A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 26 de junio de 2024

ALTRI, A INDUSTRIALIZACIÓN DE GALIZA E O NOSO "TECIDO PRODUTIVO".

Roberto Laxe

Existen moitos motivos para rexeitar a instalación de Altri en Palas de Rei, porque fai parte da división do traballo que o longo da historia impúxose ao pobo galego, a produción e exportación de materias primas, desde o vento ate o leite, pasando pola madeira, etc., e a emigración como única saída para a poboación.

Por iso resulta estéril rexeitalo no nome da “defensa do noso tecido produtivo”. Acaso este “tecido produtivo” non é resultado das políticas destes 40 anos (e mais)?

Acaso a non creación dumha Central Leiteira Galega publica, prohibida expresamente polo PP, non favorece a concentración da produción leiteira en orixe (gandeira) en cada vez menos mans?; acaso a inexistencia de políticas industriais non permitiu umha creba na industria naval de Ferrol e Vigo?; acaso non foi a derrogación do plan Eólico do Bipartito polo PP o que permitiu que hoxe os montes esten inzados de muíños de vento, mentres pechaban as fábricas que os producían (Vestas e Siemens Gamesa) e polas que non se convocaron á poboación a tantas accións na rúa como se fai agora?

O problema é se seguimos sen entender porque viran mais “altris” que despois pecharan (como fixeron as térmicas, as minas de Meirama, Alcoa, etc.), deixando umha paisaxe de precariedade e emigración: Palas de Rei ten hoxe a mesma poboación que no censo de 1842, pouco mais de 3000 habitantes. Por poñer umha comparación insultante para o estado que favoreceu isto: Hospitalet del Llobregat no mesmo censo de 1842 tiña 2500 habitantes, hoxe ten mais que A Coruña, 260 mil habitantes.

Está claro de que debatemos?, se queremos que Galiza sexa un “existente sin conciencia”, un territorio sen persoas, ou non.

Xurde a pregunta, cal é o noso tecido produtivo?

Nos Diario fixo un especial, publicado o 23 de marzo deste ano, titulado “Situación e oportunidades da economía galega” e mais aló dos análise que se fan, que despois veremos son verdadeiramente clarificadores de onde conduce esa defensa do “noso” real non ficticio, resulta rechamante do que non se fala, como se non fosen parte da “economía galega”.

Un le o especial e non achará por ningures umha referencia a Inditex, á industria do aluminio construída ao redor Cortizo ou Exlabesa, a Altia a o capital de alta tecnoloxía que ten un ecosistema de 700 empresas e mais de 25 mil traballadores e traballadoras. As únicas bases da economía galega, “o noso tecido produtivo”, semellan ser o que están ligados aos chamados “sectores produtivos” ou como moito a industria española por excelencia, o turismo. Como se uns fisiócratas do século XVIII fósemos, para algúns “ser produtivo” é aquela industria ligada á terra ou mar, as demais non existen cara o futuro, non son “do noso” tecido produtivo.

Inditex e Cortizo, e non é por facerlles propaganda, son tan multinacionais e explotadoras como Altri e no caso de Inditex bastante mais contaminante so que na Galiza non, exportan a contaminación como fai Altri, a otras zonas do mundo. E son “do noso” pais, pois teñen a sede e centros de traballo en Arteixo, Ferrol ou Padrón.

Mas, e aquí entra o paradoxo da defensa do “noso” como se fose o paradiso; cómo se pode denunciar a agresión de Altri, mentres esixen que as multinacionais da conserva galega, como Jealsa ou Calvo, que polo visto si son parte do “noso tecido produtivo”, podan seguir esquilmando os recursos naturais de pobos oprimidos, como o banco pesqueiro arxentino onde os Armadores vigueses teñen investidos 400 millóns de euros, ou no banco sahariano (ao que se lle engade o de “canario” para que poda ser considerado español, e poder saquealo protexidos)?, .

“A nosa flota (pesqueira) é punteira para pescar polos mares do mundo e precisa acordos solventes e duradeiros”. Toda umha declaración de principios... imperialista; o que está pedindo son garantías xurídicas para que as multinacionais galegas do sector, co apoio do estado, continuen saqueando os caladoiros dos “mares do mundo”.

Se isto o dixera un representante de Anfaco (a patronal da conserva), entenderíase; o grave é que o din un representante dunha central sindical, falando como voceiro dos interese da patronal “nacional”. O capital galego, “o noso” como Jealsa ou Calvo, ou non tan “noso” como Inditex, é tan depredador e explotador como o que se rexeita para nós, como é o caso de Altri.

Non vivemos nun pais que só é vítima, mas tamén é verdugo de moitos pobos, e iso é tan “noso” como os bosques de carballos.

Como se chegou a actual “tecido produtivo”?.

A “defensa do noso tecido produtivo” significa defender a situación actual que é consecuencia de décadas de políticas “semicoloniais” con resultados nefastos?. A ver se vai resultar que o PP non o fixo tan mal todos estes anos, porque as súas políticas teñen algo que defender.

A Galiza actual – “o noso” - non é umha abstracción que non ten que ver coa industrialización imposta desde fai séculos sen esaxerar; por poñer tres exemplos, un, o Arsenal ferrolán foi umha decisión da monarquía borbónica, dous, a fábrica de Tabacos na Coruña, tamén (que se saiba, na Galiza nunca houbo plantacións de tabaco) e tres, o desenvolvemento da industria do salgado e a conserva en Vigo pola entrada de capital catalán.

Que o tempo houbo desenvolvementos industriais xurdidos do capital galego, é certo; mas non foron quen de se desenvolver dun xeito autónomo o longo do século XIX, acompañando á revolución industrial que se estaba a dar no resto de Europa. Foi tras a derrota da revolución de 1846, que Galiza ficou atada á estado español “decretando umha unificación arbitraria e caprichosa, paralizando a vida interna das rexións e matándolles o seu verdadeiro espiritu de progreso” (A Revolución Galega de 1846, F. Tettamancy).

Neste cadro, rexeitar a industrialización como a de Altri no nome da “defensa do noso” é como escoller entre “guatemala e guatapior”; pois ningún dos dous é o “noso” e responden á mesma lóxica: industria ligada á transformación de materias primas, o leite (ou a madeira), para a exportación, sen prantexar o que podería diversificar a estrutura económica, a creación dumha industria manufactureira de alto valor engadido.

Botémoslle um pouco de imaxinación

A paralise do século XIX decretada pola derrota da revolución de 1846, que significou a cristalización durante un século máis das relacións feudais de propriedade na terra a través do contrato foral, impediu a industrialización e a proletarización da sociedade galega, como estaba a acontecer no resto de Europa ao calor da revolución industrial.

O que durante séculos, o contrato foral, dera unha gran estabilidade á sociedade galega, coa entrada do mercado capitalista ese contrato convertese nun freo ao seu desenvolvemento. O capitalismo precisa de mercadorías que levar ao mercado, e principalmente as fontes de riqueza, os seres humanos aos que proletariza separando-os da produción para o auto consumo, e a terra (xunto co mar), de onde sacaba os principais insumos para a produción de mercadorías (produtos alimenticios, minaría, téxtil, etc.).

O capitalismo basease na separación do ser humano da terra convertendo ambos en mercadorías. O primeiro vese na obriga de vender a sua forza de traballo para mercar os produtos para a sua reprodución, e a terra (e o mar) susceptible de ser apropiados dun xeito individual, que se pode comprar e vender.

Se Galiza tivera chegado á revolución industrial no século XIX hoxe tería máis de 5 millóns de habitantes. Por extrapolar, e baixo a hipótese de que o seu desenvolvemento xeográfico sería o que hoxe temos, que non ten porque ser así; mas para nos entender: A Coruña e Vigo terían mais dun 1 millón de habitantes cada unha; e terían absorbido nas súas areas a Pontevedra e Ferrol, Santiago e Arousa/Barbanza achegaranse ao millón de habitantes, e así sucesivamente.

Está claro que nestas condicións moitos dos problemas de “estabilidade do medio social e ambiental” que conforman o que hoxe se defende como “o noso”, produto dumha industrialización na decadencia do capitalismo, non existirían como non existen nas areas totalmente industrializadas do Estado Español.

Non é umha cuestión moral, si é bo ou malo. Como todo, incorpora os dous elementos. Por poñer tres exemplos de tres cidades de diferente tamaño; alguén dubida que cidades altamente industrializadas como Bilbao , Barcelona ou Tarragona teñen unha calidade de vida superior á nosa?, e non emigran nin tolos. Mas iso custoulles moitas desfeitas ecolóxicas, urbanísticas e sociais; quen non lembra a pegada dos Altos Fornos na Ria de Bilbao, agora relativamente limpa, o entorno do rio Llobregat barcelonés ou o polígono químico construído ao redor da Refinaria en Tarragona.

Nos temos a oportunidade de construír un futuro sen ter que pasar polas calamidades que o capitalismo na sua aparición xerou; mas cumha condición para conquistalo, temos que deixar de nos “psicoanalizar” permanentemente, ou sexa, de non ter a mirada posta nun pasado que nunca existiu, “o noso”, que é un pasado de atraso e emigración.

Se realmente quérese rexeitar umha industria como Altri e implicar ao conxunto da sociedade galega, hai que ofrecer algo máis que do que hai, emigración, precariedade e baixos salarios que impiden á xuventude galega ter un futuro, inexistencia dun sistema de transporte público colectivo, etc., e que está asumido como “o noso”, a nosa “esencia” como galegos e galegas. É a sensación de estar nunha sociedade en permanente de deconstrución que ten umha válvula de escape, a emigración.

Um amigo meu, que está facendo o seu “doutorado en galeguidade” na Arxentina (unha persoa non pode chamarse “galega”, se non ten emigrado umha vez polo menos na sua vida), díxome; “se quedo na Galiza estou sicoanalizandome constantemente”. E non entendín ben, ate que profundei niso de que “defender o noso” é a alternativa que se ofrece desde sempre, e que non é outra cousa que unha estrutura económica débil e limitada aos chamados “sectores produtivos”, que só xeran emigración por sistema.

Unha sociedade non se pode desenvolver sobre a base do monocultivo industrial baseado nos seus recursos naturais. Esta foi a principal critica do Che Guevara á política cubana nos anos 60: "Dígo-o con toda a miña convicción (independentemente do seu valor); se nós dedicámonos á agricultura e á industria agropecuaria soamente, estamos liquidados en canto ás posibilidades reais de ter un desenvolvemento harmónico e ser un país rico" (Carta do Che, marzo de 1965).

Cola de león

Do mesmo xeito que o longo do século XIX houbo un freo ao “espiritu de progreso” que expresabase na revolución de 1846, esto non significaba que ese “espiritu” desaparecera senón que nese período construiron-se experiencias industriais proprias. Mas todas elas estaban limitadas polo poder político estatal, que tiña como obxectivo garantir o papel do pobo galego na división do traballo, o de exportar materias primas (o gando á España e Gran Bretaña, por exemplo) e man de obra, pois tiña umha gran poboación excedente que o sistema produtivo galego non era quen de absorber.

Esta emigración, a fuxida da xuventude, tomaba moitas formas, umha era a de subministrar soldados ao exercito español, outra brazos para o traballo no campo castelán e outra, para ir cara as zonas industrializadas como Catalunya ou Euskadi, ou cara a Corte de Madrid. Quen non quería estas opcións, sempre lle quedaba fuxir para America, “á provincia de Bos Aires”, como “recomendara” o Intendente Astrandi na Coruña a finais do seculo XVIII.

No século XX tamén existe este desenvolvemento dun capital proprio galego que foi un dos principais apoios do golpe fascista de Franco, co grupo Barrie de la Maza e o seu Banco Pastor á cabeza. Mas, sempre, baixo o manto da división do traballo que o pobo galego ten “asignado” polas derrotas das súas loitas o longo da historia, e que o estado español é a sua garantía: do grupo industrial que tiña (Astano, Fenosa, etc.) non queda nada, por non quedar non queda nin o banco; todo vendido a capital alleo ou vexetando baixo o mando do estado (Astano, hoxe Navantia Fene).

A burguesia galega sempre existiu, que escollera ser “cola de león” en vez de “cabeza de rato” é froito das loitas políticas e sociais e a relación de forzas coas que se constrúen as sociedades (“entre dous dereitos iguais, quen decide é a forza” dixera Marx); mas iso non nega a sua existencia, senón que só demonstra a sua debilidade fronte aos seus competidores españois e internacionais, incapaz de se dotar dun estado proprio... Prefire a protección do estado español.

Mas non sexamos simplistas nos análise, senón imos perder a perspectiva; cando se fala dos ataques que sufre o pobo galego como o de Altri, sempre tendese a victimizarse como parte desa ficción de que “o noso” é so umha parte do chamado “tecido produtivo”.

A solución é política

O cadro de resolución da industrialización na Galiza non colle dentro dos estreitos limites do capitalismo na sua fase imperialista. O exemplo mais rechamante é o de Irlanda nos últimos 40 anos, un pais que partilla moitas cousas con Galiza, comezando polo seu papel dependente desde séculos, un de Inglaterra e o outro de España, que tiveron a mesma condena cando desde o estado central impúxose umha división do traballo centrada na produción de materias primas (lá no caso irlandés, como dixera Marx graficamente, “as ovellas comeron ás persoas”) e na emigración cara a metropoli ou as colonias americanas.

Hoxe esta situación mudou; así, se nos anos 70 a renda per capita irlandesa era semellante á galega, un 70% da media europea, hoxe a sua renda supera de lonxe a media europea mentres a galega fica no 90%. O que aconteceu?; pois algo moi simple. Irlanda ten soberanía política para determinar as súas políticas económicas e fiscais, e aproveitando o bilingüismo co inglés, moitas multinacionais alemás, británicas, mesmo galegas como Inditex, ... instalaron centros de traballo na illa.

Mas a soberanía política non foi quen de evitar que a dependencia de Irlanda crecera, como demonstrouse tras a crise do 2007/8 e a UE, onde dominan as multinacionais alemás, francesas e demais, impuxo umhas durisimas políticas de recortes sociais semellantes ás que aplicaron en media Europa.

Galiza, como demonstra Irlanda, non está illada no sistema capitalista mundial; por iso, a soberanía política non resolve o problema da independencia dun pobo, pois o capital multinacional actúa por “mil fíos diplomáticos, financeiros e económicos”, como dixera Lenin no Imperialismo Fase Superior do Capitalismo, limitando a soberanía dos pobos, e só enfrentado-o xunto co resto dos pobos é posibel acada-la.

En Galiza combina-se as dúas dependencias, a falta de soberanía política para determinar as políticas económicas a partir das necesidades reais da poboación, coa dependencia económica de decisións que se toman nos Consellos de Administración tanto proprios (as “nosas” multinacionais) como alleas.

A única perspectiva posible para que Altri non sexa outra Térmica, Alcoa, etc., umha industria altamente contaminante que non diversifica a estrutura produtiva con industria manufactureira, senón que so transforma a materia prima para a sua exportación, para despois ter que importar o produto terminado, sexa do sector que sexa (leite, madeira, vento, etc.), é a de poñer a solución política no posto de mando.

Isto significa non dar nin un aval ao que é parte do mesmo problema que xera Altri, a situación da Galiza como exportadora de materias primas (transformadas ou non) e man de obra; a soberanía política ten que servir para, seguindo o consello do Che, planificar democraticamente a diversificación da economía que enriqueza á maioría social, á clase traballadora, e non a uns poucos, sexan do sector que sexa.

Mas para planificar hai que nacionalizar, a propriedade privada, as leis de mercado e a planificación oponse polo vértice, e non está na axenda de ninguén avanzar nelo. Polo seu calado, é motivo doutro artigo.

Galiza, no mes de xuño 2024



No hay comentarios:

Publicar un comentario