A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 10 de abril de 2017

GALICIA: A CLASE OBREIRA EN ESCENA, CONSTRUÍNDO A UNIDADE DESDE A BASE



Xulia Mirón
Algúns poderían esperar que a maioría absoluta do PP nas últimas eleccións galegas ían garantir paz social, e nada máis lonxe da realidade. Desde que as gañou, as mobilizacións sociais non deixaron de crecer en extensión e cantidade de xente mobilizada, cunha dinámica de aumento de resistencia aos plans da Xunta de Feijóo.
Comezaron en decembro as traballadoras de política social contra a perda dos seus postos de traballo, como persoal laboral da Xunta, folgas en Ferroatlántica contra as ameazas sobre os postos de traballo, traballadoras do téxtil e Pescanova, traballadores/as de Correos, que se sumaron ás folgas nacionais e estatais no ensino, Telemarketing e a conflitividade nos Portos.
Pola súa banda, as Marchas da Dignidade convocaron unha importante manifestación que foi aproveitada por sectores sociais para expresar a súa unidade fronte aos ataques, cos e as pensionistas á cabeza, mentres o domingo 5 e o 8 de marzo, miles de mulleres saían á rúa para esixir os seus dereitos, continuou o 10 de Marzo, Dia da Clase Obreira Galega e seguiu o 16 de marzo coa manifestación unitaria de varios sectores, en Santiago contra a precariedade laboral do persoal das administracións públicas, convocada desde a base.

A reorganización política
Neste tres longos anos de período electoral, foi cristalizando politicamente as réplicas sociais do terremoto do 15M e as Marchas da Dignidade do 22M do 2014. Primeiro foi a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), despois, a nivel estatal, Mover Ficha. Viñeron as Europeas e Podemos galvanizou electoralmente todo un sector do activismo. O pasado ano foron as Mareas municipalistas, Unidos Podemos, etc., que viñeron encher o espazo á esquerda do PSOE e EU, e en parte, do BNG.
En Marea, sucesora de AGE, é un claro paso atrás pois se sitúa desde o principio no marco Constitucional. Como dixo o seu portavoz o xuíz Villares,”todo dentro da lei, nada fóra da lei”. O BNG puido aguantar o tirón sen deixar o nacionalismo, con lemas vagamente rupturistas e mantendo a dirección da CIG.
        
A reorganización política está, hoxe por hoxe, dentro dos límites do réxime burgués e cun programa socialdemócrata, sen estruturas e raíces na clase traballadora, nin nas súas bases, as clases medias asalariadas e a mocidade. Pero non é un fenómeno pechado, porque a crise do réxime monárquico non axuda e lles obriga constantemente a facer guiños á súa esquerda, máis é un feito que cristalizou a redor dun programa socialdemócrata progresista coa añoranza do     pasado Estado de Benestar

A reorganización sindical está nos seus comezos
Despois de anos de paz social, a clase obreira, como vimos, comeza a facer acto de presenza nun marco determinado por un gran retroceso na conciencia de clase imposto, entre outras, pola precarización das relacións laborais, e ligado á dexeneración e crise dos sindicatos estatais maioritarios, CCOO e UXT.
A CIG, ademais de ser parte do proxecto político do BNG, esta ligada a través das subvencións, cursos e liberados, ao aparello do estado; por iso, aínda mantendo un pasado combativo, a CIG está na pendente da burocratización e a acomodación na rutina sindical, como se manifestou abertamente en conflitos como o de Política Social/Consorcio.
A paz social destes anos tiña unha base material na conciencia da xente, moitas persoas creron iso de que “cando chegue a recuperación, todos/as beneficiarémonos”; pero isto era mentira, e obviamente non está a suceder, senón que seguen quitando dereitos.
Ante esta situación as direccións sindicais seguen coas mesmas receitas que no pasado de “bonanza”, o que lles permitiu ás empresas repartir algunhas migallas. Non entenden que iso se acabou, que hoxe as empresas necesitan máis precariedade, baixar os salarios, seguir destruíndo emprego; que para recuperar a taxa de ganancia teñen que aumentar a explotación da clase obreira e destruír ata as raíces as conquistas do Estado do Benestar, e que a Xunta, como todos os gobernos, actúan en consecuencia, como goberno burgués defende os intereses da súa clase.
Non entenderon nada de todo isto, por iso seguen coas súas receitas do sindicalismo de negociacións de salón, confiando na súa “labia” e "despacho", cando enfronte o que hai son representantes dunha clase social, o capitalismo, que declarou a guerra á clase obreira e o pobo. Créronse as mentiras da democracia burguesa, de que podemos "recuperar" os dereitos a través dun pouco de presión, un moito de negociación e un nada de asembleas decisorias onde non só os delegados e delegadas, senón os traballadores e traballadoras expresen a súa vontade.
Este choque entre unha realidade de loita de clases exacerbada e unhas políticas sindicais conservadoras, rutineiras, abre ocos polos que entra a loita espontánea dos traballadores e traballadoras. Como en política non existe o baleiro, estes ocos énchenos as persoas traballadoras como poden, apelando a pequenas organizacións como a CUT, SAGAP, PROSAGAL, COBAS, Modepen, etc. Todas teñen unha característica, expresan o cambio na relación entre a clase traballadora e as súas organizacións de sempre.
Pero non confundamos, este cambio na relación de confianza non garante que automaticamente vaian xurdir novas organizacións, mellores que as anteriores. A conciencia antipartido e antiorganización, a decepción e a pasividade, a radicalización ultraizquierdista, expresado no individualismo na resposta aos ataques, son "monstros" que sempre están presentes na clase obreira.
A crise, as políticas da UE e a Xunta, os recortes e as privatizacións impoñen a máis ampla unidade na resposta; é criminal soster que é posible responder á virulencia destes ataques desde a autoafirmación sectaria. O camiño da reorganización das forzas sindicais e políticas da clase obreira é longo, e pasa por construír ferramentas unitarias de loita, por encima de siglas, para enfrontalos.
O sindicalismo de clase, combativo e democrático, baseado nas asembleas de base decisorias, tamén se reorganizará cando se entenda que a defensa da unidade da clase obreira pasa polo respecto aos dereitos nacionais do pobo galego.
O camiño que está a comezar é longo, e non exento de problemas; mais, imprescindible para enfrontar as políticas mentireiras e hipócritas dos gobernos de quenda.
Por iso a mobilización unitaria o pasado 16 de marzo en Santiago, do persoal traballador precario da administración pública, en defensa dos postos de traballo e dos servizos públicos é un bo comezo para avanzar e consolidar esa unidade da que partiu.
O cansazo ante tanta mentira
Feijóo, e os medios que subvenciona (todos), non se cansan de repetir que Galiza está "preto de alcanzar os niveis previos á crise". E isto é unha mentira como unha casa. Nos anos de goberno do PP, 234.000 galegos e galegas tiveron que emigrar, un 10% da súa poboación, 66 mil novos no últimos catro anos. Así o PP pode dicir que en Galicia o paro non é tan alto como noutras zonas do Estado: expulsando aos parados calquera non maquillas as cifras.
Este proceso baséase nunha calculada política de desindustrialización, coa caída de dous puntos na súa achega ao PIB, e apostando abertamente por unha economía ao servizo dunha Galicia colonizada, a “marisquería” de España, ..., baseada na máis absoluta precariedade -máis de 7 millóns de contratos de traballo asinados nos últimos dez anos, e os baixos salarios, onde se perderon máis de 100 mil postos de traballos, que aínda non foron recuperados.
Mentres Feijóo alardea de “Galicia Calidade”, o prezo do leite segue sendo o máis baixo do Estado sendo o primeiro produtor, as eléctricas contaminan coas súas térmicas e os seus encoros, mentres o pobo galego paga o mesmo prezo que o resto do estado e os seus impostos páganse en Madrid; os estaleiros piden esmolas á Unión Europea sen ter un plan a longo prazo, que permita aos traballadores/as non estar no fío, ou se segue prohibindo nos feitos a construción de buques civís no estaleiro máis moderno do Estado.
Todas estas mentiras, evidentes, están a acumularse entre a poboación traballadora, e non o dubidemos, como cando Nunca Mais, o feito máis imprevisible faraas explotar.
          En Galicia nos mes de abril de 2017
  

No hay comentarios:

Publicar un comentario