Halifax, partidarios do pacto co nazi-fascismo e que este “saldara contas” ca URSS; esa era a perspectiva do capital cando financiou e prestou todo tipo de axuda ó nazismo, ó fascismo e o franquismo.
           
O verdadeiro obxectivo do anticomunismo.

            Desgasta-lo Goberno de coalición, ese é o obxectivo e para iso necesitan tamén a exaltación da figura de Franco e a revisión do papel das revolucións proletarias triunfantes ou non, e en calquera dos casos, comparar e situar no mesmo plano ó nazismo e o comunismo.
            Canto maiores sexan as barbaridades que se vertan sobre o comunismo, máis intranquilos se poden poñer sectores do Psoe que nunca viron con bos ollos, nin a Pedro Sánchez e menos a EU, o PC e a Podemos.
            Exaltar a Franco e o seu réxime, se fai entón por se-lo vencedor do comunismo, é o home que liberou a España dunha etapa, non hai nunca matices, idéntica da que aconteceu por exemplo na URSS. E isto repítese constantemente publicando fotografías nas redes sociais da etapa da ditadura e a exaltación continua dese réxime, ou en intervencións nas institucións.
A xente que así se expresa, tenta que  esquezamos aspectos fundamentais da historia; si tivese gañado a República, din, se instauraría o comunismo, non dan argumento algún para esa afirmación; esquecen a existencia do nazismo que invade Francia, e creo por numerosas razóns, que si no estado español continuase a República, tamén sería invadida; esquecen tamén que a derrota do nazi-fascismo traería a eliminación do mesmo na península Ibérica, e no reparto do mundo que se levou a cabo despois de finalizada a guerra, si Grecia quedou no espazo imperialista cando nin o Exército Vermello tivo que entrar pois foron os propios gregos co Partido Comunista á cabeza, quen expulsou ós invasores, o mesmo caso que Iugoslavia, o territorio peninsular por razóns xeopolíticas e estratéxicas obvias, quedaría dentro do ameto dominado polo mundo anglosaxón, e dicir polos USA. Polo tanto Franco non nos librou de nada, o único que fixo foi instaurar unha ditadura durante corenta anos que retrasou o noso desenvolvemento, político, cultura e social. De perder Franco a guerra, teríamos unha democracia burguesa dende os anos corenta e posiblemente a nosa entrada na Comunidade Europea non se faría cas eivas cas que se fixo. O cal a min non me enchería de satisfacción, estaría a loitar por acabar ca construción oligárquica da UE, pero ó capital español seguramente si.
Outro aspecto deste anticomunismo máis que latente, que se tenta expandir pola sociedade española, é a comparación do comunismo co nazismo. E de novo recorrese a terxiversa-la historia dicindo que proba de que son o mesmo é o pacto entre a Alemaña nazi e a URSS. Esquecen de novo aspectos fundamentais, como a proposta da URSS rexeitada polo Reino Unido e Francia de facer un acordo para frear a Hitler, despois do pacto contra a Komitern asinado por Alemaña e Xapón ó que se unirían Italia o goberno ilexítimo da sublevación en España e Hungria;  ou o pacto entre o Reino Unido, Francia e Alemaña e Italia, coñecido como pacto de Munich en setembro de 1938, que contou ca presenza de Neville Camberlain e Eduard Deladier que deixaron indefensa a Checoslovaquia, que tiña pactado con Francia e a URSS a súa defensa fronte ó nazismo. 
Vergoñenta foi a actitude do primeiro ministro Chamberlain baixando do avión amosando os papeis do asinado e dicindo aquelo “da paz esta asegurada”.  De todo iso se esquecen e o único importante é o que asinaron Molotov e Ribbentrop en agosto do ano 39, un pacto de non agresión.
Así como esquecen o informe Dimitrov no que caracterizaba moi ben o compoñente de clase do nazismo e o fascismo, como proxectos do capital para destruí-lo movemento obreiro e o inimigo fundamental da URSS.
Para finalizar unhas verbas do escritor Thomas Mann, que penso que ninguén pode caracterizar como “compañeiro de viaxe do comunismo”, cando afirmou  «Colocar no mesmo plano moral o comunismo ruso e o nazifascismo, na medida en que ambos serían totalitarios, no mellor dos casos é unha superficialidade; no peor é fascismo. Quen insiste nesta equiparación pode considerarse un demócrata, pero en verdade e no fondo do seu corazón é en realidade xa un fascista, e dende logo só combaterá o fascismo de maneira aparente e hipócrita, mentres deixa todo o seu odio para o comunismo.»
            Ben, nestas situacións debemos ter certo cuidado, sobre todo aqueles que non son comunistas nin simpatizantes das nosas ideas, pois sempre se empeza pola loita contra o “perigo comunista”, pero axiña se pode converter este movemento na loita contra a propia democracia burguesa; a historia nos ten demostrado que nestas situacións, que aínda non chegaron no estado español ó seu límite, está ben comenzar por abandoar certo sectarismo e potenciar certas doses de unidade programática e de acción.

En Galicia no mes de maio do ano 2020
           
                                                                                                                  

No hay comentarios:

Publicar un comentario