A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 3 de junio de 2014

A AGONÍA DUN RÉXIME


Carlos Dafonte

O que se denomina o “réxime da transición”, a actividade dun conxunto de institucións e aparellos ca monarquía no cumio, pero tamén dos xeitos, dos comportamentos na actividade político-institucional dos partidos, amosa a súa quebra ca abdicación do monarca.
Tivemos que sufrir unha fonda crise económica, transformada nunha crise social sen parangón na UE, para que toda a estada, feble e corrupta nunha maior parte, que serviu para secuestra-la democracia, e amosarlle ó pobo, azoutado nunha parte moi importante pola crise, como o que chamamos “o poder”, non se atopaba o seu servizo, senón ó dos sectores económicos máis poderosos, que utilizan a crise, todas serven para o mesmo, para purga-lo sistema, eliminar competidores, centralizar e concentra-lo capital e facerse con sectores importantes dos servizos públicos.

Fronte a esta agresión, aínda que con carácter defensivo, déronse toda unha serie de loitas moi importantes, folgas xerais controladas polas cúpulas sindicais, a maioría das veces sen continuidade e sen obxectivos claros, explosións cidadáns como a que se coñeceu como 15-M, as diferentes mareas na defensa dos servizos públicos, ensino e sanidade, as loitas contra os desafiuzamentos e a concentración de máis dun millón de persoas chegadas das diferentes comunidades, á capital do estado, agora si, cun carácter ofensivo, propositivo, de denuncia do réxime e pola apertura dun proceso constituínte que sitúe á cidadanía nun primeiro plano.
A coñecida tamén como “marcha pola dignidade” amosou un grao de unidade ata ese momento descoñecida; deixáronse a un lado os elementos de desunión e puxéronse nun primeiro plano os que unen, logrando un acto político dunha magnitude enorme, que os poderes e os seus medios de desinformación, tentaron minimizar, nuns primeiros momentos pero houbo que renderse á evidencia, que os pobos do estado español puxéranse en marcha contra un sistema cada vez menos democrático, máis policíaco e represor, como se comproba cas reformas de todo tipo que se están a levar a cabo, lei de Seguridade Cidadá, reformas do Código Penal, nova lei sobre o aborto, etc.
Como os pobos do estado español entenderon que só ca loita a diferentes niveis, se pode para-la agresión que significan as políticas dos gobernos, que ou ben foron do PSOE ou do PP, o que chamamos alternancia ou quenda, a esencia do bipartidismo, este recibe un importante correctivo nas pasadas eleccións ó Parlamento Europeo, onde entre os dous partidos perden máis de cinco millóns de votos e cuxos resultados están a indicar o inicio dun proceso político que pode, ó longo do calendario electoral do ano próximo, seguir a poñer aínda máis en cuestión a quenda e polo tanto a base política do réxime. Nestas eleccións, por primeira vez no proceso iniciado tra-la morte do ditador, os electores castigan ós dous grandes partidos; non deixan de votar a un, para darlle os votos ó outro que era o que acontecía noutra consultas electorais.
Nestas circunstancias sacrifícase o xefe do estado, fanse cambios que parezan transcendentais co obxectivo de que todo siga igual; e un monarca en horas moi baixas de popularidade, minguado fisicamente, cunha parte da súa familia salpicada pola corrupción, convertido desde hai moitos anos en valedor dos grandes empresarios, a quen a prensa converte no ariete que lles abre camiño para importantes investimentos, aínda que sábese que as cousas non funcionan como se relata, case sempre en países ditatoriais onde non se respectan os dereitos humanos, incapaz de ter un trazo de comprensión e achegamento para os millóns de parados, desafiuzados, enganados pola banca, acepta abdicar para salvar unha institución en horas baixas e sen creto entre a poboación, pero que segue a ser unha peza moi importante do sistema.
Despois do 25 de maio a dinámica política ten mudado; os dous grandes partidos sofren o descrédito dos seus dirixentes e cadros medios que actuaron todos estes anos de crise ó servizo da oligarquía e trufados de corruptelas; no caso do PP cas sospeita da corrupción xeneralizada da súa cúpula dirixente, que os invalida a os dous hoxe, e non quero dicir con isto que non se poidan recuperar, para crear expectativas de cambio e dirixir politicamente o país, como non sexa escudándose na arma da represión.
Polo tanto a oposición diante desta conxuntura convocou á cidadanía á mobilización para esixir un referendo e que sexa o pobo quen decida entre monarquía ou república e a apertura dun proceso constituínte que modifique as estruturas do estado e devolva a voz e a soberanía ó pobo.
Hoxe, como sempre, necesítase da participación para acada-los devezos a traveso da mobilización, ninguén debe acubillarse a hora de facer política, porque se a xente non fai política, non se implica, acontecerá coma sempre, farán a política por ela.
O réxime nado na transición esmorece, pero entre a súa desaparición e o nacemento do que o substitúa, pode transcorrer moito ou pouco tempo, estará en función da mobilización social, se a clase traballadora participa como tal, o grao de determinación e a capacidade para dirixir.

En Galicia no mes de xuño de 2014

1 comentario:

  1. Gostoume moito o artígo. Creo que sinalas ben cando dis que as mobilizacións esta ben para esixir o referendúm que o pobo decida pero sobre todo que estas ten que continuar mais alo porque é necesario a apertura dun proceso constituinte.
    Eu considero que o referendúm é un dereito democrático, pero que no estado español é papel mollado porque non é vinculante como non foron ninguno que dos se fixeron. En definitiva quen decide é o goberno de turno, o sea PP neste momentos o goberno do réximen.
    Eu vexo que nas mobilizacións quenes participan somos quenes consideramos que hoxe a caida deste réximen é importante, pero a mairoria da poboación traballadora non está participando como clase, é iso ten un inconvente, moitos e moitas non chegan a ver a importancia deste momento histórico para derrubar un réximen herdeiro do franquismo, que "estabilizou" as nacións oprimidas, e que amordazou á clase obreria nos "dereitos" democráticos. Hoxe a maioria do pobo traballador non entende a importancia de implicarse nesa mobilización para avanzar na unidade contra un réximen que como bien dis "esta en agonía".
    un saúdo

    ResponderEliminar