A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 3 de agosto de 2020

GALIZA NON AGUANTA OUTROS CATRO ANOS DO PP

Roberto Laxe
Ha umha frase que Lenin utilizaba para expresar graficamente a atitude dos soldados rusos ante a decepción da revolución de febreiro. Dicia que, visto o incumprimento por parte do goberno Kerenski da promesa de “sacar a Rusia da I Guerra”, que dera orixe á revolución, os soldados “votaban cos pés”, é dicer, desertaban masivamente deixando baleiras as trincheiras en mans do exercito aleman: estaban fartos de promesas incrumpridas, mas na sua mente ainda non estaba a revolución nin a toma do poder.
Esa ídea de estar cansos de promesas incumpridas por todos os gobernos, é a que explica que mais do 50% da poboación galega non fose a votar o 12X. Para que votar polo PP, se xa sabemos o que é; e para que votar polo PSOE UP, se están demostrando que os nosos problemas non son resoltos con decisión, senon que no fundamental manteñen as leis do pasado.
Unhas eleccións no fin de ciclo
A pandemia, umha “crise dentro da crise”, veu demonstrar que o capitalismo como sistema é xa incapaz de enfrontar e solucionar as necesidades de saúde básicas da poboación; ao desbordar todos os sistemas sanitarios semi desmantelados, ou desmantelados, e sen recursos materiais (EPIs, mascaras, respiradores, etc.), pon contra as cordas todas as políticas neoliberais e de globalización das ultimas décadas.
O ciclo económico xa rematara no 2007/8, trastocando as relacións sociais, mas a inercia social mantíñase. Foi un virus, un “cisne negro” inesperado o que provocaría o peche dos ciclos politicos e sociais.
O ciclo político comezara coa derrota da revolución política a finais dos 80 e que culminara coa restauración do capitalismo nos estados obreiros, e nomeadamente a implosión da URSS, por ter sido a primeira revolución obreira e a mais profunda, abrindo a porta á hexemonía absoluta dos EEUU o longo destos 20 anos, destruíndo do imaxinario colectivo a URSS, e as variantes posteriores (Cuba, China,..) como a demostración práctica de que existe umha alternativa viable ao capitalismo.
O ciclo social comezara nos anos 70/80, cando o imperialismo, baixo Reagan / Tathcher, co lema “non ha alternativa ao capitalismo” e a contrarrevolución conservadora derrotaran as revolucións daqueles anos (Portugal, Chile, Nicaragua, Estado Español, Grecia, folga mineira británica...),, pechando a onda revolucionaria do maio do 68 francés e a vitoria de Vietnam.
É o fin da fase neoliberal do capitalismo que dominou todos estes anos; mas tamén, é o fin do seu correlato na esquerda e o progresismo, a pos modernidade e o pos marxismo, que tiveran o seu maior exito político no Estado Español como Podemos e as suas confluencias.
Por iso é un dos planes de construción mais importantes, pois sendo o fin do ciclo político e social dos últimos 40 anos, non sabemos si vai ser un punto e seguido, ou un punto e aparte.
Non está escrito en ningures cal vai ser o resultado, a loita de clases sábese como comeza, mas non como termina; senón abonariamos-nos ás teorías da conspiración, segundo as caes, o futuro está escrito polos poderosos, e non ten sentido loitar, pois o fin esta prescrito por eles. Mas, alguén pensa que eles querían a Pandemia?, que agora umha vez que xa esta aquí, aproveiten para se beneficiar dela é umha cousa, que tíñana prevista, é un absurdo, pois ninguén pode predicer o futuro, deus non existe.
No caso español, este fin de ciclos manifestase na profunda crise do réxime do 78, que foi umha das maximas expresións da derrota da loita obreira e popular dos 70. Todo o imperialismo, cos EEUU e Alemaña á cabeza, a burocracia soviética, a chinesa, a cubana e os partidos deles dependentes (PCE, PTE, ORT, ...), fixeron todo o posible para desviar o ascenso revolucionario da loita antifranquista, e entre todos eles derrotaron á clase obreira e os pobos de estado español, construíndo o réxime do 78, que agora fai augas por todos os lados.
O pobo galego “votou” contra os gobernos
Tras as eleccións do 12 X xurdiu umha verdadeira "campaña" de culpabilizar á poboación da vitoria do Feijoo e do PP: “a culpa da vitoria ten-na o pobo que é ignorante e non sabe votar” din moitos, dándolle a razón ao PP, de que eles “son Galiza”.
Vexamos os datos para ver se é certo: de 2 697 mil censados e censadas, votaron 1 320 mil; destos, 670 mil foron para o PP Vox. É dicer, a direita co 25% dos votos, teñen o 50% do parlamento. Esta é a maxia da Lei d'hont, onde umha minoría pon un goberno contra a maioría.
O que demonstran estos datos é que o 75% da poboación non votou polo PP. Isto leva a unha outra lectura das eleccións: perderon os que fan parte do goberno, sexa a Xunta ou sexa o Central.
O PP perdeu 50 mil votos, GeC / En Marea perto de 200 000, e o PSOE uns poucos miles. O PP é a Xunta, e GeC (Unidas Podemos) e o PSOE son o goberno central.
É un voto pola pasiva contra os gobernos. A maioría da poboación non votou, aos que hai que sumar os que votaron por forzas como o BNG, que hoxe non están en ningún goberno (e o voto a Vox pola direita), e iso é froito da decepción respecto as “promesas electorais” que contradín os feitos dos gobernos, tanto do PP como do PSOE ou de Podemos (asociada a Galiza en Comun). Alguns exemplos:
1.      Alcoa, a actual ministra de traballo (GeC) prometeu que se chegaba o goberno Alcoa seria nacionalizada. A nacionalización nin esta nin se lle espera; alen mais, o camiño de Alcoa San Cibrao é o que levaron A Coruña e Aviles, a sua venda para despois vendela a un "pecha empresas". O goberno e Alcoa quítanse o marrón de encima.
Pola sua banda, Feijoo e o PP “prometeran” poucos dias antes das eleccións que o asunto de Alcoa seria resolto se “gañaban as eleccións”, como se non levaran no goberno 11 anos. Mas, gañaron e Alcoa segue aí.
2.      De derrogacións de reformas laborais, a do PP e a do PSOE, das reformas das pensións, tamen as do PP e do PSOE, ... nin falar. No esquecemento.
3.      A situación da sanidade publica, hoxe en boca de todos polo papel das sanitarias e sanitarios na loita contra a pandemia é responsabilidade tanto do PP como do PSOE desde fai décadas. En 1997 aprovouse unha lei, a 15/97, pactada polo PP no goberno e o PSOE na oposición onde establecíanse "as novas formas de xestión" da sanidade pola que entraron en tromba as privatizacións da sanidade, ate a situación actual de todos e todas coñecida.
4.      Despois, o PSOE no goberno e o PP na oposición pactaron a reforma do artigo 135 da constitución, que impuña o pagamento da débeda e interese aos bancos CON CARACTER PRIORITARIO, co que deron rango constitucional ás políticas de cortes e austeridade en todos os servizos públicos.
O único que gañou foi o BNG, que recuperou a presenza que tiña fai moitos anos; mas non foi quen de recoller os votos que esperaba pola direita (Ponton dixit poucos dias antes da eleccións), ni pola esquerda: en toda a campaña non fixo nin umha soa referencia ao direito a decidir, e a única vez que falou da “independencia”, desmarcouse dela.
Nestas condicións, a única conclusión posible é que o pobo galego maioritariamente (o 51%: 1 330 000 persoas) non se sinte representado por ningumha das forzas políticas presentes, e abstívose masivamente.
É moita xente para insulta-los chamándolles “atrasados”, “pasotas”, “agora tedes o que vótache des”, ... co unico obxectivo de xustificar o que o BNG propon: agora toca esperar catro anos para botar o PP, demonstrando unha “institucionalización” e un “electoralismo” enfermizo. Porqué hai que esperar 4 anos?; non sería a primeira vez na historia, nin a ultima, que un goberno cae pola forza da mobilización social...
Isto é o que temos que comezar a preparar, a reagrupar as forzas sociais, políticas e sindicais, ... as persoas individuais que non acrediten no “electoralismo”; porque Galiza non aguanta outros catro anos de PP e Feijoo. As eleccións demonstran que existe esa maioría social para facelo, coa condición de deixar de insultar ao pobo galego, que sabiamente lembrou o que o 15M, e antes, berrábase: PSOE PP, a mesma merda é.
O fracaso da nova política
Neste cadro temos que entender o fracaso absoluto da chamada “nova política”; e como na política non existe o valeiro, o seu oco enchese polo BNG. É umha máxima na política que as masas, cando ábrese un período de crise tenden a recorrer ás suas vellas organizacións, neste caso o BNG.
Un amplo sector da poboación traballadora, despois de anos de experimentos con “gaseosa” como foi a “nova política” (expresión da pos modernidade e o pos marxismo que dominou a esquerda o longo destos anos de neoliberalismo), voltou os seus orixes, o BNG; mas como este BNG é a farsa do drama dos 90, moitos foron á abstención.
E digo experimientos con “gaseosa , porque cal é o balance dos catos anos dos concellos das Mareas: na Coruña en catro anos foi un “carril bici”, en Ferrol, nin se sabe e en Compostela uns orzamentos participativos que só atinxian o 10% orzamento. Esto é facer “experimentos con gaseosa”, cando a sociedade leva, desde o 2007, numha crise economica, social e politica de gran calibre: alguen pensa que cun “carril bici” enfrentanse as lacras sociais que sufre a clase traballadora e o pobo.
Este é o motivo central do fracaso da “nova politica”, mentras a nivel estatal fai parte do goberno do PSOE (o de sempre, a direita moderna no Estado Español), na Galiza fan “experimentos con gaseosa”. E a xente cansou de darlles o menor credito.
O futuro politico
Mas lembremos que os resultados electorais son versións desvirtuadas da realidade, serven para ver a fotografía dun momento concreto, mas non para ver as tendencias da loita de clases; e hoxe a situación política ven definida por duas palabras, umha, “crise” en todos os aspectos, dous, “incerteza” polo futuro.
Mesmo a burguesía europea non sabe cal é o camiño a tomar para saír desta crise, os chamados “frugais” europeos (holandeses, austríacos, suecos, ...) apostan por profundar no neoliberalismo a ultranza, pois viven da especulación financeira para soster os seus sistemas económicos baseados nas privatizacións (Holanda é o máximo expoente que lle convirte nun paraísos fiscal); en contra, os do sul, Italia, Estado Español ou Francia apostan por umha versión social liberal do capitalismo: manter un pequeno estado do benestar pois a diferenza dos “frugais”, eles teñen umha gran poboación que soster, e evitar grandes conflitos sociais.
Neste cadro, Galiza, nazón periférica nun estado, o español, cumha crise económica, política e social moi dura, onde os ataques as condicións de traballo (mais reformas laborais e de pensión) e sociais (privatizacións) vanse combinar cumha recentralización acelerada do estado, ten pouco que contar salvo que poña a loita obreira e social no centro da sua perspectiva.
As forzas institucionais, o PSOE, GeC e BNG prantexaronse como eixo da campaña, botar a Feijoo e o PP da Xunta; pasou o 12X, e polo fose, Feijoo ten mais maioría absoluta no parlamento para levar adiante os seus planes de destrución dos servizos publicos como xa está a facer co peche de servizos e plantas en hospitais (Alvaro Cunqueiro, A Mariña ou atención primaria telefónica), de desindustrialización, Alcoa xa desapareceu da sua axenda, de desmantelamento da educación publica (o protocolo do Covid que non adopta ningumha medida), e de desgaleguización da sociedade, ao servizo dos interese e necesidades do capital galego e español, e da Unión Europea.
E obvio, que tras o fracaso da “via electoral” para sacar a Feijoo e o PP da Xunta, ábrese a porta a outra vía, a que nos sempre apostamos para botar fora os gobernos, a loita obreira e popular.
O BNG, agora “líder da oposición”, xa anunciou duas cousas, umha que deixa o botar o PP para as eleccións do 2024, e dous, que vai manter a loita social. É clara a estratexia nacionalista, non vai ir o choque frontal co PP e a Xunta, representantes do réxime na Galiza, senon que vai seguir coa táctica de mobilizacións controladas, ao servizo do seu proxecto electoral, tentando ampliar a sua base pola direita (o voto do PP galeguista que espera recoller), e para iso ten que manter o control sobre as “algaradas” na rúa e o camiño do electoralismo.
Para nós este camiño é o da traizón e anuncia umha nova derrota do pobo traballador galego; asi que o noso eixo político segue a ser o de unificar as loitas para botar o PP da Xunta e romper co Rexime do 78 e a UE; e denunciar / criticar (as formas dependerán da nosa forza) a politica electoralista do BNG.
Galiza, no mes de agosto 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario