A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 25 de septiembre de 2025

A XUNTANZA DA ORGANIZACIÓN DE COOPERACIÓN DE SANGHAI (OCS), ANUNCIA UNHA NOVA FASE POLÍTICA.

Carlos Dafonte.

Atopámonos ao inicio dunha nova fase política que permita superar o unilateralismo hexemónico dos USA, que conta co beneplácito da UE, e entrar nunha fase baseada no multilateralismo, que permita unha nova visión das relacións internacionais e, con seguridade, vai beneficiar á  maioría da poboación. Unha primeira pregunta que podiámonos facer é, como vai a estar organizado o novo orde mundial?

A maioría dos medios de comunicación sobre todo europeos e norteamericanos, consideraron a xuntanza como un ataque a “occidente”, cando a realidade nada do que trataron tiña que ver con “occidente” directamente; trataron sobre cales son os obxectivos dos compoñentes da OCS, como organizarse, como traballar en conxunto, como atraer a novos países, etc.; e neste senso se tentas organizar o multilateralismo, está claro que rexeitas o orde mundial unipolar de hexemonía liberal que ata hai uns anos era o dominante, pois como afirma Glenn Diesen, “quedou claro que o sistema hexemónico non logrou axustarse as novas realidades e que os excesos de liberalismo non conseguiron xerar orde. Xurdiron novos centros de poder que loitan por restaurar a multipolaridade e rexeitan o universalismo liberal”.

E si entramos nun período multipolar, a flexibilidade debe ser un elemento básico.  Trátase de superar ou “estás comigo ou no meu contra” das épocas da dinámica de bloques  ou con posteridade á mesma, coa existencia dun hexemón que impón as súas regras, aínda que vaian contra o dereito internacional. O que consolídase estes días en China é a necesidade de superar o xeito de actuar dos USA, que só buscan o seu beneficio,  por parte de países que non queren pregarse as súas esixencias, “non comercies con China, non lle compres petróleo a Rusia”, etc, aínda que estas actividades sexan favorables para a marcha do país, e como é o caso da India, castígaos con altos aranceis e outras esixencias o que leva a Modi, que segundo o economista norteamericano Michael Hudson parecía o “elo feble” dos BRICS, a comprometerse dentro da OCS e a aceptar a presidencia dos primeiros, o ano que ven.

Dentro da OCS e os BRICS, a flexibilidade, dicía, é a norma, o único que se esixe é o respecto polos acordos asinados. O que está consolidando un novo polo é a necesidade de superar  toda unha serie de institucións que os USA deseñaron cando a IIª G.M. atopábase ao final, Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial de Comercio, institucións que prometían ser multilaterais e baseadas nos principios da Carta da ONU, pero a realidade foi outra, so serviron para o dominio dos USA na chamada “guerra fría” e aos seus aliados en Europa, e foron utilizadas contra o que nun tempo chamouse “terceiro mundo”, e unha vez desaparecida a URSS, lle permitiron ao hexemón e aos seus aliados, seguir explotando e obtendo enormes beneficios en América Latina, Africa e unha parte moi importante de Asia. 

E utilizaron as sancións,  os golpes de estado e a eliminación física dos políticos que non eran favorables aos seus intereses, pero esta situación chegou ao seu fin co declive do hexemón, coa creación dos BRICS sustentados no pacto Rusia-China e as novas condicións que a súa existencia xeran.

E fronte a esta nova dinámica planetaria a Unión Europea e a OTAN visto o transcurso da guerra en Ucraína, tentan por todos os medios manter a presencia dos USA en Europa, despois das dúbidas manifestadas sobre o caso, pola nova administración dos USA despois da vitoria de Trump, incapaces de empregar a diplomacia para poñer fin á guerra, baseándose nun principio indefendible de que non se pode negociar cun Vladimir Putín que é considerado como un xenocida, un novo Hitler, presos da súa propaganda “otanista” que indica o grao da pouca consideración que teñen sobre a capacidade intelectual de quen vai recibir a mensaxe. Mensaxe dunha simpleza alarmante pero que nembargantes escoito constantemente ata en persoas con certa capacidade dialéctica, que sería unha explicación propia para un neno de 8 anos, “hai un home moi malo, que representa ao mal e nós, que representamos ao ben, debemos derrotalo”.

Mensaxes deste tipo, simplistas, carentes de fondura, nin na etapa da “guerra fría” empregáronse; non había que derrotar a Stalin, Krushof ou Breznev, por ser homes moi malos, o que estaba na base do enfrontamento, dicían, eran dous modelos, o capitalista e o comunista, o debate era ideolóxico. Que debate de carácter ideolóxico pódese dar, con Macron, Merz, Von der Leyen, Kaja Kallas ou o secretario xeneral da OTAN que chama “papi” a Trump en público e que teñen amosado ata agora que delegaron as súas funcións e soberanía nos USA?. Ou Meloni que pouco antes de ser elixida en Italia, defendía a obra do ditador fascista Benito Mussolini?

Tamén debemos sinalar que atopámonos por outra banda cunha UE incapaz de aceptar a nova realidade  planetaria que avanza, e polo tanto de contribuír a que a súa consolidación se realice do xeito máis pacífico posible. Todo o contrario, a UE destila “ruso fobia” e a súa alternativa é manter a guerra en Ucraína,  ata que morra o último ucraíno e o país sexa inviable, como xeito de conseguir que os USA permanezan en Europa para o que tamén empregan un argumento totalmente irracional, que os rusos, de gañar a guerra en Ucraína, invadirán toda Europa, “ata Lisboa”, asegurou a patética Ministra de Defensa do goberno de Pedro Sánchez.

Argumento falaz, mentireiro  que ten un dobre obxectivo, manter como xa dixen aos USA en Europa, e aprobar un gasto militar do 5 % nos orzamentos, que obrigaría ao recorte en gastos sociais, sanidade, ensino, dependencia, etc.

A solución a este problema non é fácil por unha realidade que sufrimos dende hai tempo, a clase obreira europea que debe ter unha participación activa, marcar o camiño dende unha perspectiva de clase, non conta hoxe con organizacións políticas propias, polo tanto a reconstrución é unha necesidade imperiosa, para pular, no estadio actual da loita de clases, os seus tres eixos fundamentais, a loita social, pola defensa dos servizos públicos e contra as políticas da oligarquía europea, o que  necesita tamén que @s traballador@s europeos coordinen as súas loitas e manteñan unha certa unidade na acción; a loita política, o que significa loitar polo poder e polo tanto ter un programa, un discurso e unha alternativa de sociedade, e a loita ideolóxica fundamental en momentos en que o pensamento con elementos claramente nazi-fascistas, en España neofranquistas, avanzan por ser nalgúns países a alternativa ao que hoxe goberna, que ataca e tenta destruír os dereitos que @s traballador@s acadaron en moitos anos de loita. Este pensamento que avanza ata en sectores populares e da clase obreira, tenta, utilizando a demagoxia enfrontar a sectores populares entre si, e evitar que a clase traballadora estableza co nitidez o seu obxectivo político hoxe: a eliminación do poder dos sectores oligárquicos.


En Galicia no mes de setembro 2025


No hay comentarios:

Publicar un comentario