A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 25 de octubre de 2018

ALGUNHA CONSIDERACIÓN SOBRE O CHAMADO "DECRETO DIGNIDADE" APROBADO EN ITALIA, O DEBATE SOBRE O MESMO E O FASCISMO


Carlos Dafonte
A aprobación por parte do Goberno italiano do que se ven en chamar “Decreto Dignidade”, e as modificacións sufridas despois ó seu paso polo Parlamento, abriu ó meu entender unha polémica importante, en relación cun artigo asinado por Monereo, Anguita e Illueca, no que formulan algunhas cuestión sobre o mesmo que lles parecía tiñan un carácter positivo, aínda que en conxunto, o considerasen deficiente. E creo que é importante, pola razón de que moitas veces os países que configuramos a actual Unión Europea e ademais pertencemos ò euro, descoñecemos e non nos importa moito, o que acontece nos nosos socios cuxas accións van ter importantes repercusións para tod@s nós.

Moit@s dos crític@s que din estar contra o devandito decreto, esquecen moitas veces facer unha análise do mesmo, tampouco o vou facer, pódese atopar en internet, así como da situación de Italia, do proceso de loita de clases que se está a dar, e prefiren, parece que tiñan contas pendentes, entreterse con vapulear a Anguita, dos outros dous asinantes esquécense, situación que non me parece que axude á clarificación. Creo ademais que non hai problema ningún en disentir de Julio, levarlle a contraria, debater con argumentos, pero non con insultos, chamándolle fascista, dereitista e toda outra serie de adxectivos pola razón de amosar certo apoio a aspectos, non na súa totalidade, do devandito decreto; por unha razón, porque facer iso cunha persoa de esquerdas, e non hai dúbida de que Julio Anguita o é, debilita a toda a esquerda. Os de esquerdas discutimos dun xeito determinado; fronte ós argumentos do noso opoñente, utilizamos outros, rebatímoslles con argumentos que consideremos máis acertados, pero nunca recorrendo ó insulto.
Por outro lado a moit@s éncheselles a boca con palabras grosas para cualificar e o mesmo tempo descualificar, o actual goberno italiano e a quen lle amose algún tipo de apoio, aínda que sexa cativo, por este decreto. Unha vez máis aparece a palabra fascismo, outras nazismo, neste caso utilízase menos populismo, que é como dende hai uns anos cualifícase a todo aquel que se opón á construción da actual Unión Europea e os designios do imperialismo en calquera parte do mundo.
Italia é un país en crise, un país en serias dificultades, e o primeiro que tenta, dende a perspectiva de clase do goberno, iso non hai que esquecelo, é aprobar un decreto que cumpra ca Resolución do Parlamento Europeo  de 31 de maio do presente ano, que insta a loitar contra a precariedade laboral, a erradica-los empregos precarios e promover traballo de calidade, seguro e ben remunerado. E dicir un acordo do Parlamento que vai en contra do que esixen as outras institucións da UE, que son as que teñen verdadeiramente capacidade para impor os seus acordos; baseándonos en parámetros democráticos o Parlamento é un “cero a esquerda”; e as outras institucións europeas, esixen novas reformas laborais para precarizar máis o traballo, salarios de miseria e todo o que xa coñecemos e temos sinalado dende hai moitos anos.
Unha primeira cuestión que se debía clarexar é que en Italia hai un goberno formado pola “La Liga” (L.L) e o “Movemento 5 Estrelas” (M5E). O primeiro, un partido ou movemento, non o teño claro, leva anos batallando para separar un país ficticio, a Padania, do resto de Italia, a parte rica da parte máis pobre, baseándose nun discurso aberrante de que “os que non queren traballar e só vivir de subvencións” deben buscarse a vida e non vivir a conta dos do norte, que son os que crean a maioría da riqueza que se reflicte no PIB italiano. Formulan ademais a negativa contundente a que sigan entrando persoas desprazadas de África e o Oriente Próximo. Representa a sectores da pequena e media burguesía e traballadores arruinados pola globalización e as medidas da  UE e votantes que apoian a quen lles formule, nesas zonas do norte, a loita contra a burocracia de Bruxelas.
O Movemento 5 Estrelas, recolle os seu votantes do centro e sur de Italia, aqueles dos que a Liga Norte quere separarse; é polo tanto un goberno cheo de contradicións, que está apoiado polo 60% do pobo italiano e cun M5E que dobra en deputados á La Liga; este movemento tamén se nutre de votantes contra a UE, que cas súas medidas a favor dos recortes de todo tipo, os está a levar á miseria, á precariedade e a carencia de dereitos, nun país como Italia que en tempos estaban na vangarda en toda unha serie de dereitos. No sur o M5E acadou, nas zonas con máis paro, resultados espectaculares. Son organizacións interclasistas. Pero hai unha diferencia entre eles, mentres o M5E non ten apenas capacidade de xestión, a (L.L) xestionou grandes áreas de goberno apoiando a Berlusconi e agora rexións moi importantes como a Lombardía, Veneto ou Piemonte
Formar este goberno pasou por serias dificultades, en primeiro lugar por representar nalgúns casos intereses contraditorios, tiveron que deixar os seus respectivos programas aparcados en grande medida para podelo constituír, pero tamén pola actitude da UE, que o viu como un inimigo, e non esquezamos que a UE está ó servizo da oligarquía europea, primeiro caso coñecido, que premeu ó Presidente da República para que non nomease a quen ía se-lo ministro de economía, por consideralo anti-UE, pero tamén pola actitude do Conselleiro de Economía  da UE, un alemán, que diante da formación do novo goberno en Italia, fixo un chamado ós “mercados” para que castigaran ó país, e ise chamado irresponsable,  verdadeiramente se materializou, enfeblecendo máis a unha economía con serios problemas. Polo tanto o enfrontamento Goberno de Italia-UE, en principio parece un elemento básico da política italiana hoxe. Se o enfrontamento fora parte dun engano, dun teatrillo, como algúns afirman, non creo que recorrese a medidas tan graves.
Se ten dito que este goberno representa á oligarquía italiana; o poño en dúbida, a poderosa patronal italiana que se atopa en COFINDUSTRIA, afirmou que o Decreto “era unha sinal moi negativa para o mundo das empresas”, estaba moi contenta cos gobernos do PD, as súas reformas laborais e fiscais das que sacaron enormes beneficios ; ademais non vexo razón algunha para que se opoña a entrada de migrantes, sería facer medra-lo exército de reserva que premería á baixa, contra o resto d@s traballador@s asalariad@s. Tamén Forza Italia o partido de Berlusconi, amosou a súa oposición así como o Partido Democrático e é certo, tamén o maior sindicato, a CGIL.
Polo tanto o Decreto e o que aprobou o Parlamento italiano, por exemplo pagar en bonos ós traballadores da agricultura e relacionados co turismo, aspecto que non estaba no Decreto do Goberno, concita a oposición dunha parte importante das estruturas italianas, é controvertido, pero dende o meu punto de vista, eu non asinaría o artigo de Illueca, Monereo e Anguita, é moi importante si somos capaces, a partires deste debate aberto, de poñernos a discutir en serio sobre o que significa a UE e o euro para Galicia, e deixar de actuar como o avestruz.
O eixo fundamental do novo goberno italiano que algúns articulistas consideran que é o xermolo dun novo “bloque histórico”, é o soberanismo, aspecto no que coincido, pois a UE é irreformable, e só se poderá facer unha nova Europa d@s traballador@s e socialista, destruíndo a actual construción e iso pasa por recupera-la soberanía e comezar de novo. Neste aspecto penso que radica o artigo mentado, a súa oposición a actual UE e ó euro, lles leva a apoiar certos aspectos do mesmo por consideralos parte do enfrontamento contra esa mega institución, a quen pode debilitar. Quen consideramos que a UE é un elemento básico na actual estadio da loita de clases, cecais teñamos a tendencia a considerar ós que parecen os seus inimigos, como alguén próximo a nós, o que na maioría dos casos non é certo. Haberá organizacións e gobernos que poden coincidir nalgúns aspectos ca esquerda, onde me situo,e outras e outros gobernos que se opoñen á UE por considerala un freo ás súas apetencias de aguzar aínda máis a explotación d@s traballador@s asalariado@s.
Sobre a medida de pagar en bonos a sectores da clase obreira, turismo e agricultura, non teño capacidade para entender que significa. @s traballador@s que os reciban van paga-la luz e o gas, ou o aluguer da casa cos bonos?.
Sobre o fascismo e nazismo nos tempos actuais.
Por último, sobre o tema do fascismo e nazismo do que son acusados moitos dirixentes da extrema dereita que se enfrontan á UE. Creo que necesitamos un debate en profundidade sobre esta cuestión. De non facelo dentro da esquerda, pode ser que non entendamos do que se trata e esteamos asistindo ó seu desenvolvemento sin ser capaces de aprecialo. Estes dous movementos se forman e se crean, dun xeito moi distinto do franquismo, aínda que o obxectivo sexa o mesmo.
Cando as clases hexemónicas, o capital, as oligarquías, se considéran ameazadas por parte da clase obreira, tanto en Italia como en Alemaña, onde o movemento obreiro era moi potente, e disputáballe o poder nas institucións e na rúa, os grandes grupos industriais o capital financeiro e os terratenentes, financiaron estes movementos para desarticular o movemento obreiro tanto na súa rama política como sindical. Ese era o análise da III ª Internacional que María Antonietta Macciocchi consideraba aló polos anos setenta do século pasado, estreito é inxenuo e nos convocaba a estudar a Gramsci e os seus análises sobre o tema, partindo dunha carta escrita no ano 1923, pero que non foi dada a coñecer ata 50 anos máis tarde, titulada ¿Por que fomos vencidos”, e todos os artigos de “Ordine Novo” sobre o tema e máis tarde a súa produción teórica dos “Cadernos do Cárcere”.
Como hoxe o movemento obreiro non lle está a disputa-lo poder á oligarquía nos países onde a extrema dereita avanza, eu sigo a comparti-los análises da IIIª Internacional, pero o artigo de Monereo, Anguita e Illueca, e o debate posterior lévame, aínda que o tente facer en pouco espazo, a analizar algúns aspectos do fascismo tratados por Gramsci que poden axudarnos a comprender mellor a realidade actual. É necesario facelo para non deixarnos sorprender.
Eses movementos se producen como xa dixen, no entorno dun marco dun movemento obreiro á ofensiva, Revolución Soviética, derrota da revolución en Alemaña e Hungría, creación da Internacional Comunista e os Partidos Comunistas, grande número de votos dos partidos socialdemócratas e comunista, forte crise económica, e non teñen moito que ver co acontecido no estado español a partires de 1936; aquí é a pequena e media burguesía a que controla as institucións ca axuda da clase obreira, e o capital financeiro-terratenente, incapaz de para-lo proceso, recorre ó exército para dar un golpe de estado e facerse co poder; o fascismo e o nazismo implántanse despois de acada-lo poder; dáse o golpe de estado dende o poder
Polo tanto hai un elemento que estuda Gramsci, tanto en Italia como en Alemaña prodúcese un debate ideolóxico moi longo contra as posicións da clase obreira; Mussolini o comeza en 1914 cando toma posicións dende dentro do Partido Socialista onde militaba, contra a neutralidade do partido na guerra, e Hitler sobre dez anos antes de que lle ofreceran a Cancillería en 1933. Son movementos que agrupan a sectores da pequena e media burguesía en proceso de proletarización, pero tamén do movemento obreiro, traballadores en paro, desideoloxizados e gañados pola demagoxia anticapitalista dos líderes, que de anticapitalismo non tiñan nada; por primeira vez a pequena burguesía loita pola a súa autonomía como clase, se considera capaz de toma-lo poder, aínda que sexa a favor e en beneficio da burguesía.
Gramsci analiza o fascismo non só como reacción armada do capitalismo, senón tamén en tanto que longa loita superestrutural que tenta manipula-lo inconsciente das masas sobre todo da pequena burguesía; é un proceso lento que se agudiza cando en 1919 se produce no norte de Italia o movemento de toma das fábricas e a aparición dos “consellos obreiros” que as van xestionar.
Analiza tamén como o fascismo se estrutura na relación entre o “squadrismo agrario” ca burguesía e sinala o importante papel xogado pola pequena burguesía e os seus cadros nesa estruturación.
Así como a responsabilidade do movemento obreiro, impotente fronte ó golpe de estado, atrapado polo economicismo, dogmatismo e o infantilismo revolucionario e atribúe como a causa principal da derrota do partido revolucionario, a non ter ideoloxía, non ter comunicado cas masas, non ter fortalecido a conciencia d@s militantes ca axuda de principios tanto morais como psicolóxicos e se pregunta: Como nos podémos estrañar, que algúns obreiros se converteran en fascistas?.
É importante o relevo que Gramsci lle da á revolta da pequena burguesía como tentativa de aparecer como clase independente, fronte ós análises de que só existían dúas clases o proletariado e a burguesía e a pequena burguesía sempre en medio dependendo dunha ou de outra. E si nos anos 20 e 21 subliña constantemente a “relación dialéctica entre fascismo e reacción de estado”, empeza cada vez máis a amosa-la importancia do desprazamento da pequena burguesía ata considerala a base de masas da ofensiva contra o movemento obreiro e socialista. Prodúcese pois unha relación entre a pequena burguesía que se atopa nunha situación moi determinada, co asalto reaccionario da grande burguesía.
Así o fascismo chega a configurar un novo “bloque histórico” (unión entre infraestrutura e superestrutura), ata reempraza-la antiga burguesía liberal, por un sistema de poder autoritario.
O golpe de estado prodúcese, cando xa o fascismo e o nazismo se atópan no poder, despois dunha longa loita de clases contrarrevolucionaria, cando ten madurado na conciencia de certas clases e posúe unha base de masas esencialmente pequenoburguesa.
Hai que recoñecer que algúns elementos dos sinalados por Gramsci aparecen nos panoramas políticos de algúns países de Europa, Francia, Italia, onde é posible se esté a configurar un “bloque histórico”, onde a pequena e media burguesía xogue un papel importante, sexa hexemónica no mesmo, ca ausencia total, e o considero moi grave, da clase obreira organizada. Nestas circunstancias a saída desta situación pode ser calquera.


En Galicia no mes de Outubro de 2018    





No hay comentarios:

Publicar un comentario