A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 16 de abril de 2017

UNHA ANÁLISE DA SITUACIÓN POLÍTICA INTERNACIONAL NA PRIMAVERA DE 2017



Carlos Dafonte.

Algúns dos seus elementos.

Os “novos EEUU” da era Trump
O elemento político máis novidoso e o afondamento das contradicións, que cada vez máis se poñen de manifesto entre as potencias imperialistas centrais e a viraxe na estratexia deseñada por Obama e os demócratas introducida pola administracións republicana, respecto ás relacións con Rusia e China.
A pesares de ter dado “marcha atrás“ na súa posición inicial respecto a China, parece que a ofensiva levada a acabo por Obama, simultánea contra China e Rusia, se vai centrar máis sobre a primeira, pois os resultados da política anterior, potenciaron o acercamento ruso-chino, aspecto que se quere debilitar.
Pero de ser así, esta nova política vai deixar un flanco aberto na UE, que da man de Obama tomou medidas contra os perdedores da revolta inducida polos EEUU, en Ucraína, é dicir contra Rusia, e agora o acercamento Trump-Putin deixa á UE en “fora de xogo”.
Esta situación tamén es percibida polo goberno de ultradereita-nazi de este país que nos últimos meses, posiblemente para concitar a axuda dos EEUU está a lanzar ataques militares contra a zona que se declarou independente, o Donbass, e bloqueando todas as vías de comunicación para os produtos industriais da zona, cuxos medios de produción son propiedade de capitalistas ucraínos, que teñen visto como as súas empresas como resultado desta nova presión realizada polo goberno ucraíno, lles son ocupadas e  arrebatadas polos independentistas. Esta reactivación do conflito busca que Rusia reaccione dun xeito que obrigue ós EEUU a volver á política de enfrontamento levada a cabo por Obama. Non hai que esquecer que volver ó enfrontamento armado é un xeito de libera-la presión, busca-lo patrioterismo, en momentos nos que o FMI exixe, rebaixa de pensións e salarios, e privatización de terras e servizos para facer efectivo a última parte do préstamo concedido. A poboación en Ucraína atópase ó límite; o presidente do Consello da Asociación Empresarial Europea, fixo unhas declaracións, nas que aseguraba que o ucraíno era o mercado de traballo máis barato, que se pagaba a hora a mitade do que se paga en China.

Oliver Stone, o director de cine, pediulle a Trump que desclasifique todos os documentos relativos a Ucraína pois considera que a CIA estivo pulando todo o problema.
Pero tamén afecta á UE que regala miles de millóns de euros para soste-lo goberno nazi-ultraconservador ucraíno en vez de dedicalos a políticas sociais, ou a non ser tan exixente con Grecia, e se atopa hoxe en día en medio dun conflito que non tiña interese ningún en xerar.
Polo tanto todo indica que a estratexia de enfrontarse a China e Rusia é un “bocado” demasiado grande para unha potencia en retroceso, e se pensa que o enfrontamento se vai dar fundamentalmente cos chinos, e sobre o mesmo hai dúas posicións:
Os que consideran que se vai a unha guerra comercial aberta entre as dúas potencias, e aqueles outros como Immanuel Wallerstein e todo o grupo que se moven a redor da teoría do “sistema mundo” que pensan se vai chegar a un acordo entre elas o que parece posible despois da xuntanza de Davos. Si fora así, non implica a ausencia de escaramuzas, enfrontamentos e todo o que se considere oportuno, para chegar a un posible acordo e ser hexemónico no mesmo. Aducen que foi o que pasou cando EEUU substituíu a Gran Bretaña na dirección mundial. Os contrarios a esta posibilidade afirman que hoxe non é posible, que a situación de finais da II Guerra Mundial é moi distinta e sobre todo polas diferencias culturais tan importantes que existen e que na anterior etapa non se producían. Todo quedaba dentro do mundo anglosaxón.
É certo que dende EEUU rebaixaron a tensión comezando por non volver a falar máis de aplicarlle un arancel do 45% ós produtos procedentes de China  e a política anunciada pola Casa Branca das “dúas Chinas”, deu paso a unha rectificación a principios do pasado febreiro, pero a pesares de todas estas rectificacións, hai que considerar a partires de agora, unha política de “nova guerra fría matizada” posto que os intereses norteamericanos en China, a nivel empresarial son moi importantes e as exportacións agrícolas ó xigante asiático tamén, cousa que non acontecía ca URSS; ademais os chinos teñen débeda americana por máis de 4 billóns de dólares o que sempre é unha ameaza en caso dun enfrontamento que sobrepase certos límites.
As discrepancias na cadea imperialista liderada polos EEUU, veñen de lonxe; non hai máis que lembrar que xorden explícitas, con motivo da xuntanza das Azores e a posterior intervención en Iraq, e hoxe en plena crise económica tenden a afondarse, sobre todo de levarse adiante o tan anunciado “America Firts”, e as exixencias que para o resto da cadea imperialista liderada polos USA vai comportar; por exemplo a nivel económico unha “volta de parafusa” respecto ó libre comercio, aínda que neste caso beneficie ós traballador@s a suspensión da sinatura do Tratado dos EEUU ca U.E., que ía beneficiar só ás grandes empresas e intereses oligárquicos; pois ben, estes defensores do libre comercio, na Conferencia do G-20 celebrada a mediados de marzo en Baden-Baden, aceptaron a exixencia do secretario do Tesouro dos EE UU que do comunicado final se excluíse unha fórmula ritual  que se pon en todos eles, “loitar contra todas as formas de proteccionismo”. Como os que nos estiveron dicindo durante décadas que o libre comercio era a xénese do progreso e da creación de riqueza, poden agora aceptar esa petición? Que vai acontecer cos organismos internacionais encargados de velar polo libre comercio como o FMI ou a OMC?. En segundo lugar, o “America Firts” tamén vai significar unha maior contribución da UE na OTAN e a súa propia defensa. Tampouco debemos esquecer o que significa políticamente o apoio da nova administración dos USA ó Brexit.
A o xeito de actuar dos USA nesta cadea non é algo novo, sempre impuxo os seus criterios, sempre foi así, pero as dificultades económicas o converten nun desafío para a oligarquía da UE e os intereses das empresas transnacionais que ela representa. Non hai que esquecer que estas contradicións tamén se axitan cando se considera e é a realidade, que a potencia hexemónica está a pasar por momentos difíciles, en plena decadencia do seu poder económico e retroceso do exercicio da súa hexemonía, como recoñece o novo presidente. Ademais xa non existe a URSS, o que pode afondar nestas contradicións aínda que axiña se busque un novo inimigo global.
Pero non nos enganemos a queda do coloso, non se produce dun día para outro e vai tentar por todos os medios sosterse firme no seu pedestal de barro; o bombardeo da base militar en Siria hai uns días, amosa debilidade e non fortaleza; calquera persoa con sentido común, pregúntase que gañaba o réxime sirio utilizando gas en momentos en que ata os EEUU o consideraban como a solución do problema do territorio. Pois senón gañaba nada, máis parece unha provocación para que Trump poda tomar “medidas contundentes” e recuperar prestixio dentro do contexto internacional, diante da morte cruel de varias decenas de nen@s, que por outro lado nada lles importaron as de decenas de miles provocadas polas súas guerras en Iraq, Afganistán, Libia ou a actual do Iemen.

A Unión Europea sen rumbo.
O marxe desta nova situación, na Unión Europea, os problemas se acumulan; ademais da saída da Grande Bretaña da mesma e todo o que vai significar a nivel económico e político, cas eleccións francesas e italianas próximas e a perspectiva dun trunfo de candidaturas que leven no seu programa celebrar  un referendo para que os votantes decidan saír ou non da UE, hai outros datos que indican que a situación de crise non se ten solucionado.
En primeiro lugar que a maioría dos compoñentes da mesma teñen a conciencia de que non é un proxecto común, é o proxecto de Alemaña, polo que algúns levamos pedindo a nosa saída da mesma desde hai anos, e como tal, os resultados para @s traballador@s da aplicacións dos Tratados como Maaestricht ou Liboa, ou a creación do euro a imaxe do marco, cos datos económicos de numerosos países falsificados, para poder entrar no mesmo, sen política fiscal adecuada e cun Banco Central “imdependente”, son recortes constantes e peores servizos pola privatización dos mesmos; polo tanto para a maioría d@s traballador@s europeos a UE non é o seu proxecto, o que non quere dicir que non sexan europeistas, senón que desde unha perspectiva de clase é o proxecto dos seus inimigos e que se serve do mesmo para manter a explotación da forza de traballo.
En segundo lugar, as declaracións do vicepresidente do BCE,  Vitor Constancio, de hai pouco máis dun mes, no sentido  da necesidade de crear un “banco malo” para axudar a mercar parte dos cretos morosos da banca europea por valor de 1 billón de euros, apoiado polos estados; todo indica que a crise bancaria non foi superada e segundo un diario económico, o sector arrastra máis dun billón en débedas incobrables e preto do 30% das mesmas, á banca de Italia.
Outro dato tamén preocupante, é o feito de que Alemaña segundo parece, está a repatria-lo seu ouro que tiña depositado ben na Reserva Federal, no Banco de Francia ou no de Inglaterra. Parece que se tenta ter ó final da operación, que se acelerou, e finalizará antes do 2020 a data prevista, máis da metade do ouro en Francfort, aproximadamente 3400 toneladas. O obxectivo é respaldar no caso de que fora necesario, unha volta ó marco.
En terceiro lugar atópase a crise social de carácter estrutural que a crise económica produciu e que non hai moitas perspectivas de superar.
Segundo Euroestat, todos os datos son elaborados por eles, a finais do ano 2016 os datos estatísticos indican  que o número de persoas que dispoñen de emprego é o mesmo que cando estalou a crise. Na zona euro en nove anos, non se creou emprego neto e en conxunto a taxa de paro sitúase na media do 10 %, cas excepcións de España, Grecia, Portugal e algún outro país onde é moito maior.
Nestes tres países, os máis golpeados pola crise, a poboación minguou e tamén hai un descenso do número de nacementos, o que produce nos mesmos unha “desvitalización” pola saída da mocidade máis cualificada.
Outro dato importante é que na UE aumentou o numero de persoas entre 15 e 29 anos, que non traballan, nin estudan nin atópase en formación. No ano 2007 a media do conxunto era do 13,2%, no 2015 o 14,8 % e permanece por enriba da mesma en países como Italia (25,7%), Grecia (24,1%) e España (19,4%).
Entre os anos 2008 e 2015 o número de empregos a tempo completo minguou en 7,6 millóns, “compensada” esta baixa por un aumento de 3,7 millóns de empregos a “tempo parcial”. A crise tamén aumentou a tendencia á segmentación e bipolarización do mercado de traballo, entre os mellor e os peor remunerados, e so nestes campos aumentan os números de empregos, no resto hai un descenso, tamén no emprego autónomo, agás entre os mellor remunerados. Isto pode explicar, o aumento leve do consumo.
Na “nación de nacións” que se recoñece como España,  Portugal e Grecia, minguou a poboación activa en 610. 300 persoas, 230.000, e 120.000 respectivamente.
E podíamos seguir dando datos e falando da demolición que, baixo a batuta de Alemaña e a complicidade de todos os demais estados, se está a facer do chamado “estado social europeo”, un dos piares da “nova Alemaña” que se construíu a partires da II Guerra Mundial, xunto ca apertura ó leste e o eixo franco-alemá, hoxe todo en bancarrota.
Polo tanto si a isto lle sumamos que os chamados “países do leste” non foron integrados e atópanse incómodos sendo meros exportadores de man de obra cualificada para a casa do “patrón”; que Francia veu que a competencia de Alemaña lle fixo perder parte da súa capacidade exportadora e de liderado político, e que a nivel internacional non existe unha política definida que non sexa a da OTAN, ca que os EEUU impón o que lle convén, entra dentro da normalidade que a UE se atope nunha etapa de desmoronamento.
Argumentos aparecen agora que tentan convencernos de que é o contrario do que acontece o que leva á UE ó fracaso; lin hai poucos días que son as multinacionais, que non aceptan as regras que lles impón a burocracia de Bruxelas, as que tentan destruíla; e ese é a análise que fan do trunfo da saída de GB, as grandes empresas se enfrontaron o “goberno do pobo” de Cameron, que polo que parece non era o representante dos máis poderosos, e o derrotaron. A realidade é que na UE hai normas, pero moitas veces se tomaron para resgarda-lo espazo, o mercado, da chegada da competencia; en calquera caso, as normas que nos protexen a tod@s foron gañadas a pulso polo movemento obreiro, grazas as súas loitas e organización e agora vemos como son destruídas.
Como afirmou Fréderic Lordon: “Se a Unión Europea quere atalla-lo que a destrúe, ten que negarse a si mesma”. É iso posible?.

En Galicia no mes de abril de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario