A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 28 de septiembre de 2016

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS DE URXENCIA SOBRE OS RESULTADOS EN GALICIA E EUSKADI O 25-S DE 2016 (II)




 Carlos Dafonte

Outros dous resultados da xornada electoral que merecen reflexión.
En primeiro lugar que é a primeira vez en todo o proceso electoral autonómico, no que as forzas partidarias de aplicar as receitas neoliberais, perden peso no Parlamento. Hai un grupo que dentro da súa heteroxeneidade cualifico de neokeynesiano, que conta con 20 deputados, 14 de En Marea e 6 do BNG, que non se pode dicir que constitúan unha esquerda, pero si que hai a posibilidade de que se produza con maior forza que noutras lexislaturas, unha certa denuncia das intencións da UE de seguir ca política de recortes que serán aceptadas polo goberno que máis cedo ou máis tarde, se vai constituír en Madrid.
O segundo a destacar, é o do BNG, que dende o ano 1997, no que obtén os mellores resultados da súa historia, 18 deputados fronte ós 15 do Psoe, leva preto de dúas décadas de queda continuada en momentos no que o nacionalismo nas outras dúas nacións sen estado, son capaces de obter resultados moi importantes. Creo que o BNG trabúcase se considera que supera-los prognósticos das enquisas é unha vitoria; seguramente esa circunstancia non lle permitirá ver dun xeito nidio a realidade que está a vivir. E non debía esquecer que estas “cocíñanse”, e moitas veces os resultados das mesmas son os que interesan que sexan a quen manda elaboralas.  Espero que pasados os momentos nos que “todos ganan e ninguén perde”, se inicie na forza nacionalista unha fonda reflexión sobre as circunstancias que a levan a situación actual que non lle permite levar adiante o seu proxecto político.


Os resultados no contexto estatal actual.
Como todo o mundo comprende estes resultados teñen unha influenza importante sobre o que acontece na fase política na que se atopa o réxime; afondan na súa crise ou axudan a superala?. A resposta estará en función de como evolucionen as diferentes forzas políticas.
Si no Psoe a crise aumenta, e iso parece ser o que vai a acontecer, sobre todo despois das propostas de Pedro Sánchez do 27 de setembro, de que a súa intención e dar un xiro á política do Psoe e situalo á esquerda, ó tempo que fai unha convocatoria á militancia para avanzar cara a un congreso que confirme esa tendencia, a crise pode aumentar e non hai que esquecer que este partido é o xenuíno partido do réxime.
Por outra banda considero a proposta como unha manobra de supervivencia no cargo, e aínda que ganara, cousa difícil pois os poderes económicos teñen alicerces moi fortes no partido, non debe tentar confundir á opinión pública e @s traballador@s, ó definir unha política que non vai ser máis que darlle un suave lavado de cara ó réxime e polo tanto a súa estrutura económica o capitalismo, con unha verdadeira política situada á esquerda que debe significar, nun proceso transicional, unha creba co Tratado de Maastricht e todo o que significa na construción europeas e as políticas que se implementan dende Bruxelas; a defensa dun referendo para saír da OTAN; acepta-lo dereito a decidir para Cataluña, Euskadi e Galicia, que non é aceptar a independencia destas tres nacións; a denuncia da débeda e a realización dunha auditoría; a defensa inequívoca dos servizos públicos como sanidade, educación, etc e polo tanto a revogación de toda unha serie de leis; deixar sen efecto as reformas laborais dende a do ano 2006 en adiante e elaborar un novo marco xurídico...Sánchez atópase nunha complexa conxuntura, seguir a perder votos pola súa esquerda se permite a investidura de Rajoy ou perdelos pola dereita se formula o que chama o “xiro á esquerda” aínda que non o sexa; o que tenta e abrir ese debate que en certa medida é falso para gañar tempo e xogarse a súa pervivencia política nunhas terceiras eleccións.

Se no debate que se pode dar no Psoe, se chega a dar a circunstancia de que o actual secretario xeral e a Comisión Executiva son relevados, que polas súas actuacións ata o de hoxe, podemos afirmar que non sabían moi ben o que tiñan que facer co seu partido, pactan hai un tempo con C’s agora prometen un suposto “xiro á esquerda”, e son substituídos por unha xestora que saiba o que facer co partido, que teña claro que o fundamental é apoia-lo PP na investidura, poñer fin a actual situación de provisionalidade do goberno, pode saír reforzado momentaneamente ó réxime; pero esa mesma circunstancia, que afasta o pacto Psoe-Unidos Podemos, debía liberar ó mesmo tempo a esta última organización, para outra política distinta que ata o de agora formulou: a suicida proposta de pacto de goberno co Psoe, que o único que conseguiu foi integralo no réxime, facerlle perder votos pola súa esquerda e esquecer a presencia na rúa e a mobilización social, como factor que permita avanzar.
Se esta segunda parte se produce e ó peso institucional de Unidos Podemos que é importante, se lle suma a mobilización social, aparece un proxecto político claro de enfrontamento ca UE polas políticas económicas e de recortes que vai levar o PP unha vez investido Rajoy, de defensa dos parados, contra a pobreza de todo tipo, social e enerxética, mobilizacións contra o pago da débeda, pola defensa do medio ambiente, pola igualdade da muller, a defensa dos servizos públicos, etc, cuestión todas elas que se atopan no sentido común da xente, que non son revolucionarias, pode axudar á creación dun bloque social que enfronte a crise dende outra perspectiva.

A posición enganosa do PP.
O PP está contento, en Galicia ficou como estaba pero daba a impresión seguindo a campaña de moit@s dos seus candidat@s, vendo os cartaces, o  propio lema, “En Galicia si”, que é tanto como dicir noutras partes do estado non, de que o PP non se presentou ás eleccións. E non hai máis que estudar as intervencións do candidato, que non amosou unha grande capacidade dialéctica, para comprender ben o que é o “populismo” en estado puro, que o réxime en numerosas instancias, condena.
O PP apostou moi forte no País Vasco, enviou a un ministro, dos de Rajoy e Saenz de Santamaría, e retrocedeu, en Galicia non avanzou, pero do mesmo xeito que cando no mes de decembro perdeu 65 deputados e cinco millóns de votos e para os medios de comunicación hexemónicos o PP e Rajoy gañaron, agora non avanzar e retroceder, tamén é unha vitoria que consolida ó partido e ó seu lider.
E aínda que estes resultados podan permitir a investidura do candidato do PP, “Partido Podre”, que di o Beiras, máxime se no Psoe prodúcese a vitoria dos aceptan que o PP goberne, a lexislatura vai ser curta; no social e no laboral chea de recortes, de enfrontamentos sociais pois é de esperar o pulo da mobilización obreira e popular; e de ser así, o réxime da oligarquía estaría amosando en pouco tempo, a súa real debilidade, a súa incapacidade para o consenso e polo tanto para impor a hexemonía como non sexa por métodos coercitivos, constantemente ca “lei mordaza” na man.

En Galicia no mes de setembro de 2016.

1 comentario:

  1. Que razón tes.vendo as actuacións do PSOE nestes días teño a impresión de que xa están en campaña electoral

    ResponderEliminar