A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 6 de junio de 2020

A XENREIRA DE CLASE NO PANORAMA POLÍTICO



Carlos Dafonte.

            A xenreira sempre estivo presente nas nosas vidas, ata nas épocas da inocencia, nun maior ou menor grao; ó rapaz que me gañaba todas as bolas, pois iso, ou o que me daba o golpe máis forte no cu, cando xogábamos as apandas, ou ó simpático e agraciado que tiña éxito ca rapaza que te gustaba.
            Pero hoxe quero falar doutra xenreira que vexo moi presente e que ten moito que ver cas clase na que se divide a sociedade actual. É a que manifesta a clase explotadora, as veces non todas as súas fraccións, cando sospeitan que os de abaixo, cuxa misión segundo a visión da clase hexemónica é ser explotados no seu beneficio, nun momento determinado pensan que poden estar a perde-lo control de determinadas institución que sempre tiveron o obxectivo de protexelos a eles, e  consideran, que aínda que sexan esmolas, se levan a cabo determinadas reformas a favor dos de abaixo, e polo tanto xa non teñen tan claro estas institución o papel que deben xogar; están a perder de vista que nunha democracia burguesa é á burguesía a quen deben axudar, e hai indicios e acordos que levan a pensar, a dreterminados sectores da oligarquía, que o actual goberno perdeu esa perspectiva.
           
O planeta está cheo de expresións desta xenreira dos de arriba contra os de abaixo; só algúns exemplos, no 1932 no Salvador cando os campesiños escravos exixen mellores condicións de vida ás empresas norteamericanas do banano, son masacrados nun número por enriba dos 30 mil, moitos apareceron colgados nas plantacións; en parecidas circunstancias se producen as matanzas na pampa arxentina, por certo un galego foi un dos dirixentes desta reivindicación que tamén acabou con centos ou miles de mortos; máis recentes, no ano 45 as matanzas polos colonos, paracaidistas e exército contra os alxerinos e a destrución de numerosos pobos cunha mortalidade enorme, se cifra en máis 40.000. Ou máis próxima a matanza do 17 de outubro de 1961, a cifras de mortos non están claras, preto de 400 en Paris, cando os alxerinos se opoñen ó toque de queda para eles, e se manifestan dun xeito pacífico e a policía e moitos franceses os deteñen, os golpean, os tiran ó Sena e bastantes foron colgados das pontes, en nome da igualdade, da liberdade e da fraternidade.
Como ían os alxerinos que eran a man de obra imprescindible para que a economía dos franceses marchara ben, polo barata e escravizada ou os kikuyus en Kenia, pensarían os ingleses, querer ser independentes? Pero en París e a súa contorna, todo o outono a xenreira non foi só contra os que reclamaban a independencia do seu país, abrangueu a todo o que tivera rasgos norteafricanos, o número de vítimas aínda non foi estimado. Franz Fanon explica dun xeito acertado o que acontece na cabeza do escravo e de quen o escraviza.
            As guerras coloniais amosan con claridade como os pobos que se consideran berce da “cultura occidental”, cando a xenreira de clase se manifesta son capaces das maiores barbaridades.
            Na época da Segunda República esta xenreira apareceu axiña, cando a conxunción republicano-socialista controlou as institucións e comezou a aprobar determinadas medidas sociais. A oligarquía financeiro-terratenente foi desenvolvendo unha actividade moi parecida á que desenvolve agora determinados partidos conservadores e neofranquistas diante da situación actual; había unha frase que repetían moito, en circunstancias moi diversa que se fixo famosa, “anda e que che de de comer a república”, querían dicir que non ían a aceptar nada do aprobado e que si os beneficiados, exixías os novos dereitos, serían despedido de inmediato.
            Hoxe as mobilización en determinados lugares e barrios residenciais, expresan esa xenreira de clase dos de arriba contra os de abaixo, cando pensan que están a perde-lo control do goberno; e como sempre a estas manifestacións dos poderosos, se lles unen o lumpen, algúns parados, que xogan a se-los seus canciños, no caso que haxa que mancharse as mans. Nin nos últimos anos de Gónzalez á fronte do goberno, cando a corrupción, a loita dende as cloacas contra ETA, facían imposible a continuidade do mesmo, a dureza nas críticas dos opoñentes nunca tivo a virulencia, o grado de descualificación nin o recurso o insulto e á mentira actual. E González levaba máis dunha ducia no goberno, pero o poder, todo o tecido económico que domina un país, os principais medios de información e un exército de “intelectuais orgánicos”, tiña claro que  González era un dos seus.
            A este goberno non se lle deu nin os cen días de respiro e dende a extrema dereita, os neofranquistas, e os conservadores, moitas veces lanzan a consigna dun goberno “ilexítimo”, a pesares de ser nado cunha moción de censura, figura recollida na constitución e após ser validado, con dúas eleccións xerais onde os que hoxe fan todo o posible por botalo, non acadaron a maioría necesaria para conformar outro goberno distinto.
            A clase dominante non precisa hoxe, nestes momentos, do fascismo; o movemento obreiro nin política, nin social nin dende un punto de vista ideolóxico, representa un perigo para ela, pero como teño dito en outras ocasións, neste goberno non teñen a confianza de cando o Psoe estivo no mesmo noutras épocas, ou o Pp. Polo tanto esta campaña desmedida, que non respecta nin a situación de pandemia que están a sufrir todos os territorios do estado, e se lanzan sen ningún tipo de respecto ós mortos sobre a conciencia do goberno, ten por obxectivo desgasta-lo e crear unha situación de medo e desacougo nunha parte da poboación, unha sensación de que a espiral de violencia verbal pode seguir medrando e non se coñece moi ben onde vai ter fin, e si esta vai quedar nas verbas ou pasará a estadios superiores onde a violencia se transforme en física, nun determinado tipo de agresións, que amplificadas polos medios de comunicación se cree unha situación de desgoberno, de incapacidade, que leve a algúns votantes das forzas que configuran o actual goberno, que non se sentan moi comprometidos co mesmo, aínda que consideren que as medidas tomadas están ben, a cambia-lo seu voto para apacigua-la situación.
Esta foi a estratexia do nazismo e do fascismo, e saíulles ben pola razón de que tanto en Alemaña como en Italia, o movemento obreiro era moi poderoso e a crise de todo orde, após da Iª G.M. en Italia era moi fonda e en Alemaña cando se atopaba recuperándose da mesma, chegou a de 1929 cas secuelas que induciron á grande burguesía a apostar polo nazismo a pesares de que a destrución do movemento obreiro non lles saíu gratis. Cando entregas todo o poder a un “cirurxán de ferro” non sae gratis, e numerosos xerarcas nazis, se converteron en grandes capitalistas e terratenentes, expropiando a certos sectores oligárquicos e “junkers” en moitos casos, das súas propiedades.
Atópase a oligarquía española tan apurada, aínda que haxa persoas pertencentes ó PC no goberno, como para levar a cabo unha operación semellante? Coido que non, aínda que consideren que todas as axudas que cheguen da UE debían de ser postos ó servizo dos seus negocios e empresas; consideran que o que está a acontecer é un paréntese na placidez do seu exercicio do poder...pero canto antes se termine con este ensaio, mellor.
E o goberno se quere permanecer nunha etapa que non pase por ser unha anécdota,  debía, con discreción pero con firmeza prestar atención á reorganización do fascismo e aplicar a Lei da Memoria Histórica, e ó mesmo tempo, tamén con firmeza pero sen pausa, limpar os aparellos do estado de moitas excrecencias franquistas que perduran nos mesmos. Tarefas complexas.

En Galicia no mes de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario