A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 11 de junio de 2020

BOICOTE ÁS ELECCIÓNS DO DÍA 12 DE XULLO?. UNHA POSIBILIDADE QUE SE DEBE ESTUDAR.


 Carlos Dafonte.

            Feijóo convocou eleccións para elixir un novo Parlamento. Era a súa idea, facelo cando nos atopamos en plena crise do Covid-19, entretidos cas medidas que permiten as diferentes fases polas que fomos pasando segundo evolucionaban os contaxios, mortes etc. Cos partidos e organizacións políticas “confinados”, agás o Pp que utilizou a RTVG a tope. Agora nos precipita nunha campaña electoral da que xa ten feita unha parte moi importante.
            As formacións progresistas que se presentan, todas teñen un nexo común, todas din que hai que bota-lo Pp do control das institucións galegas e deixalo no papel de oposición. Que Galicia non aguanta catro anos máis dun novo goberno dos conservadores, co que significaría para a maioría dos galeg@s de calquera condición e xeito de pensar, pola súa incapacidade de xestión en moitos aspectos, desindustrialización, medio ambiente, favorecer que caixas e banca Pastor se poñan ó servizo de intereses non galegos, política gandeira e os seus derivados, defensa do sector da pesca, etc, ou por levar unha política destrutora respecto por exemplo ós servizos públicos, como sanidade e a súa teima da privatización, ensino e os cativos orzamentos destinados, investigación, dependencia, necesidade de estruturar Galicia por medio do camiño de ferro, non loitar por novas transferencias o que indica que o seu proxecto está ligado a un proceso de recentralización,  etc.
           
Pero na realidade parece que a derrota do Pp o 12 de xullo, pola  forma de actuar dos partidos e organizacións que teñen en principio posibilidades de sacar representación parlamentar, afástase de este obxectivo e parece que estas forzas loitan por quen vai se-lo segundo após o Pp, e a quen os outros deben apoiar en caso de que Feijóo non acade maioría absoluta, cando o fundamental, o que se debe poñer nun primeiro plano, é “que debemos facer para que o Pp non acade esa maioría”.
Podo estar trabucado, pero a experiencia do goberno Psoe-Bng, sen que se teña levado a cabo autocrítica algunha, ten certo peso e peso negativo, que habería que corrixir; creo que hoxe para derrota-lo Pp, non serve presentarse cada un co seu programa; iso foi o que se fixo hai anos e abríronse as portas ás maiorías absolutas dos conservadores;  hai que facer algo máis que presenta-lo programa propio e repetir ata o cansazo que o candidato propio vai se-lo futur@ president@ de Galicia; creo que hai que amosar en primeiro lugar, que estas forzas teñen puntos de acordo programáticos importantes, coincidentes, que afectan á maioría da poboación distintos dos que defende o Pp e que asinan un acordo para levalos adiante;  segundo, que a próxima Xunta de Galicia, vai ser unha institución única, que vai a levar adiante o programa pactado; non pode haber dúas políticas, ou tres no caso de que se necesiten para formar un goberno de alternancia, que hai un programa único e que é o que se vai realizar.
           
O contexto no que se convocan as eleccións non é normal”
Todo o anterior se debía dar nun panorama social e político, digamos “normal”,  sen  atoparnos nunhas circunstancias que non poden ter tal consideración; hoxe estamos a saír dun estado de alarma con todas as connotacións que ten, con moitos mortos tamén en Galicia e cunha poboación que durante un tempo, aínda que non se teñan producido rebrotes da pandemia, vai seguir vivindo con certo medo a moverse, a socializarse, a volver a súa vida cotiá de antes da mesma, situación que se agravaría se como acontece no País Vasco, estanse a producir rebrotes da enfermidade.
            Polo tanto, diante do panorama político-electoral ó que tenta obrigarnos o Pp me fago diferentes preguntas; se tiña atrevido a convocalas si o PNV non o fai en Euskadi? Que razóns lle levan a facelo? Con que vantaxes conta agora e non esperar a máis adiante, ós meses de setembro ou outubro, que parecía o máis prudente?. Debe caer a oposición no xogo do Pp e acepta-los seus obxectivos, ou debe tentar darlles a volta?.
Feijóo e o Pp en Galicia non convocaría eleccións, se no Pais Vasco non o fixeran. Estou convencido que non tería valor para facelo, ninguén o entendería e os medios se lle botarían enriba e as forzas políticas galegas terían reaccionado doutro xeito, sen a actitude submisa ca que reaccionaron; como o PNV convoca, ese partido da dereita que pacta con todos, parece que non ten tanta importancia a “canallada” que Feijóo e o Pp, tentan levar adiante en Galicia. Pero non nos enganemos se “canallada” é en Galicia, tamén o é o que o PNV fai en Euskadi. Pero as forzas que configuran o actual goberno, nada din pois necesitan dos seus votos, para seguir aprobando o estado de alarma e dentro duns meses os Orzamentos Xerais do Estado.
En segundo lugar, o Pp conta ca vantaxe de que leva, polo menos o seu candidato, varios meses facendo campaña electoral, con periódicas aparicións na Tv e co emporio de RTVG ó seu servizo, e por medo, só dúas comparecencias no Parlamento; coñece que alí as súas mentiras poder ter respostas contundentes e como todo mal xogador que quere ter vantaxe, prefire o fácil, saír no medio que se atopa ó seu servizo, dicir o que lle parece sen que ninguén lle responda, e afirmacións tan graves como que si gana as eleccións Alcoa se queda en Galicia o que non di e a razón de que todo este tempo de presidencia na Xunta non o conseguiu, ou aquel trabalinguas da chegada dos madrileños ás nosas costas, no que parecía que era beneficioso pero non o era, e sobre todo botarlle a culpa do que aconteceu na sanidade pública e nas residencias privatizadas ó Goberno, eludindo as responsabilidades e as consecuencias da toma de decisións da Xunta. Feijoo coñece que canto máis tempo pase, maiores van se-las posibilidades de que se descubran determinados feitos e decisións tomadas, que en nada beneficiarán a súa candidatura, e prefire que nunha curta campaña electoral se discuta o que se chegue a coñecer, onde sempre se pode amparar en que “en campañas electorais se di de todo con tal de ataca-lo contrario”, que aguantar varios meses de críticas que antecedan a unha campaña electoral; no fondo o Pp e Feijóo séntense febles, vulnerables e responsables de moitas decisións que non van poder rebater pero que é máis fácil de facer nunha campaña electoral.
Ademais, no caso de superar a pandemia sen rebrotes, vense  enriba de nós, algo que vai abranguer a toda a sociedade galega, a crise económica na que xa estabamos a entrar antes da pandemia e que agora se vai a aguzar dun xeito determinante; o Pp e Feijoo coñecen que Galicia a consecuencia das súas políticas non se atopa moi capacitada para facerlle fronte, e mellor será coido que opinan, facelo en breve tempo e a un só problema, que enfrontarse nun período máis longo a dous da envergadura dos mesmos.

Qué facer nestas circunstancias?
A alguén lle pode parecer fora de lugar que unha persoa que non goza de categoría recoñecida como para suscitar estas cuestións, o faga. O que trato é de abrir un debate sobre este tema que non é trivial.
Nas circunstancias que Feijóo convoca deben ser aceptadas por determinadas forzas políticas e unha parte da sociedade galega? E non quero entrar en cuestións “técnicas”, como se vai desenvolve-la votación, se tes que entrega-lo teu carné para que o manoseen, se te obrigarán a quitarte a mascarilla para o recoñecemento, si as papeletas van pasar por diferentes mans, etc.
O que interesa é a discusión política sobre se nas condicións actuais, se poden ou deben convocar eleccións. O digo con sinceridade a min o corpo pídeme que as forzas progresistas deben premer ata chegar a anunciar que non se presentarán, se non se producen cambios na data da convocatoria. Participar baixo as condición impostas por Feijoo, por moita capacidade estatutaria que teña, non me parece democrático, é máis, paréceme como xa afirmei, unha “canallada” política.
E hai que debater as consecuencias de face-lo boicote, ou aceptar pasar polas “forcas caudinas”. De levalo a cabo, nos podemos atopar, é certo e se non cede o Pp, cun Parlamento con maioría total, o que significa que durante catro anos a mobilización social debe ser constante, o que significa non só saír á rúa, o compromiso de organiza-la sociedade con todo tipo de estruturas, que reivindiquen, que autoorganicen determinados sectores etc. Pero tamén que as institucións que o Pp non domine, teñan un papel distinto do que ata o de agora xogaron, que deixen de ser tecnocráticas, burocratizadas, pouco transparentes e participativas e se convertan no que nunca deberon deixar de ser, órganos de xestión políticos ó servizo da grande maioría.
Aceptar as condicións de Feijóo, gustaríame estar trabucado e que a pesares da súa irresponsabilidade de “tirar para casa dun xeito tan antidemocrático” perdera a maioría absoluta, circunstancia que creo difícil e polo tanto imos coñecer que partido é o segundo e voltaremos de novo a lexislaturas xa coñecidas dende hai 12 anos, cunha oposición que pouco fai e unhas clases traballadoras galegas en peores condicións para enfrontarse os períodos de crise, que cada vez van ser máis longos e profundos.

En Galicia no mes de xuño de 2020



No hay comentarios:

Publicar un comentario