A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 20 de noviembre de 2016

A CONSTRUCCIÓN DA EUROPA UNIDA ACTUAL É UN PROXECTO BURGUÉS E IMPERIALISTA



Carlos Dafonte

Nos últimos anos da segunda guerra mundial os EEUU tiñan unha idea fixa, evitar que a desmobilización dos exércitos trouxera unha nova depresión e para elo era necesaria a reconstrución das outras dúas potencias industriais do planeta moi afectadas pola contenda, Xapón e Alemaña e crear un área de libre comercio onde chegasen os produtos norteamericanos. Pero segundo Perry Ánderson en “Imperium et Consilium”, este obxectivo tívose que retrasar pola existencia de dous exércitos o vermello e o popular de liberación, que o podían poñer en cuestión. Polo tanto a primeira idea deixou paso á de ser o garante de todo o sistema capitalista, que seguro tamén tería a súa recompensa, aínda que o prazo alongábase.
En Europa, as antigas potencias do Eixe, debían converterse en prósperos baluartes do “mundo libre” e as primeiras casamatas defensivas fronte “o comunismo” do poder militar norteamericano xunto as potencias vitoriosas que tamén foran arruinadas pola guerra, Francia e Gran Bretaña. Dean Acheson, o principal forxador da política exterior de USA e Secretario de Estado de Asuntos Exteriores con Truman, consideraba esta rexión nunha alocución no Congreso, “a pedra angular do mundo” e o cambio de estratexia dos EEUU, o que coñecemos como Guerra Fría, vai impor o Plan Marshall a Gran Bretaña, que en un ano a levaba a ruína, a creación da OTAN, a división de Alemaña para que a URSS non puidera “mete-lo nariz” no seu control, a depuración dos gobernos onde entraran os partidos comunistas e a integración europea, onde Alemaña occidental tiña que xogar un importante papel baixo o control anglonorteamericano. O primeiro elemento de ruptura que da inicio a esta estratexia se produce en 1947, cando se pon en coñecemento da URSS que non vai percibir ningún tipo de indemnización polos enormes estragos, materiais e humanos, sufridos como consecuencia da invasión do seu territorio polo exército nazi.

Polo tanto os primeiros alicerces da actual UE, nacen dentro da estratexia de Guerra Fría deseñada polos EEUUU e tiñan, entre outros xa apuntados, tamén dous obxectivos fundamentais, por unha banda o de crear un proxecto de confluencia das burguesías máis poderosas, das vitoriosas e das derrotadas na guerra, tentando poñer fin ó emprego da violencia para solucionar as súas contradicións que as levaran ó enfrontamento e a dúas guerras na primeira metade do século XX, e na mesma lóxica, afianza-lo seu dominio sobre un movemento obreiro ó que, como xa expliquei noutros artigos, pola súa fortaleza, polo desprestixio do capitalismo pai do nazifascismo, da existencia dunha URSS triunfante e poderosos imperios coloniais, lugar idóneo para roubar enormes beneficios, se lle van ter que facer concesións mediante o que se chama o “pacto social”.
Dende a CECA, Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro, ata a actualidade hai todo un camiño, con fitos como o Euratom, Comunidade Económica Europea (CEE) e a Unión Europea (UE) actual, que afianzan o proxecto imperialista que é a UE e que a causa da crise que nos azouta, convertese cada vez máis, no proxecto case exclusivo da oligarquía, o sector da burguesía minoritario pero o máis poderoso economicamente, o sector transnacional.

As políticas da UE enfróntanse ca maioría da sociedade
Polo tanto hai sectores da pequena e media burguesía, sectores empresariais, que non se consideran defendidos nos seus intereses pola UE e os aparellos burocráticos de Bruxelas fronte á mundialización da economía e o proceso de centralización e concentración do capital. Para eles a UE, é moi importante, sérvelles para disciplinar ós traballador@s cas políticas de recortes que pula, pero ó mesmo tempo créalles importantes contradicións cas políticas económicas ó servizo da oligarquía; nos países do sur os máis afectados pola crise, son milleiros e milleiros as empresas pequenas e medias que teñen desaparecido nestes anos, resultado de non poder competir e perder os seus mercados fronte a fortaleza e a maior capacidade de enfrontarse ca crise, das grandes empresas transnacionais que son as que teñen o respaldo das grandes institucións planetarias, OMC, FMI, UE, etc.
Dende a U.E. téñense pulado as políticas que no sector agrícola  fan desaparece-lo pequeno campesiño, substituído polas grandes empresas con consecuencias como a destrución do medio ambiente, contaminación e a degradación dos produtos que chegan ós consumidores.
As que inciden sobre a desaparición dunha parte importante do pequeno comercio, incapaz de competir cas grandes áreas comerciais que impoñen un “modo de vida” baseado no consumismo e o emprego do vehículo particular; atópanse afastadas do centro, contan con supermercados, todo tipo de comercios franquiciados, cinematógrafos, bares, restaurantes... e son unha das causas do esmorecemento dos centros urbanos.
Poténciase a concentración de industrias en grandes empresas transnacionais, cuns presupostos maiores as veces que moitos estados, que tentan adecua-la lei ós seus intereses; no camiño da defensa das empresas transnacionais atópase a orixe do acordo que asinou con Canadá, o CETA, e do que se tenta asinar cos EEUU, pactados en segredo e que nestes días obtén o rexeite de moit@s traballador@s  da UE; que tamén rexeitan as políticas que se permiten dende a UE como o proceso de deslocalización, o poder traslada-las empresas a lugares onde @s traballador@s teñan menos dereitos, salarios baixos e o medio ambiente non se protexa, políticas que levan o desemprego no centro do sistema a unha calexa sen saída, xa que as minorías dominantes, non están dispostas como noutros tempos de fortaleza do movemento obreiro, a facer concesión algunha, comezando por un reparto do traballo, o que se coñece como “as 35 horas” sen redución salarial, para que tod@s podan traballar. Necesitan un amplo exército de reserva, que prema sobre os salarios e as condicións de traballo cara a seguilos recortando, nun proceso que a burguesía denomina, nunha operación ideolóxica que ten como obxectivo apropiarse de verbas que sempre utilizaron os sectores da esquerda, de austeridade, cando a realidade é que nada ten que ver cas políticas que nos anos setenta do século pasado, unha parte da esquerda europea situou no centro do debate e que segue presente na memoria colectiva de importantes sectores do movemento obreiro; a austeridade actual, a pulada pola burguesía son recortes nos dereitos laborais, políticos e de todo tipo. A austeridade defendida polas organizacións d@s traballador@s era unha política de enfrontamento co capital na busca dun mellor reparto da riqueza producida.

Qué significa austeridade dende o punto de vista d@s asalariad@s?
Como non pode ser doutro xeito entre clases que son irreconciliables, antagónicas, e refírome á burguesía e ó proletariado, determinados conceptos, segundo dende que clase o analices, ten contidos completamente distintos.
Así, democracia, para unha persoa con conciencia de pertencer á burguesía, ou que teña asumidas as ideas desta clase como propias aínda que non pertenza a ela, é un sistema político que lle garante o poder a esta clase fronte ós intereses da maioría da poboación, baseado na soberanía nacional que corresponde ás Cortes, con deputados e senadores irrevogables, que non renden contas máis que cada catro anos nos procesos de eleccións, con leis electorais que axuden a monopoliza-las institucións ós partidos que defenden ó réxime, cos medios hexemónicos de información en mans da propia burguesía, que lle serven para transmiti-los valores da clase como propios de toda a sociedade e “construír sempre un relato” da realidade, ata chegar á manipulación, para que estes partidos acaden o control das institucións e cunha separación de poderes ficticia, onde os partidos do réxime teñen capacidade para intervir en cada un deles e que lle presten os servizos necesarios. Ademais os poderes económicos, grupos de empresas e fondos de investimento moi poderosos, que non se presentan ás eleccións teñen a capacidade para determinar as políticas, preferentemente económicas, que se deben adoptar; ese slogan tan manido “dun home unha muller un voto”, so serve  para crear consenso na sociedade arredor do poder, para que os explotados se sintan partícipes do que acontece, pensando que co seu voto poden cambia-las circunstancias nas que viven.
Para un o unha traballadora, con conciencia de a que clase pertence, de sufrir a explotación como man de obra asalariada, a democracia é outra cousa distinta. A soberanía reside no pobo e polo tanto hai que consultarlle as decisións que se queiran tomar e non figuren no programa electoral; o pobo debe intervir na elección dos xuíces e tribunais; os medios de información deben estar en mans dos periodistas; as leis electorais deben permitir do xeito máis nidio posible representación ás diferentes posicións programáticas que hai na sociedade; os elixidos deben render contas cada pouco tempo ós seus electores e de non cumpri-lo programa deben ser revogados; a democracia debe entrar en todos os eidos ata na economía o que significa, no control da mesma pol@s asalariad@s...
Pois ben sobre o tema da austeridade acontece o mesmo, nese proceso por parte da burguesía de apropiación das verbas que son propias do movemento obreiro e das organizacións de esquerda; non esquezamos que á implantación das políticas actuais lle chaman “revolución neoliberal” nun intento máis de deturpar unha verba, revolución, que ten un contido moi determinado. Ca verba austeridade definíase unha proposta dende a esquerda comunista que xorde nos primeiros anos setenta do século pasado, para enfronta-la crise iniciada a finais da década anterior e que se agrava ca suba do prezo do petróleo.
Pero dende aqueles anos ata a actualidade moito ten mudado a situación política; naquela época a clase obreira facía con certa inxenuidade, a proposta dun pacto pola austeridade ca burguesía, para tentar evitar todas as medidas que se vían vir,  proposta que nunca foi aceptada. A cambio a burguesía comezou a aprobar políticas económicas de corte neoliberal, medidas que a partires da crise as conceptúa de austeridade e que só afectan os traballadores e sectores populares, cos recortes de dereitos e privatizacións que coñecemos.
Na actualidade, para a clase burguesa que utiliza esta verba, son recortes para @s asalariad@s, desaparición de determinadas funcións do estado que exercerá cada vez un menor control sobre a actividade privada; privatizacións de servizos que non funcionarán co obxectivo de mellora-la calidade de vida da xente, senón como un medio máis para acadar beneficios;  o pago da débeda privada que moitos gobernos converteron en pública, en concreto o que se tenta é poñer por enriba dos intereses da maioría social os intereses dos grupos económicos máis poderosos.
Para @s traballador@s a austeridade debe significar poñer fin ó malgasto do capitalismo, comezando pola agresión constante ó medio ambiente, tamén ó consumismo individualista como modo de realización persoal, potenciando o consumo social; poñer termo os investimentos improdutivos levados a cabo polas administracións que producen enormes beneficios a unha minoría e defender que o proceso de acumulación non debe contar ca participación das mesmas. Neste senso a austeridade era enfrontarse co sistema capitalista.

A UE enimiga d@s traballador@s
@s traballador@s europeos que pertencen os países da UE, teñen conciencia como amosou a votación para a saída de Gran Bretaña da mesma, que as políticas de recortes que lles afectan nos seus dereitos, tanto laborais, sociais ou políticos se acordan nas institucións europeas. Así amosouse tamén cando os pobos votaron non en Francia e Holanda nos referendos sobre o proxecto dunha Constitución para a UE. A clase traballadora coñece ben quen é o seu adversario, que medios utiliza para impoñe-los seus criterios e mobilízase como no caso de Francia contra toda unha serie de medidas que o goberno por exixencias da UE tenta impor. Pero atópase cun problema importante, que as organizacións de esquerdas que chamaremos tradicionais, Partidos Comunistas e organizacións que saíron da disolución dos mesmos, así como os movementos sociais que se foron creando, non tomaron nestes anos unha posición política clara de loita contra a Unión Europea, defendendo a saída dos seus países da mesma, polo que sectores importantes da clase asalariada, dende hai anos votan en diferentes eleccións a partidos e organizacións políticas que sinalan a UE e o euro, como a causante de toda unha serie de medidas e dificultades e propoñen a saída do país da mesma. Pero ese voto ten un problema engadido, que xunto a defensa da saída da UE, nos seus programas introducen cuestións que podemos considerar xenófobas e racistas e rachan ca unidade da clase traballadora ó tempo que formulan a aplicación para o marco nacional, de políticas económicas de carácter neoliberal. Pero ademais debemos entender que non existen solucións dentro dos marcos dos estados ás contradicións do capitalismo e hoxe, coma sempre hai que tentar levantar un proxecto internacionalista d@s traballador@s. Os episodios de Grecia e Portugal, onde a mobilización social conseguiu formar gobernos distintos pero que non foron no caso de Grecia e tampouco o é no caso de Portugal, capaces de crear unha alternativa ó neoliberalismo e as políticas de recortes que pula a UE. No caso grego pola razón de que o goberno, contando cunha maioría da poboación que estaba disposta a loitar, rendeuse diante das exixencias de Bruxelas.
E non hai posicións intermedias, como é a que formula a necesidade de loitar dende dentro para reformala; opcións como o coñecido como “Plan B para a UE”, que pula Varoufakis antigo ministro de economía de Syriza en Grecia, que considera posible, a partires do existente chegar a unha Europa máis social posta ó servizo dos traballadores e demais clases explotadas polo capital, aínda que nos seus manifestos como o de Madrid, non expliquen como se vai levar a cabo esa transformación.
A UE actual como instrumento imperialista non pode ser reformada; a oligarquía e Alemaña a grande beneficiada, non o permitirían, só ca súa derrota a todos os niveis se podería facer e no caso de darse a mencionada circunstancia, non hai razóns para que sobreviva nada das estruturas imperialistas e antidemocráticas existentes. A construción da Europa dos pobos e socialista, débese facer de acordo con criterios distintos e sobre alicerces diametralmente opostos ós actuais.
É preocupante que na situación actual, nas campañas celebradas neste amplo ciclo electoral vivido en Galicia, o tema da UE e o euro non se teñan debatido en profundidade cando contamos ca ameaza dos tratados comerciais con Canadá e USA, o chamado CETA xa aprobado e descoñecido pola poboación e o TTIP negociándose secretamente, que van dar ás empresas transnacionais unha posición superior a dos estados, ó tempo que vai afondar no modelo atlantista da UE.
Compre pois que en Galicia se abra un debate sobre todos estes temas que son cruciais para o noso país, tanto na sociedade, nas institucións como no interior do movemento que se está a configurar, pois unha grande parte das decisións, sobre todo en materia económica que se toman no estado e ás que o bipartidismo e cómplices foron sumisos, son aprobadas previamente polos burócratas non elixidos que dirixen a UE e a Unión Monetaria. E tra-lo debate ou ó mesmo tempo, débese abrir un período de mobilizacións; non se poden aceptar sen loita os recortes que nos van a impor, nin a suba de impostos que agora o PP, despois de tantos meses de período electoral no que o negou parece vai levar adiante, nin que se aproben tratados comerciais secretos, nin que unha vez máis se engane a todo o electorado con promesas que despois non se compren.

En Galicia no mes de novembro de 2016

1 comentario: