A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 19 de junio de 2020

A COMISIÓN PARA A RECONSTRUCIÓN DA ECONOMÍA, PARA QUEN?


Roberto Laxe
O pasado mes de maio cando as consecuencias da pandemia do Covid 19 xa demostraran a súa profundidade en todo o mundo, coa caída xeral do PIB e o desemprego masivo, o goberno impulso a constitución dunha “comisión para a reconstrucción” que recuperase o espírito de consenso dos Pactos da Moncloa.
O contido deses pactos xa está clarificado noutro artigo, “Que significaron os Pactos da Moncloa”. Sintetizando, foron “un pacto social e político entre as forzas obreiras, a patronal e o partido do réxime, para canalizar unha situación que ameazaba con saírse de nai”. Tiveron principalmente un sentido político, santificar a paz social como mecanismo de saída da crise.

É este o sentido da actual comisión para a reconstrución da economía? En principio parece que non, posto que non hai na folla de ruta ningún tipo de acordos políticos como foi no caso dos Pactos da Moncloa, que incluían un “Acordo sobre o programa de actuación xurídica e política”. Como se verá ao final hai que relativiza-lo, os choques entre Pablo Iglesias e Espinosa de los Monteros (o goberno vs VOX) na Comisión demostran que hai unha loita inter burguesa nese “para quen” faise a reconstrución.
A folla de ruta acordada ten catro apartados: o reforzo da sanidade pública; a reactivación da economía e a modernización do modelo produtivo; o fortalecemento dos sistemas de protección social, dos coidados e a mellora do sistema fiscal; e a posición de España ante a Unión Europea. É dicir, a proposta inicial do goberno é ben económico e social, non político, baseándose na idea que lanzaron desde o comezo da pandemia, “que ninguén quede atrás”.

Reforzo da sanidade publica”
É obvio que o “papel suporta-o todo”. Falan de “reforzo”, de “blindar”, pero non di moito ao seu favor que no medio da crise do Covid, con miles de mortos e contaxiados, e co estado de alarma nas súas mans, non tocasen a sanidade privada para reforzar unha sanidade publica desbordada. É máis, tras os momentos duros da crise sanitaria, vese que non se aprendeu nada; desde o goberno tolérase que en Zaragoza se vaia a construír un hospital privado, que Feijoo asuma a “defensa” das esixencias da patronal da sanidade privada, para que se lles indemnice polas “perdidas” destes meses de confinamento, ou que o goberno autonómico de Madrid xa despedise aos sanitarios e sanitarias que se contratou nos momentos máis duros da pandemia.
Neste sentido, como se pode falar de blindar a sanidade publica sen derrogar a lei 15/97 e o artigo 135 da constitución?. Para os que non estean tan postos, esa lei, aprobada polo goberno do PP e apoiada polo PSOE, foi a porta aberta á privatización da sanidade, alá por 1997, cando estableceu “as novas formas de xestión” sanitaria. Tras este rótulo “xenérico”, permitíronse os primeiros acordos coa empresa privada, até a situación actual de xestión privada de decenas de hospitais, de privatización absoluta de servizos, etc. Daqueles lodos, estes barros.
Seguindo con refrescar a memoria, que isto tamén é “memoria histórica”; o artigo 135 da constitución foi reformado con “nocturnidade” nun acordo entre o goberno do PSOE e o PP, para responder as necesidades da banca en plena crise do 2007/2008. Nel establécese: “Os créditos para satisfacer os intereses e o capital da débeda pública das Administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pago gozará de prioridade absoluta”.
Máis claro, a auga: “prioridade absoluta” o pagamento de intereses e capital da débeda. Tendo en conta que tanto o Tratado de Maastricht como ese mesmo articulo proíben expresamente que os estados poidan financiarse doutra forma que non sexa emitindo débeda que compran os bancos e financeiros, o negocio das entidades financeiras é evidente: obrigan aos estados a emitir débeda e obríganlles a que a devolución desta débeda sexa “prioridade absoluta”.
Se sumamos as dúas normativas, é obvia a suma: recorte de orzamentos sociais para financiar aos bancos e financeiros, e, á vez, con eses recortes abrir buracos nos sistemas asistenciais públicos, por onde entra a empresa privada. A pregunta é recorrente, como se pode falar de “reforzo” da sanidade publica, sen pór sobre a mesa primeiro e antes de nada, a derrogación destas dúas obrigacións xurídicas, a lei 15/97 e o artigo 135?.

Reactivación e modernización”
Este é o segundo apartado da Folla de Ruta da Comisión que xa se está vendo como as gastan; peche de Nissan, despedimentos masivos en Alcoa-San Cibrao, e ameaza de peche tras a estafa da venda de Alcoa Coruña e Avilés a Parter. Estas decisións non “deixan atrás” aos miles de traballadores e traballadoras despedidas, contra o que di defender o goberno: “que ninguén quede atrás”.
De face ao futuro, mantén ao Estado Español no seu papel de deserto industrial. Como din os traballadores e traballadoras de Alcoa / Aluiberica, “sen industria non hai futuro”, unha industria, a española, que é absolutamente dependente do capital estranxeiro. Por iso hai escuros nuboeiros sobre a xoia da coroa da industria española, a do automóbil, son todas deslocalizacións de marcas estranxeiras; posto que froito da crise provocada pola pandemia, todos os estados imperialistas están a fomentar a volta ás súas nacións da industria deslocalizada.
Ao tempo, desde o goberno néganse a tomar a única medida que pode salvar do peche a moitas destas fábricas, e os seus auxiliares, que é a nacionalización non temporal, como preconiza a Unión Europea, senón permanente, que permita reactivar a economía sobre unhas bases adoitadas. A crise demostrou algo que era un “segredo a vocês”; a desindustrialización de moitos estados fíxoos, primeiro dependentes das “fábricas do mundo”, China, Alemaña e os países de Extremo Oriente; dous, a debilidade dos países desindustrializados para enfrontar unha crise como esta.
A “reactivación” da economía só pode facerse sobre a base da súa planificación, pero non para que os beneficios revertan de novo nos propietarios das empresas, que demostraron non só a súa total inutilidade nesta crise, senón que son un freo para que se puidese coordinar a resposta a nivel continental. Nestas condicións, predominou o “sálvese quen poida” até o extremo de converter os aeroportos en verdadeiros centros de poxas dos recursos sanitarios (mascaras, respiradores, etc.).
Para “planificar” é preciso ter “que” planificar. Non se poden facer plans de reactivación se as empresas están en mans privadas, propias ou estranxeiras; é unha falsa planificación, posto que o final o que vai primar é o beneficio privado e non a resolución das necesidades sociais. Ou no que pensa o goberno é en como se “reactiva” a empresa privada para incrementar os beneficios dos capitalistas?, e así, pola “teoría do derrame”, a riqueza espalla-se pola sociedade. Ah!, esta era a teoría de Rajoy, fagamos que os ricos sexan máis ricos, para que a riqueza derrámese pola sociedade como nunha torre de copas de champaña cae a champaña. Se cadra, no fondo, non hai tanta diferenza entre Rajoy e Sanchez.
A “reactivación” ten unha coletilla, “a modernización”. Ante esta palabra acéndense todas as alarmas. A última vez que un goberno do PSOE falou de “modernización” traduciuse na “reconversión industrial” co peche de siderurxias, estaleiros, químicas e o fundamental da industria estatal española ou despezada ou mal vendida polo seu herdeiro Aznar, como agora vemos con INESPAL, que caeu en mans de Alcoa.
O goberno de Felipe González dixo en boca da súa man dereita, Alfonso Guerra, que “a España non a ía a recoñecer nin a súa nai”. O final do conto está a viver-se agora, cando non hai fábricas nin para facer máscaras, e todo o problema da “reactivación” redúcese a abrir os chiringuitos de praia, as terrazas e o turismo, única industria realmente española. Até as manifestacións da extrema dereita disolvéronse en canto abríronlles as terrazas onde tomar o gin tonic.
Refírense a esta “modernización”?, porque polo que están a facer ante os dous primeiros conflitos industriais que saltaron, Nissan e Alcoa, están a reaccionar como Felipe Gonzalez, permitindo o peche das industrias.
Doutra banda, se por “modernización” entenden o que a patronal da construción mal imos; o presidente da CNC di que “o sector está preparado para abordar a necesaria saída da crise a través dun programa de investimento en infraestruturas dun alcance de aproximadamente 100.000 millóns de euros e é inaprazable unha acción decidido dos gobernos cun programa de investimento en infraestruturas, porque nos vai a conducir, sen dúbida, a superar antes o impacto económico da pandemia mediante a xeración de emprego e, ademais, a abordar un déficit de investimentos acumulado e identificado co que mellorar a competitividade do país, ser máis eficientes energéticamente e cumprir cos retos da axenda 2030 e os ODS”. De novo a receita de Aznar para a crise: aeroportos sen avións, pisos sen vender, AVEs deficitarios, autoestradas rescatadas.
É esta a modernización que prometen? Ou é a das eléctricas?; un oligopolio que vive do saqueo dos petos dos traballadores e traballadoras do estado español, e mesmo da pequena empresa, que pagan a tarifa máis cara de Europa. Iso se, todas elas se “venden” como industrias ecolóxicas, mentres apoiaron ao goberno de Rajoy no imposto ao sol; non fose que a produción de electricidade abaratásese e tivesen que baixar o recibo da luz.
Reactivar e modernizar” sen planificar acorde coas necesidades sociais, que inclúa o combate ao cambio climático, é pór a economía ao servizo dos beneficios capitalistas. Ademais, e como logo verase, vender “a reactivación e a modernización” sen ter en conta que existe o marco da división do traballo en Europa e a nivel mundial, é vender fume.

Fortalecimento dos sistemas de protección social, dos coidados e a mellora do sistema fiscal”
Os saúdos á bandeira transforman-se en insultos á intelixencia cando un goberno que é cómplice na morte de miles de anciáns, promete que vai a “fortalecer os sistemas de protección e coidados”.
Onde estaba o goberno do PSOE UP, con todo o seu Estado de Alarma, cando en Madrid nas residencias de maiores morreron miles de persoas pola nefasta xestión do goberno do PP e de Ayuso (e non só, en Galiza aínda non se sabe que pasou nesas residencias)?. Intervir as residencias supuxese un enfrontamento directo co PP e o réxime; pero pola súa covardía para facelo, morreron miles de anciáns e anciás, deixadas en mans dos sicópatas dos fondos de investimento propietarios desas residências e do PP.
Iso é complicidade coas mortes; así que agora falar de “reforzamentos de ...” sen proporse en primeiro lugar desmantelar ese labirinto de empresas e intereses privados que se moven tras as residencias de maiores, de asistencia no fogar, moitas delas ligadas a intereses municipais, etc., nacionalizándoas e incluíndoas nun servizo público “sociosanitario”, non ten un cualificativo que non sexa penal.
E non se sabe moi ben porque introducen a política fiscal neste apartado, salvo que se teña unha mentalidade cristiá, de que a fiscalidade só serve para axudar aos “máis débiles”, como fai Felipe VI “convencendo” aos seus pares de sangue azul, a “nobreza”, para que “repartan leite e aceite” entre os “máis desfavorecidos”. É unha concepción caritativa da política fiscal non moi diferente do que fai Amancio Ortega coas doazóns ou ao pór os avións de Inditex ao servizo do estado, cando este o precisa, mentres ten a súa fortuna en SICAVs ou paraísos fiscais. A política fiscal non pode partir desta concepción, pois se limitaría a ser “assistencial”, non de xustiza social; que é ben distinto.
A política fiscal ou ten un obxectivo redistributivo da riqueza xerada polo conxunto da sociedade, ou só é asistencial. É o recoñecemento de que esa riqueza non xorde da nada ou da herdanza de sangue, como o diñeiro non sae dos caixeiros se uno non ten saldo; senón do traballo humano; así se estableceu cando a burguesia fixo a súa revolución. No mundo burgués “avanzado” a política fiscal baséase en que o traballo humano, sexa do capitalista como do traballador, é a fonte desa riqueza; no mundo burgués “medievalizado” como o español, que non fixo a súa revolución burguesa, non existe esta concepción; para eles son os orzamentos xerais do estado os xeradores de riqueza, porque son os que financian ao núcleo duro do capital español, o turismo e a construción: Madrid é a capital onde se aproban eses orzamentos, reparte o diñeiro de todos e todas as habitantes do estado, coma se este brotase do Manzanares.
Unha política fiscal progresiva debe ter ese carácter e baixo o principio de que “paga máis quen máis tem”, e non dunha forma temporal, como avanzan algúns membros do goberno co “imposto do Covid 19”; senón permanente. Os ricos pagan máis porque acumulan máis riqueza froito do traballo humano, e punto. E se non queren, exprópiaselles pois se algo demostrou estas crises é que a pandemia a frearon non os Ortegas, Florentinos, Roigs, Botíns, e demais capitalistas, pequenos, medianos ou grandes, que rapidamente se apuntaron aos ERTEs ou aos despedimentos masivos; senón a clase obreira, cos sanitarios e sanitarias á cabeza.
Calquera política fiscal que non parta destes principios de redistribución e progresividad permanente, non é máis que unha engañifa ao pobo que se paga relixiosamente os seus impostos; e non como esas empresas que teñen os seus domicilios en paraísos fiscais ou acumulan a súa riqueza nas SICAV.

A posición de España ante a Unión Europea”
E,... cal é agora?. A pandemia, como todas as crises sexan do que sexan, pon branco sobre negro o que é un realmente. Certo é que foi unha pandemia que afetou a todo o mundo, pero mentres Alemaña, Corea do Sur ou China tiraban da súa industria para enfrontala, o estado español, como tantos outros (Italia!), tiveron que mendigar polos mercados mundiais as subministracións sanitarias necesarios froito dunha desindustrialización planificada.
Estalan nos narices da poboación traballadora do estado español as políticas de reconversión industrial aplicadas polos gobernos do PSOE nos anos 80, pondo de manifesto o que realmente é o estado español, o gran centro vacacional dos europeos. Foron os acordos para a entrada na Comunidade Económica Europea asinados nesa década as que trouxeron a situación actual.
O capital alemán e francés, xunto cos seus “escudeiros” do norte de Europa, impuxeron o desmantelamento da industria española, da pesca, desde a siderurgia até os estaleiros, pasando pola química e a de produtos sanitarios (que existía). A división do traballo que se impuxo mantiña esta situación de monocultivo económico dun imperialismo, o español, de segunda división baseado en dous sectores relacionados, a construción e o turismo, que supoñen o 28% do seu PIB.
Tras esta crise é obvio que esta relación de forzas entre a potencia industrial alemá e o resto de Europa non se vai a modificar; non é previsible que o capital alemán renuncie polas boas á situación dominante que ten, máxime cando o seu gran competidor, Francia, entrou nun proceso de aberto retroceso.
Este foi un dos motivos das pelexas entre o norte de Europa e o Sur. Mentres Italia, Francia e o Estado Español buscaban un reacomodo na división do traballo e soltar lastre dunha débeda publica que lles atenaza, Alemaña e os seus fieis escudeiros querían manter o status quo logrado todos estes anos, que non é outro que captar o aforro e os beneficios do sur, sen ter que mover un dedo.
A posición española na Unión Europea non se reforzou, antes ao contrario, debilitouse pois o peche de fronteiras, a tendencia á volta ás metrópoles das industrias deslocalizadas, como vemos no caso de Nissan ou Alcoa, etc, puxo de manifesto as súas fraquezas. Foi Hobbes o que definiu á perfección o carácter dos burgueses cando dixo aquilo de “o home é un lobo para o home”. Renunciarán os capitais do norte de Europa ás marxes de beneficio que lles dan a relación desigual entre o norte e o sur?.
O Tratado de Maastricht foi construído a imaxe e semellanza desta relación desigual, pois foi o capital alemán e francés, xunto cos seus escudeiros belgas, holandeses, etc., os que impuxeron as normas. Para modificar a relación do Estado Español na UE hai que romper con esta estrutura; pola contra o seu papel subsidiario na división do traballo vaise a manter e profundar tras esta crise.

Unha “reconstrución” para quen?
Nunha das primeiras comparecencias na Comisión de marras, a do vicepresidente Pablo Iglesias, produciuse un choque frontal co voceiro de VOX, Espinosa de los Monteros ao que acusou directamente de “querer un golpe de estado”, só que “non se atrevía". As dimisións na Garda Civil tras o informe / mentira do 8M demostra que movementos golpistas existían, e VOX fixera chamamentos a botar a este goberno.
Cando dous sectores da burguesía a través dos seus partidos, dun lado VOX e o seu “escudeiro” o PP, e do outro, o goberno “progressista”, chegan a niveis de enfrontamento tan duros como chamar a golpes de estado, é que hai un gran mar de fondo na sociedade que aínda non se manifestou como un temporal.
As organizacións da clase obreira e os pobos farían mal se se tomasen isto como un simple “enfrontamento” entre políticos para rebañar votos. Esta é a idea “equidistante”, de “todos os políticos son iguais”, que tanto gostan aos medios de comunicación desde o suposto de “esquerdas” Wyoming até a “de dereitas” Ana Rosa, para ocultar as causas dese mar de fondo: a crise e polarización social que atravesa o estado con millóns de parados e precarizados, mentres os ricos e a "clase media alta" organiza caceroladas para poder ir ás súas segundas residencias.
A pregunta de “para quen” é a reconstrución non é unidireccional, como moitos mecanicistas poderían crer: non é só a contradición clase obreira / capital a que se dilucida nese “para quen”; senón que, froito da caída da economía de maneira abrupta -o Banco de España cifra que o descenso do PIB vai estar entre o 9 e 12 %-, o mercado redúcese para os propios capitalistas, que entran como tolos na batalla por ver quen queda coa maior parte do mercado e quen evita a ruína.
A recentralización absoluta que VOX e o PP queren, que xa están a aplicar alí onde gobernan como Galiza ou Madrid, deixando todo o que non sexa xestión de diñeiro en axudas para os seus amigos en mans do goberno central non é máis que a expresión política de que a torta do mercado reduciu-se, e o capital español non pode nin quere perder nin un euro nin a posición dominante que ten no estado, baseado en tres alicerces: a construción, o turismo e o oligopolio das eléctricas cun capital financeiro sobre dimensionado respecto da capacidade industrial española.
Sobre a loita de clases hai unha loita entre faccións da clase dominante, para ver quen queda coa parte do león da plusvalía xerada na explotación da clase obreira que xunta a todos eles. Como se dá nun marco dunha crise brutal, de aí a virulencia da extrema dereita contra o goberno que busca manter o vello equilibrio alcanzado na Transición entre esas faccións. Non todos os políticos son iguais, senón que cada un expresa intereses de clase e de fracción da clase diferentes, e neste conflito político hai que moverse.
A pregunta ten unha segunda vertente, que é o central: ou se reconstrúe para a burguesía, sexa a fracción “verde” e “progressista”, sexa para a “casposa” nacionalcatólica, ou se reconstrúe para a clase obreira e os pobos.
Sexa o sector que sexa da burguesía, adórnese de “verde” ou de “negro”, os custos da crise van paga-lo a clase traballadora e os pobos coas súas condicións de traballo e de vida: o redescobrimento do "teletraballo" como unha forma de "autoexplotación". O que o goberno “progressista” fixo até agora, o chamado “escudo social”, non foron máis nada que medidas “paliativas” para evitar un desastre que tivese solución, se ese goberno non fóra “progressista” burgués, e si un goberno revolucionario.
Un goberno dos traballadores e as traballadoras utilizaría o Estado de Alarma para nacionalizar a sanidade e as residencias de maiores privadas, póndoas ao servizo dun sistema sociosanitario publico; expropiaría as fábricas necesarias para fabricar mascaras, respiradores, etc.; contrataría todo o persoal necesario en todos os sectores esenciais (sanidade, alimentación, distribución, etc.) para garantir a saúde publica. En fin, se había unha “guerra” contra o virus, tomaría medidas de “guerra” para frealo, e non para reprimir á poboación, á que só se lle deixou unha vía, o confinamento forzoso ou “arresto domiciliário”.
O problema era que a “economía non caera”, agora é “como reagimos economia”. Cando se fala de economía non se refiren aos postos de traballo de Nissan ou Alcoa, aos millóns de despedidos, aos que tras os ERTEs vailles a vir un ERE; refírense a que as empresas sigan vivas... porque no fondo Sanchez, Igrexas, Rajoy, Casado, Abascal partillan a mesma tese burguesa da “teoría do derrame”: fagamos que as empresas teñan beneficios, que despois esta riqueza esparcirá-se pola sociedade.
Fronte a estas políticas burguesas, que terminarán pagando os de sempre, hai outro programa que parte da lóxica inversa: a resolución das necesidades sociais a calquera prezo, empezando pola expropiación propiedade privada dos medios de produción, distribución e financeiros, e a súa nacionalización para polos ao servizo desas necesidades. Este é o verdadeiro “para quen” da reconstrución económica.

É a política, estúpidos!
As manifestacións da extrema dereita, as rifas parlamentarias, as dimisións de “golpistas” da Garda Civil, o lento renacer das mobilizacións obreiras e sociais, etc., son a confirmación do axioma leninista de que “a política é economía concentrada”. Todas as tensións que xera unha crise do calibre desta, e as disputas por “quen” vaise a beneficiar da saída concéntranse en que derrubar á Monarquía e os seus gobernos é unha tarefa fundamental de tod@s os revolucionari@s. Non se pode aspirar ao socialismo e á vez ignorar o modelo de Estado co que nos espremen e oprimen os capitalistas.
Dito doutra forma, as medidas que serían precisas para que a reconstrución, primeiro non “deixe ninguén atrás” como promete o goberno, e segundo, non a paguen os que sempre a pagou, a clase obreira e os pobos, non caben nin con calzador -isto é o que pretende este goberno, o seu "escudo social" é ese calzador- dentro dun réxime feito a imaxe e semellanza do capital que o xestou, o español.
A loita polos plans de choque sociais ou van ligados á esixencia de plans de choque políticos, ou non son máis que fogos de artificio. A extrema dereita pon o dedo na chaga, “é a política, estúpidos!” din cos seus berros e caceroladas de prata; as organizacións da clase obreira, políticas e sindicais non poden seguir atadas a esa concepción economicista da política, segundo a cal a clase obreira só fala do que lle interesa, o traballo e pouco máis.
Esa é unha concepción elitista; á clase obreira interésalle máis enfrontar a este goberno que á extrema dereita, posto que é tan burgués como ela que, con calzador ou sen el, vai tomar medidas que enriquezan máis aos capitalistas. Deixar en mans da extrema dereita a denuncia deste goberno fortalece-a, e abre as portas a que esas medidas se adopten sen o calzador.
A “reconstrución da economia” para a clase obreira esixe desta a construción de organizacións políticas e sindicais que teñan como eixo a loita polas medidas sociais e politicas que apunten á transformación socialista da sociedade, e non o desenvolvemento de “teorías do derrame”, como fan desde o goberno.
04/06/2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario