Carlos Dafonte
Irrelevancia, é a verba que mellor define hoxe a situación da Unión Europea nun planeta cheo de conflitos. A culpa desta situación non é dos traballadores e dunha cidadanía que en xeral non teñen, dada a magnitude da falla de democracia, instrumentos para modificar a actualidade que debe pasar por botar fora das institucións a quen durante estes anos fixeron posible chegar a esta situación, os membros do Consello e da Comisión.
Como se chegou a esta situación de non ter presenza diplomática en ningún lugar?, sen posicións estratéxicas de cara aos cambios que se producen e que conleva o paso do unilateralismo, cos USA como hexemón, ao multilateralismo actual, con China, Rusia, India e Brasil como os elementos máis importantes dentro dos BRICS; non me esquezo de Suráfrica e dos que engadíronse con posterioridade, pero non xogan o papel relevante que xogan os citados. O que hoxe é unha contradición constante entre os USA apoiados por una UE decadente e Gran Bretaña, algúns deles forman o que se coñece como G-7, que pensan seguen a ser o centro do planeta, e os países emerxentes que agrúpanse nos BRICS e non están moi dispostos a seguir aguantando o “imperialismo de cañonera” que tentan impor os USA e os seus aliados.
Comecemos polo principio
Ata 1991, vivía o planeta sometido ao que denominábase “guerra fría”, ou tamén, dinámica de bloques. Un liderado polo USA, e outro pola URSS; a partires da desaparición da URSS, do desmembramento da mesma, e dado o grado de deterioro político, económico e social no que quedou Rusia, despois deste ano, os da OTAN pensaron que poderían tomar calquera medida pois sería incapaz de dar unha resposta. Entrouse nun mundo unipolar dominado por unha potencia, os USA. Polo tanto, a pesares das promesas a Gorbachov de non facelo, ampliaron no 1998 a OTAN a Polonia, Hungría e Eslovenia; as protestas rusas caeron no baleiro. No cumio da OTAN celebrado en Estambul en 2004, integrase o grupo de Vilna, formado por Estonia, Letonia, Lituania, Albania, Bulgaria, Macedonia, Romanía, Eslovaquia e Eslovenia.
No 2008 intentárono con Xeorxia e Ucraína e naquel momento, o director da CIA e Ángela Merkel, consideraron que facer esa ampliación, podería levar a un enfrontamento militar con Rusia, como aconteceu no caso de Xeorxia; houbo guerra durante cinco días pola sublevación das provincias de Abxasia e Osetia do Sur que non aceptaban entrar na OTAN e conseguiron separarse sendo recoñecidas por Rusia.
A Ucraína, polo tanto a incluíron de facto na OTAN, aplicaron a “táctica do salami”; que a economía deixara de estar tan vinculada a Rusia e acercala á da UE; apoiar que un país multicultural como Ucraína, adoptara a cultura única; desprazar á igrexa ortodoxa rusa do papel importante que xogaba entre unha parte da poboación e substituíla pola ucraína; comezar a ter cooperación coa OTAN en materia de seguridade, ata chegar a realizar manobras militares conxuntas en territorio ucraíno; mercar xornais, publicar libros, financiar políticos que propoñan esas ideas, como ideas liberadoras que deben rescatar ao país da dependencia da ditadura putinista, Putin é o novo Hitler, e o acerquen ao reino das liberdades. E se non hai un avance importante, cando a situación esta madura, financian e apoian o chamado “golpe de estado do Maidán”, organizado polos USA, que permite armar e fortificar Ucraína e comezar a limpeza étnica nos oblats de maioría cultural rusa.
Todos os intentos de Rusia por chegar a acordos entre as autoridades dos oblats que non aceptaron a perda dos seus dereitos culturais e o goberno que saíu do golpe de estado, Minsk 1 (2014) e Minsk 2 (2015), non serviron para nada igual que o acordo de Estambul 2022 cando comezara a “operación especial”, asinado por Rusia e Ucraína; foron frustrados pola actitude da OTAN, que consideraba que cos soldados ucraínos, co armamento, intelixencia, dirección e participación de especialistas foráneos, e algúns miles de mercenarios, conseguirían derrotar a Rusia.
A equivocación dos USA.
Quizais levados pola afirmación dun dos seus xeopolíticos máis importantes na segunda metade do século XX, Zbigniew Brzezinski que trabucouse en dous vaticinios, o primeiro que Rusia aceptaría pola súa debilidade todo canto a OTAN levase a cabo, e o segundo, que era moi difícil un acordo de Rusia con China. Os USA e a UE, xogaron a fondo polo illamento de Rusia con toda unha batería de sancións de carácter económico e pola súa derrota militar en Ucraína, portándose a UE como un apoio acrítico dos USA, amosando non ter estratexia diplomática algunha. Como di Jacques Baud, antigo coronel de intelixencia suízo enrolado en tempos na OTAN, aínda que o país non pertence á organización militar con sede en Bruxelas, tantos anos aceptando a UE que a estratexia internacional e de defensa a marcaran os USA, que cando pásase dun mundo unipolar a outro multipolar, a UE, tamén pola incapacidade da Comisión e o Consello de deseñar políticas propias, atópase nun mundo con moitos problemas e sen ser capaces de dar resposta a ningún. Parece que non se decatan que as alianzas non deben ser permanentes, só os intereses.
E se consideramos que Ángela Merkel, primeira ministra durante anos da primeira potencia europea, Alemaña, era unha declarada antirusa, a maioría das políticas que deseñou dende as institucións europeas tiveron ese carácter, que aguzouse co nomeamento de Úrsula von der Leyen e agora de Kaja Kallas como a encargada das relacións internacionais; todo redúcese a non falar con Rusia, Putin é un xenocida, e apostar por continuar a guerra en Ucraína, polo que se ve ata a destrución total do país. E cando os USA modifican en algúns aspectos a súa posición, a UE segue na súa postura belicosa cando debía estar xogando un papel de buscar solucións ao problema. O mesmo acontece co tema de Siria onde Al Qeda tomou o poder co noso apoio, o conflito Irán- Israel- USA, o xenocidio en Palestina, a creación dos BRICS e a súa bpresenza en Africa e América Latina, etc.; non hai resposta estratéxica algunha e menos no que estase a xestar por parte dos USA entre China e Taiwán. A UE segue a considerar que só existe unha China?. Posición aprobada dende 1971 despois da viaxe do presidente dos USA Richard Nixon á República Popular China.
A UE por non ter non ten posición algunha diante do cambio de estratexia coa chegada de Trump de novo á presidencia e o de “facer de novo grande América”, disposto a facelo ata contra a propia UE, os seus vasalos máis fieis. O triste espectáculo de von der Leyen e compañía no campo de golf de Trump en Escocia, di moito dos que din dirixir a UE cara ao desastre total, situación que á xente de esquerdas non debe preocuparnos moito sempre que teñamos unha alternativa.
A paralización do acordo de Maastricht, o proxecto estratéxico da oligarquía europea.
Irrelevancia e incapacidade da UE ata para facer avanzar o tratado de Maastricht, o proxecto da oligarquía, que provocou por unha banda, un fondo debate na esquerda europea e converteu a unha parte da mesma, a que estaba a favor, en neoliberal e axudouna, máis ben obrigouna, tamén a aceptar a OTAN. Pero si esperábamos que a parte que non aceptou o tratado loitara contra o mesmo, se o fixo nun primeiro momento foi dun xeito declarativo que axiña abandonou, non permitindo visualizar unha crítica elaborada e a aparición dunha alternativa ao mesmo dende a posición do movemento obreiro; por outra banda, esta incapacidade da esquerda, permitiu que sexa a extrema dereita quen leve a fondo a crítica e a alternativa a Maastricht, permitíndolle deste xeito avanzar nas sociedades europeas acadando gobernos e forte presenza nas institucións de numerosos países e no Parlamento Europeo; tamén é un feito que as posicións da dereita menos extremista, a que denomínase coa linguaxe vulgar “de centro”, aínda que non se saiba moi ben que significa, pola forte presenza da extrema dereita, nalgúns casos neofascista e no de España neofranquista, obrigou a un abandono das teses “centristas” e a acercarse a estas últimas, o que significa a desaparición gradual de determinados dereitos sociais e políticos, que hai uns anos non pensabamos que tivésemos que volver a loitar polo seu mantemento. Como resumo, sinalaría que o Tratado Maastricht atópase paralizado, tanto polas divisións internas producidas nas forzas de dereita que necesítanse para gobernar, como no propio Parlamento Europeo.
O que é máis grave é que dende a esquerda non se teña elaborado un proxecto de “Europa dos pobos” como alternativa á “Europa das oligarquías” ou a “volta atrás” do proxecto da extrema dereita. Nunca é tarde para elaboralo.
En Galicia no mes de agosto 2025.
No hay comentarios:
Publicar un comentario