A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 27 de marzo de 2017

LENIN, A SÚA IMPORTANTE CONTRIBUCIÓN Ó PENSAMENTO REVOLUCIONARIO (II)



Carlos Dafonte.

En quinto lugar a defensa do Dereito de Autodeterminación dos pobos.
Este foi un tema moi controvertido no seo da Socialdemocracia mundial; é certo que no Congreso celebrado en Londres en 1896 pola II Internacional aprobouse unha resolución en favor da autodeterminación nacional, pero tamén que dentro da mesma e na súa á esquerda xurdiron importantes discrepancias por exemplo entre Rosa Luxemburgo e Lenin que foron aproveitadas por sectores rusófilos, bundistas e ucraínos para atacar o epígrafe “9” do programa dos bolxeviques, que trataba sobre esta cuestión.

Aínda que Lenin non participou fisicamente na creación en 1898 do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, atopábase confinado en Siberia, saudou que a organización da que se consideraba membro, recollera no seu programa o dereito dos pobos á autodeterminación, opoñéndose a que unha minoría rusa do Imperio que non excedía o 45% da súa poboación, oprimise ó resto dos pobos que formaban parte do mesmo, polo que se lle denominaba “cárcere dos pobos”, polo emprego sistemático da violencia contra os mesmos e o seu desexo de liberdades.
Lenin seguindo o formulado por Marx e Engels, consideraba que non poden ser libres os pobos que oprimen a outros pobos, polo que sendo un cidadán dun imperio opresor como era o ruso, defendía o dereito de autodeterminación de todos os pobos que se atopaban dentro do mesmo e tamén polo tanto do polaco. Rosa que era polaca, rexeitaba esta posición desde a nación oprimida e era moi crítica co programa bolxevique. Se ten aceptado que foi así, xa que o que tentaba a grande revolucionaria, era “facer operativo o concepto marxista de clase como dato social clave e poñer fin dunha vez para sempre co vello e estreito concepto de nación”.
Lenin ó longo da súa curta vida irá escribindo toda unha serie de folletos sobre o tema que permiten coñece-la súa visión. En 1913 escribe “Notas críticas sobre o problema nacional” en resposta ó argumentado por Rosa Luxemburgo en 1908 na súa obra “A cuestión nacional e a Autonomía” cuxos argumentos utilizan contra os bolxeviques os críticos mencionados nas primeiras liñas deste artigo. Para Lenin desde un punto de vista marxista, consideraba que a Autonomía “non socaba o principio centralista indispensable para o desenvolvemento do capitalismo, senón que se flexibiliza desde o punto de vista do centralismo democrático”.
Ademais de rebater a Rosa nesta obra tamén o fai contra unha teoría moi de moda na época, o chamado “reformismo austríaco” e a súa teoría da “autonomía cultural-nacional”, presente nos escritos de Karl Renner e Otto Bauer; o que defendían por enriba de todas a súas argumentacións era a existencia, o “status quo” do Imperio Austro-Húngaro tal como estaba configurado.
No folleto de 1913 anuncia ademais unha resposta máis elaborada e hai referencias de que Stalin, que despois de escapar do desterro siberiano se atopa con Lenin é enviado a arquivos de Austria para levarlle informacións sobre o problema nacional. A resposta é “Sobre o dereito das nacións á autodeterminación” escrita nos primeiros meses do ano 1914. Estruturada en nove capítulos e unha breve conclusión, inicia os seus argumentos contra o defendido por Rosa Luxemburgo cunha pregunta, ¿que é a autodeterminación das nacións? E a resposta á mesma, di,  non hai que buscala no terreo político dos “conceptos xerais” do dereito, senón “no estudo histórico-económico dos movementos nacionais” xa que o marxismo ensina e exixe que para analizar calquera problema social, se lle encadre nun marco histórico determinado.
“De formular dunha maneira precisa esta cuestión, que é inevitable para un marxista, desfaría no acto as nove décimas partes dos argumentos de Rosa Luxemburgo”. Polo tanto para Lenin, cousa que considera non fai Rosa, hai que examina-las condicións históricas e económicas dos movementos nacionais. “A época do trunfo definitivo do capitalismo sobre o feudalismo estivo ligada en todo o mundo a movementos nacionais. A base económica destes movementos estriba en que, para a vitoria completa da produción mercantil, é necesario que a burguesía conquiste o mercado interior, é necesario que os territorios con poboación dun só idioma acaden cohesión estatal, eliminándose cantos atrancos se opoñan ó desenvolvemento dese idioma e a súa consolidación literaria”.(...) “por conseguinte se queremos entende-lo que significa a autodeterminación das nacións, sen xogar a definicións xurídicas, nin inventar definicións abstractas, senón examinando as condicións histórico-económicas dos movementos nacionais, chegaremos inevitablemente á conclusión seguinte: por autodeterminación das nacións se entende a súa separación estatal das colectividades de nacionalidade estraña, se entende a formación dun estado nacional independente”.
Os ataques da revolucionaria polaca contra o programa bolxevique, centrábanse en considerar que o mesmo era unha repetición de lugares comúns, en primeiro lugar;  que por non estar presente en ningún outro programa de partido socialdemócrata europeo o illaban dos mesmos; e en terceiro, que ademais nese programa non había “ningunha indicación práctica para a política cotiá do proletariado, ningunha solución práctica dos problemas nacionais”.
Da resposta ca súa agudeza tradicional ós dous primeiros argumentos, pero parécenme máis interesantes os que formula para rebater o terceiro pois entendo, sitúa perfectamente cal debe ser a posición da clase obreira diante do problema nacional.
Comeza examinando cales poden ser as interpretación que pode ter o “practicismo” e destaca tres: a) Como un apoio a todas as aspiracións nacionais. b) Como un si ou un non á perspectiva de separación dunha nación. c) En xeral, a posibilidade de realización inmediata das reivindicacións nacionais.
Sobre a primeira interpretación, afirma que “A burguesía, que naturalmente actúa ó comezo de todo movemento nacional como forza hexemónica (dirixente) do mesmo, chama labor práctica á prestación de apoio a todas as aspiracións nacionais. pero a política do proletariado na cuestión nacional (como nas demais cuestións) só apoia á burguesía nunha dirección determinada, pero nunca coincide ca súa política” e establece onde se lle pode dar os apoios, en interese da paz nacional que a burguesía non pode garantir pois só é realizable na medida dunha completa democratización da vida social, política e económica, cousa á que non esta disposta; en interese da igualdade de dereitos, que tampouco está disposta a levar a cabo sería poñer fin á explotación da forza do traballo e en terceiro lugar en interese de acadar por parte do proletariado unha mellor situación no desenvolvemento da loita de clases. E continúa, “por iso contra o practicismo da burguesía, os proletarios propugnan unha política de principios na cuestión nacional, apoiando sempre á burguesía só condicionalmente. En la cuestión nacional, toda burguesía desexa os privilexios para a súa nación ou vantaxes exclusivas para esta; precisamente isto é ó que se chama “práctico”. O proletariado está en contra de toda clase de privilexios, en contra de todo exclusivismo. Exixirlle “practicismo” significa ir a remolque da burguesía, caer no oportunismo”.
Para a segunda interpretación, considera que o proletariado subordina as reivindicacións nacionais ós intereses da loita de clases e non hai garantías de que a separación dunha nación de outra, poña fin o dominio da burguesía. O proletariado consciente debe antepoñer sobre todo o desenvolvemento da súa clase e polo tanto “o proletariado se limita á reivindicación negativa, por así dicir, de recoñece-lo dereito á autodeterminación, sen garantilo a ningunha nación, sen comprometerse a dar nada a expensas doutra nación”
Respecto á terceira, denuncia a actitude da burguesía de conseguir viabilidade para o seu proxecto o que a leva sempre a transacionar  ca burguesía das doutras nacións sempre en detrimento do proletariado e que a este o único que lle debe importar é fortalecerse para loitar en mellores condicións contra a burguesía ó tempo que “educa-las masas no espírito da democracia consecuente e o socialismo”. Para poñer fin a este apartado, Lenin reduce a cuestión a unha dicotomía, o nacionalismo da nación opresora e o nacionalismo da nación oprimida e que o proletariado debía estar sempre contra calquera xeito de opresión. Pero o tempo que loita contra os privilexios da nación opresora, que son os privilexios da súa burguesía, “non hai que ter ningunha tolerancia co afán de privilexios da nación oprimida” que tamén son os da súa burguesía. E sinala que para discutir sobre este tema é necesario analiza-las posicións das diferentes  clases sobre o mesmo e a posición da clase obreira “Os intereses da súa loita  contra o capitalismo exixen unha completa solidariedade e a máis estreita unión dos  obreiros de todas as nacións”. Exixen que se rexeite a política nacionalista da burguesía de calquera nacionalidade. Por elo sería apartarse das tarefas da política proletaria e somete-los obreiros á política burguesa, tanto o que os socialdemócratas negaran o dereito á autodeterminación, é dicir o dereito das nacións oprimidas a separarse, como o que se puxeran a apoiar todas as reivindicacións nacionais da burguesía das nacións oprimidas”. Non estaría de máis que este texto de Lenin fora estudado por moitos dirixentes obreiros e políticos da esquerda en momentos na que a reivindicación nacional atópase moi presente no estado español.

En sexto lugar, o análise da fase imperialista do capitalismo.
Desde principios do século XX o tema das transformacións que se estaban a dar no capitalismo, ás que se denominaría imperialismo, foi analizado por varios autores pertencentes ó campo da burguesía ou ó campo da revolución; dentro do primeiro atópase J.A.Hobson co seu libro “O Imperialismo”, que completa Hilferding desde o campo da socialdemocracia reformista, co “O capital financeiro” de 1912. Desde as fileiras do marxismo revolucionario destacaremos o libro de Rosa Luxemburgo “A acumulación de capital” escrito en 1913 e que tenta dar resposta as dificultades conceptuais que atopou nun seminario para militantes para explicar segundo Marx, o proceso global do capitalismo que ela elaboraba en 1907 na súa “Introdución á Economía Política”. Segundo ela, as dificultades atópanse na aparente contradición  de dúas conclusións que se derivan da obra de Marx, cando no tomo II de  “O Capital” na súa exposición da acumulación  parece que o capitalismo ten a posibilidade dun desenvolvemento infinito, nembargantes nas conclusións máis xerais da obra do autor, as crises periódicas cada vez máis violentas o levan cara o seu derrube. Para solucionar esta aparente contradición escrebe Rosa a obra de 1913.
En 1915 Nicolai Bujarin, un dos dirixentes da revolución dos soviets en Rusia, escrebe en 1915 e se publicará en 1917 cun limiar de Lenin, “A economía mundial e o imperialismo”. Nese limiar Lenin deixa claro a necesidade de estudar o imperialismo “A cuestión do imperialismo é, non só unha das máis esenciais se non se pode dicir que é a máis esencial, no dominio da ciencia económica que estuda as transformacións contemporáneas do capitalismo. O coñecemento dos feitos desta caste é indubidablemente necesario para todo aquel que se ocupe, non só da economía, senón de toda outra cuestión que se refira á vida social da nosa época.” Polo tanto en Zurich durante a primavera de 1916 redactará esta obra, que como quere que se publique en Rusia, son as súas verbas, “Resulta doloroso reler agora, nos días de liberdade, as pasaxes do folleto mutilados, comprimidos, apertados nun anel de ferro por medo á censura tsarista.” Non hai que esquecer que escrébese en plena I Guerra Mundial, despois da traizón da Socialdemocracia que a pesares da declaración sobre a guerra da Internacional Socialista, numerosos partidos que formaban parte da mesma constituíron “a unión sagrada” cas burguesías respectivas e votaron os cretos necesarios nos Parlamentos para armarse e combater polo reparto dos mercados e das materias primas do planeta. Tampouco debemos esquecer a influenza que neses países a socialdemocracia traidora tiña sobre o movemento obreiro e como a unha parte do mesmo o imperialismo merca, sectores ós que Lenin denomina “aristocracia obreira”.
Todas estas circunstancias o levan a estudar o imperialismo e o xeito de formular mellor a política internacionalista fronte o patrioterismo e chovinismo socialdemócrata.
O plan da obra o explica ben Palloix na súa obra “A economía mundial capitalista”: “Partindo do proceso de “produción inmediato” e do “espazo da circulación” no que se atopa a “natureza do Imperialismo (capítulos 1-3), Lenin estuda os seus mecanismos e os seus efectos na realidade concreta (capítulos 4-6) e define sistemáticamente o Imperialismo no capítulo 7, antes de extrae-las directrices para unha practica política e situala loita de clase do proletariado contra o imperialismo nos capítulos 8 e seguintes”.
Para Lenin o imperialismo e o resultado das contradicións do capitalismo, é resultado dun proceso dialéctico que leva ó capitalismo que é un modo de produción baseado na libre competencia a converterse no seu contrario, o dominio dos monopolios: “O imperialismo xorde como o desenvolvemento e a continuidade directa das características do capitalismo en xeral. Pero o capitalismo se converteu en imperialismo capitalista só ó acadar un grao moi definido e moi alto do seu desenvolvemento, cando algunhas das súas características fundamentais comezaron a converterse nos seus contrarios, cando tomaron corpo e se manifestaron en todos os rasgos da época de transición do capitalismo a un sistema económico e social máis elevado. O fundamental deste proceso , desde o punto de vista económico, é o desprazamento da libre competencia capitalista polos monopolios capitalistas. (...) O monopolio é a transición do capitalismo a un sistema superior.”
Polo tanto, o capitalismo non é para Lenin unha política que nun momento determinado establece un sector da burguesía mundial, que era o análise de Kautski un dos líderes da Internacional Socialista, senón o resultado da evolución do capitalismo; unha necesidade histórica na súa evolución.
O longo do libro vai establecer toda unha serie de características que marcan esta nova etapa do imperialismo:

En primeiro lugar, a concentración da produción e do capital desenvolveuse ata un grao tan importante que xorden os monopolios que desempeñan un papel decisivo na actividade económica. E defende as posicións de Marx, “Hai medio século, cando Marx escribiu “O Capital”, a libre competencia era para a maior parte dos economistas unha “lei natural”. A ciencia oficial tentou aniquilar mediante a conspiración do silencio a obra de Marx, que demostrou cunha análise teórico e histórico do capitalismo,  que a libre competencia procrea a concentración na produción, e que dita concentración, nun certo grao do seu desenvolvemento, conduce ó monopolio”
E fai un resumo de como se desenvolveron os monopolios, pasando da década dos 60 e 70 do século XIX, onde non eran máis que xermolos, a como a crise de 1873 pula a creación dos carteis e outra crise a de 1900-03, os convirte na base da vida económica e afirma rotundo: “O capitalismo transformouse en imperialismo”.
Tamén rebate a tese de Berstein e outros economistas burgueses, no senso de que  os monopolios ían facer posible que as crises capitalistas tiveran menor incidencia. Afirma que “é unha fábula dos economistas burgueses, que poñen todo o seu empeño en embelece-lo capitalismo”. Pensemos na cantidade de economistas que hoxe diante da crise actual, consideran que non é propia do capitalismo, consubstancial ó mesmo, senón resultado de “malas políticas”.

En segundo lugar, a fusión do capital bancario co capital industrial aparecendo o chamado capital financeiro e tamén, dentro da propia clase burguesa, a oligarquía financeira. Lenin considera moi incompleta a definición de Hilferding de capital financeiro, pois afirma, non ten en conta que na banca tamén se produce un proceso de concentración, que leva á existencia de poucos bancos cada vez máis fortes o que fai que cada día o capitalista teña unha dependencia maior dos mesmos ata que se produce “a unión persoal dos bancos cas máis grandes empresas industriais e comerciais, a fusión duns cas outras mediante a posesión das accións, mediante a entrada dos directores dos bancos nos consellos de administración das empresas industriais e comerciais e viceversa”, é dicir, se produce a unión do capital bancario e industrial. E ademais esta “unión persoal” dos grandes bancos cas grandes empresas industriais e comerciais, se reforza ca “unión persoal” destes cos altos funcionarios dos gobernos. Verdade que estas cousas nos sonan no estado español?

En terceiro a exportacións de capitais vai adquirir unha enorme importancia, maior que a exportación de mercadorías. Para que este feito se produza se exixe se cumpran dúas premisas, que haxa un excedente do mesmo, que só se pode producir nos países máis avanzados e a creación dun mercado mundial, onde os países da periferia, subdesenvolvidos, máis atrasados, ofrecen maiores beneficios para os investidores dos máis poderosos.
Marx no tomo III de “O Capital” analizaba este feito. “Cando se envía capital ó estranxeiro, non é porque este capital non atope, en termos absolutos ocupación dentro do país. Ë porque no estranxeiro se pode investir cunha cota máis alta  de ganancia”. E Lenin confirma “Mentres o capitalismo sexa capitalismo, o excedente de capital non se consagra á elevación do nivel de vida das masas do país, xa que isto minguaría as ganancias dos capitalistas, senón ó xeito de amplia-los seus beneficios ca exportación de capitais ó estranxeiro, ós países atrasados”. E isto é así xa que nestes países, “os capitais son escasos, o prezo da terra relativamente pouco considerable, os salarios baixos e as materias primas baratas”.

En cuarto, o reparto do mundo entre as asociacións de capitalistas. A partires de meados do século XIX todo o planeta estaba dividido entre as grandes potencias, semellante ás reparticións dos mercados interiores que se producen dentro de cada estado nacional entre os diferentes truts e carteis. Di Lenin “...baixo o capitalismo, o mercado interno atopase inevitablemente entrelazado co mercado exterior. O capitalismo creou hai tempo un mercado mundial. E a medida que aumentaba a exportación de capitais e se ampliaba en todo senso as vinculacións estranxeiras e coloniais e as “esferas de influenza” das máis grandes asociacións monopolísticas, as cousas gravitaron, naturalmente cara a un acordo universal entre esas asociacións e cara a formación de carteis internacionais” . Trátase do reparto do mundo entre as diferentes oligarquías financeiras, que non sempre se deixan arrebata-los mercados polos seus competidores e dado o poder enorme que teñen dentro dos seus estados, implican ós mesmos na defensa dos seus intereses particulares.

En quinto lugar o reparto do planeta entre as grandes potencias capitalistas ten rematado, polo que as novas reparticións se van facer en base a exacerbación das contradicións interimperialistas que conducirán á guerra entre os mesmos. “De modo que hoxe en diante o que se pode efectuar son unicamente novos reparticións, e dicir, o paso de territorios dun “propietario” a outro e non o paso de territorios sen “propietario” a un dono”.  Inglaterra, Francia e Alemaña se repartiron o mundo, xa que para o dominio dos monopolios e o capital financeiro é indispensable o control das materias primas que a dominación colonial asegura. Este dominio se plasma nunha variedade de fórmulas de dependencia política-estatal. A colonia, territorios sometidos económica e politicamente  a unha determinada metrópole imperialista, ós países semicoloniais que gozan de independencia política pero están sometidos economicamente a todo o armazón imperialista e é así porque “o capital financeiro é unha forza tan considerable, pode dicirse tan decisiva, en todas as relacións económicas e internacionais, que é capaz de subordinar e en efecto subordina, incluso ós estados que gozan da independencia política máis completa”.

Lenin non sería un revolucionario se o análise do imperialismo o fixera só desde un punto de vista económico, polo tanto se pregunta como afronta-la loita contra o imperialismo e a necesidade de detectar dende o punto de vista da loita de clases, os antagonismo de intereses que o imperialismo produce dentro de cada formacións social.  En “Cartas sobre a táctica escribe”: “O marxismo exixe de nós o  a análise máis exacto , obxectivamente comprobable, das clases e peculiaridades concretas de cada momento histórico. Nós os bolxeviques sempre procuramos ser fieis a esa exixencia, indiscutiblemente obrigatoria desde o punto de vista de toda fundamentación científica da política”. Polo tanto analiza dentro das metrópoles imperialistas a correlación de clase: A formación dun sector da burguesía, a oligarquía financeira que exerce o seu dominio, outros sectores da burguesía que son “parásitos rendistas” que cobran os beneficios das accións e obrigacións; a subordinación da pequena e media burguesía ós intereses dos monopolios; denuncia a posición da socialdemocracia reformista que ten como aliados a sectores da burguesía e como o imperialismo “procrea a posibilidade económica de subornar ás capas superiores do proletariado, e con elo nutre o oportunismo, lle da corpo e o reforza”. Refírese no que en outros momentos chama tamén a “aristocracia obreira” e como da mesma e da propia burguesía, xorde a dirección “oportunista, revisionista e socialdemócrata”, que ca súa política de conciliación de clases se converten en eficaces xestores do capitalismo. Se converten en partidos burgueses aínda que na súa base e entre os seus votantes haxa numerosos traballador@s asalariad@s. Formula a necesidade da alianza do proletariado revolucionario cos campesiños pobres no interior de cada país e cos movementos que loitan contra o imperialismo nos países oprimidos  polo mesmo.
E para levar a cabo esta tarefa, unha reivindicación constante de Lenin, a creación do partido de novo tipo, revolucionario, instrumento do proletariado, que rache ca socialdemocracia, e ademais, avanzar cara a construción dunha nova Internacional.
Lenin tiña claro que “Cando a guerra finalice, se amnistiarán uns a outros, recoñecerán que todos tiñan razón, que en tempos de paz vivimos como irmáns, pero que en tempos de guerra baseándose en tales ou cales resolucións, exhortamos ós obreiros alemás a exterminar ós seus irmáns franceses e viceversa (...) se botará terra a discusión e todo marchara a “pedir de boca”. En lugar de axuda-los obreiros a comprende-lo que aconteceu. Se lles enganará cunha aparente “unidade” sobre o papel, a unión dos socialchovinistas e dos hipócritas de todos os países, será denominada reconstitución da Internacional”.

En Galicia no mes de marzo de 2017.





No hay comentarios:

Publicar un comentario