A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 22 de agosto de 2020

A FUXIDA DO CHAMADO "REI EMÉRITO" AGRAVA A CRISE DO SISTEMA POLÍTICO DO RÉXIME. A REPÚBLICA COMO PERSPECTIVA DE CAMBIO.


Carlos Dafonte.

Crise económico-social e mobilización popular, creba do bipartidismo e posta en cuestión dalgúns dos piares do réxime, abdicación do antigo xefe do estado insensible ás circunstancias nas que vivía a poboación, posta en cuestión por parte dos cataláns duns dos principios herdados do franquismo, a sacrosanta “unidade da patria”, e a fuxida estes días do “emérito”, cando a xustiza suíza saca a lus algunha das súas actuacións presuntamente delitiva. Estes poden ser algúns chanzos que poñen de manifesto o deterioro do sistema político que ca aprobación da Constitución en 1978 se constituíu no estado español.

Acontece esta fuga após de moitos anos que dun xeito servil medios de comunicación, partidos e organizacións políticas, e outras institucións, unhas máis que outras, do estado, adicáronse non só a enxalzar á familia real e o papel xogado no proceso democrático burgués após a ditadura, senón a tapar as súas vergoñas. Este tratamento por parte dos medios é normal coñecendo que o “emérito” se adicou a ser entre outras funcións, un conseguidor de traballo para determinadas empresas multinacionais que son propietarias dos medios; lonxe quedaron os tempos en que o xefe do estado viaxaba rodeados de xentes da cultura e da ciencia pra asinar contratos relativos a estes eidos, posiblemente este actuar se atope nos inicios do noso atraso en investigación e ciencia; agora estas viaxes se levan a cabo rodeado de empresarios que non pagan os impostos no estado e empregan forza de traballo barata dos países onde xorden os contratos.
Sistema político dun réxime que se atopa asentado en toda unha serie de mentiras, que por ser repetidas dun xeito mendaz, teñen calado nunha parte importante da poboación. Sobre algunha delas dou a miña opinión.
A primeira que a transición foi resultado de determinados pactos nas “alturas” onde o “fuxitivo” destes días tivo un destacado papel, tanto após a morte do ditador para facer posible a “chegada da democracia”, pero sobre todo no golpe militar do 23 de febreiro de 1981 que tentaba “reconducir” a transición.
A transición se foi cara a democracia burguesa e non se converteu dende o principio nun “franquismo sen Franco”, ise era o guión a seguir pola monarquía, foi a causa da grande mobilización popular, que en moi poucos anos, ata 1982, custou máis de 300 asasinad@s polas forzas represivas e supera-los 2.000 en número o de ferid@s. Pois ben a ise proceso moit@s o cualifican de “transición pacífica”. E a monarquía seguía co guión previsto, posto que foron as mobilizacións populares polas liberdades, a amnistía e as loitas obreiras, como en Vitoria, as que puxeron en cuestión á propia alianza monarquía-franquismo onde Fraga xogaba o papel de principal represor ó servizo do monarca; e ó “emerito” non lle quedou máis remedio que introducir cambios, dun xeito moi estraño, no fondo covarde, criticou nunha viaxe ós USA ¡¡¡o seu primeiro ministro!!! Arias Navarro, que presentou a dimisión antes que regresara; non se atreveu a pedirlla cara a cara e após nomeou a Suárez co que se abriu unha nova etapa que durou ata a vitoria do Psoe en 1982. A monarquía de seguir polo camiño trazado estaba en perigo e foi por isa razón pola que se introduciron cambios diante da forza da mobilización obreira e popular.
O papel do monarca o 23-F foi tamén moi enxalzado, cando de verdade debeu ser obxecto dunha severa crítica e segundo a miña opinión botado do cargo. Un xefe do estado que ve como se asaltan as Cortes se secuestra ó goberno e os tanques circulan polas rúas de diferentes cidades, ten a obriga de saír nos primeiros momentos a dicir de que lado se atopa, si do dos golpistas ou do proceso democrático burgués emprendido. Pois non o fixo; comprendo que estivera confuso, ó seu golpe co xeral Armada, adiantáronse o coronel Tejero e outros militares e guardias civiles que querían un cambio de rumbo máis “fondo”; o monarca estivo desaparecido ata ben entrada a madrugada cando compareceu para dicir que todo estaba arranxado, pero non apareceu cando debía para deixar moi claro si estaba co proceso de democracia burguesa ou non; saíu para dicir que todo estaba arranxado que no é o mesmo. Sempre terei a dúbida de trunfar Tejero e Miláns, que tería feito o “emérito”.
A segunda, que a aplicación á economía das receitas neoliberais eran “as únicas posibles e ademais eran políticas de esquerdas”, González dixit. O que nos levou á nosa integración na UE dun xeito moi prexudicial para a nosa economía, exixencia de destrución industrial e quedar convertido nun pais de servizos, turismo e burbullas inmobiliarias cun consumo non baseado no aforro senón nos créditos, os baixos salarios non permiten o aforro á maioría das familias. Estes límites fan que hoxe a economía do estado español atópese nunha encrucillada de difícil resolución
Podíase levar adiante outra política económica? Para elo necesitas ter soberanía e moeda propia e após a entrada na UE, é dende Bruxelas onde establecen as directivas económicas e seguiremos como os chamados países do sur, sen converxer cos do norte.
Hai un terceiro elemento que non é unha mentira pero se corresponde cunha análise da situación política e social no estado, a principios do postfranquismo, levado a cabo con certa lixeireza, que afirma que no estado español vivíase un proceso pre-revolucionario que foi abortado polas forzas de esquerda, supoño que se refiren ó PCE, pois o Psoe estaba lonxe destas posicións após do abandono do marxismo e do pacto cos poderes, económicos, exército e igrexa, dándolles garantías para cando chegase a domina-las principais institucións, para que o poderamos considerar con ese cualificativo.
Quen sempre aparece como culpable deste feito, moi relevante de ser certo, é o PCE, o partido que máis batallou na época do franquismo, pero que non era un verdadeiro partido comunista; era máis ben unha fronte antifranquista onde buscaron participar politicamente moit@s non comunistas, que tiñan un importante peso, non hai máis que mirar a fotografía do seu comité executivo nas decisións, e onde os comunistas se atopaban moi divididos; por unha banda os partidarios de levar a cabo unha determinada acción política, que se denominou “eurocomunismo” e os partidarios fieis de seguir moi cinguidos as directrices emanadas da URSS e a sociedade alí creada como alternativa ó capitalismo.
Pois ben, aínda que a situación política fose moi pre-revolucionaria, o que debe merecer unha explicación de que significa esa afirmación no contexto que se estaba a dar, obxectivos, que forzas políticas dirixían o proceso, elementos tácticos do mesmo, etc, no ano 1977 nas primeiras eleccións da democracia burguesa, esa clase obreira e sectores populares que segundo parece pulaban o seu quefacer por un movemento de ruptura e avance cara a outro tipo de sociedade, escolleron claramente que o partido que os representaba era o Psoe, un partido pouco partidario de levar adiante un proceso revolucionario.
Polo de agora, ata o que coñezo, ninguén d@s que falan de que a revolución foi abortada neses tempos, non dan explicacións sobre que partido ou organización constituía a vangarda dese movemento, como axudou a crear as condicións obxectivas e con que problemas se atoparon que permitiron que fora abortado.
Pero abandonemos, aínda que o seu análise sexa importante para entende-lo presente, aspectos do pasado e centrémonos en algún problemas do hoxe.

A República non vai ser unha concesión do réxime.
O dereito a súa proclamación vai ser resultado da loita popular, onde a clase traballadora, a máis interesada na desaparición do réxime actual, debe xogar un papel clave; por todos é coñecido que dous piares fundamentais do réxime é o seu sistema político a monarquía e o bipartidismo, se atopan en difícil situación. Pero non vai haber concesión algunha, como non a houbo ca declaración unilateral de independencia por parte de Cataluña; o réxime non está disposto a facerse o “harakiri” e vai loitar con todas as súas forzas para manterse.
Polo tanto todas estas solicitudes nas redes de “república xa”, parécenme moi ben poden amosar un certo sentimento diante das lacazadas do “rei emérito”, pero sin organizalo dun xeito sólido e sen peliálo nas rúas e nas institucións, pouco se vai conseguir.
O republicanismo ten un problema importante, que é un sentimento-movemento moi diverso, moi heteroxéneo. Hai republican@s que só aspiran a cambia-la monarquía por unha república e que o réxime non sufra ningunha outra modificación ou os que pensamos que a chegada da república ó estado español debe introducir modificacións importantes no actual réxime, onde a clase hexemónica é a oligarquía e a economía se atopa sometida ó xugo do neoliberalismo.
Pero tamén hai republican@s que loitan pola república galega, e vascos pola vasca e catalás pola de Cataluña, afastadas do resto do estado, cuestión lexítima que fai xurdir contradicións importantes e como mínimo dúas preguntas, polo de agora sen resposta aínda que após do proceso unilateral en Cataluña algo se coñece; a consecución da república en Galicia, Cataluña e Euskalherría son posibles sen a instauración da república no estado español e a apertura dun proceso constituínte?. É necesario un pacto das forzas republicanas a nivel de estado?. É de supoñer que o republicanismo progresista do estado e o das nacións sen estado, cando falan da instauración da república, cada un dende a súa perspectiva, xa teñen elaborada a “folla de ruta” e sería bo, ter coñecemento da mesma.
Polo tanto considero que dentro do republicanismo debe producirse o máis axiña posible, unha clarificación dos obxectivos estratéxicos e tácticos que permita unha acción unitaria, tanto en Galicia como a nivel de estado.
Como xa escribín noutro lugar, a contradición Monarquía-República debe expresar hoxe algo máis da que é propia de dúas concepcións políticas, que ó longo da historia representaban o conservadurismo e os privilexios dunha minoría e o avance na igualdade social e política. Hoxe debe representa-la quebra co réxime nado da Constitución de 1978, o que non debe representar só un cambio no sistema político, tamén como consecuencia dun período constituínte, noutras institucións e leis que seguen a ter “tics” da ditadura.
Si falamos de cambio de réxime, a república debe consolidar outra hexemonía social, onde a oligarquía non sexa quen “ordea e manda” e o neoliberalismo económico a austeridade e a explotación máis desapiadada dunha parte importante da forza de traballo, as directrices da acción económica. Todo isto nos levará seguramente a estudar, debater e explicar a nosa participación na actual construción de Europa, a nosa pertenza ó euro e as consecuencias, así como a non pertenza.
Para levar adiante todo este traballo, é necesario que o máis axiña posible se constitúan en cidades e vilas de Galicia comisións, comités, plataformas ou como se lles queira chamar, que agrupen ó republicanismo; sen organización e sen traballo non haberá república. E non poden ser só expresión de xuntanzas de partidos e organizacións políticas.
Para o final unha anécdota sobre o emérito e presunto delincuente. Hai moitos anos, posiblemente na primeira visita a Arxentina, levaron á parella real a unha sesión de tangos; ó final pedíronlles que solicitara dous tangos como colofón, o primeiro foi “Sur” e o segundo “Cambalache” do grande Enrique Santos Discépolo, unha de cuxas estrofas finais di: “Si uno vive en la impostura/ y otro roba en su ambición/ Da lo mismo que sea cura/ Colchonero, Rey de Bastos/ caradura o polizón. / ¡Que falta de respeto, que atropello a la razón!. / Cualquiera es un señor”. Pois eso, xa de aquela, se estaba a rir de todos nós?



En Galicia no mes de agosto de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario