A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 7 de diciembre de 2010

AVANZA O AUTORITARISMO


Carlos Dafonte

A declaración de alarma e a militarización dos controladores aéreos, con independencia da opinión que se teña dos mesmos, das súas accións demostrativas de forza, do enfado que che poda producir se che afectan directamente, non é máis que unha nova “volta de rosca”, no proceso de avance cara un estado autoritario.
É un proceso lento, imperceptible algunhas veces, manifesto outras, co que as burguesías dos países centrais do sistema imperialista, diante da crise e das medidas que danan os intereses da maioría da poboación e o comezo da resposta da mobilizacións de masas, van deturpando os sistemas democráticos, van preparando a maquinaria estatal. Non esquezamos o dito por Lenin de que no sistema capitalista “os gobernos son o comité central da burguesía”, para convertela nun eficaz instrumento de represión contra dos pobos.
Son numerosos os acordos que os gobernos ou as Cortes tomaron, que conducen á realización deste proxecto; comezando polas leis electorais deturpadoras da vontade popular, que non reflicten en número de escanos os votos emitidos, ata ó retroceso a nivel municipal onde desaparecen as perspectivas de participación popular e concéntrase un maior poder nos órganos unipersoais, alcalde, fronte ós plurais, Pleno, sen esquecer a chamada Lei de Partidos, ca que poden prohibir a toda forza política que lle moleste ó sistema; á propia construción europea, carente do mínimo talante democrático que permite o grande peso dos sectores burgueses, ós que agora chaman mercados, que premen para que se leven adiante políticas económicas que ninguén votou e que en ningún programa electoral aparecían. A falla de control dos elixidos, a pervivencia no estado español de importantes excrecencia franquistas, a constante aparición de casos de corrupción que atinxen a diferentes dirixentes políticos en diferentes niveis de responsabilidade, sobre todo nos partidos burgueses PP, PSOE, e algúns nacionalistas, que tentan tapar as súas vergoñas cun constante “e ti máis”, sen interesarlles o castigo d@s culpables. A directiva europea deste verán onde terrorista e radical e todo o que se opoña ó capitalismo pode ser tratado por un mesmo patrón.
A burguesía necesita unha sociedade sometida para seguir mantendo a súa hexemonía; cando o consenso, un dos seus piares da mesma comeza fallar, increméntase o grao de coerción, de violencia, o segundo dos piares.
Non estou de acordo como, ante a provocadora agresión do goberno, meditada, quizais o presidente Rodriguez non viaxou ó cumio iberoamericano en espera dunha resposta, a facer entrar en vigor o tan traído e levado decreto, un día antes dunha longa ponte, responderon os traballadores do control aéreo. Pero os demócratas debemos dar unha resposta contundente á militarización do servizo. O que nos xogamos é moi importante; o antecedente o temos nos EEUU, na época do presidente Reagan. Expulsou a todos os controladores en folga. É fácil facelo, pois se os funcionarios son os causantes e frecuentes “chibos expiatorios”, para a maior parte dos cidadáns afectados pola crise, contra os controladores, unha “élite” dos mesmos, calquera medida que se tome será ben recibida, o goberno non se desgasta. Pero unha vez iniciado o camiño, como en EEUU xa non hai marcha atrás; mañá serán os médicos, despois os ensinantes e máis tarde calquera outro sector de funcionarios ou de traballadores, como en Francia, que foron militarizadas as refinarías, e así nos imos deslizando cara á antesala do fascismo, o autoritarismo.
É tamén preocupante que para “castigar” ós controladores o goberno de Rodríguez recorra a argumentos que utilizaba o franquismo constantemente contra a mobilización de masas, o colectivo manipulado por persoas con escuros intereses, e que para a militarización tamén utilicen unha lei da ditadura, e polo tanto preconstitucional.
Pode haber persoas que a esta medida lle poda chamar fascismo. Que non se enganen, aínda non estamos nesa circunstancia; este como o franquismo ou como o nazismo, prodúcese cando o movemento obreiro pon en perigo o dominio de crase da burguesía. Non é ese o caso actual. Aínda non precisan do “estado de excepción permanente dentro do sistema capitalista” que dicía Poulantzas; pero aceptar hoxe sen crítica de ningún tipo a implantación, aínda que sexa por etapas, dun estado autoritario é unha cesión que ningunha persoa da esquerda debe facer.
Galicia no mes de decembro de 2010

jueves, 25 de noviembre de 2010

OS XERMOLOS VERDES


Carlos Dafonte

Os políticos burgueses, grupos de “científico sociais” e economistas que ostentan títulos de prestixiosas universidades, os chamados “grupos de sabios” por quen os contratan, empresas ligadas ás bolsas, e adiviños dos medios de comunicación, levan anos, os da duración da actual situación económica, elucubrando sobre o inicio da saída da mesma; calquera dato económico, por irrelevante que sexa, serve para ver nel “xermolos verdes”, “inicios de recuperación” ou toda outra serie de eufemismos empregados cada certo tempo, tentando mitigar os efectos que a crise ten sobre os gobernos que aplican as políticas económicas que a xeraron.
No estado español o presidente Rodriguez e numerosos membros do seu goberno destacan pola súa actitude concordante ca máis arriba expresada. Trátase de crear na maioría da cidadanía expectativas que lles fagan pensar que o peor xa pasou.
Pero a realidade é testana, imos ter crise por un tempo prolongado, e polo tanto considero que sería importante falar, debater, discutir de como pode comeza-la recuperación e se abrangue a todos os sectores da sociedade.
Construíndo outro sistema, o que se chama xenericamente socialismo, socialización dos medios de produción e a banca, desaparición do beneficio como obxectivo, planificación democrática da economía, etc., sería o fin da crise capitalista; pero mentres non se consiga avanzar cara a outro sistema, onde a sociedade controle a economía, debemos reflexionar sobre as condicións que permitan iniciar o que se pode chamar “unha certa recuperación”, que non “saída da crise”, dentro do sistema capitalista e nun estado, que por moito que se empeñen en dicir o contrario, é un elo feble dentro da cadea imperialista.
E debemos reflexionar desde unha perspectiva de clase, para non recibir @s asalariad@s, unha vez máis, só as elucubracións dos devanditos teóricos, analistas e sabios, financiados e ó servizo da burguesía, que falan no seu nome, aínda que tenten que pensemos que os seus asertos son ciencia, co obxectivo de convencernos de que o seu punto de vista traduce fielmente a realidade e as receitas que traen aparelladas os seus análises, as únicas. Esta é unha tarefa, entre outras, fundamental para todos os economistas e teóricos que desde as filas do marxismo traballan por enterra-la barbarie capitalista.
¿Cando iniciaremos o proceso de recuperación económica?. Creo que a resposta a esta pregunta esta ligada a outra que desde o meu punto de vista é clave ¿Pódese inicia-la recuperación económica sen un forte pulo do sector industrial? Caendo constantemente o índice de produción industrial ¿pódese iniciar un proceso de recuperación económica? Creo que é imposible. E cando falamos de industria de transformación, de economía produtiva, debemos situar a necesidade de que sexan propias, que os beneficios non viaxen ós países da casa matriz.
A Unión Europea cada vez produce menos, grazas as leis aprobadas polas súas institucións, que permiten o proceso coñecido como “deslocalización das empresas”. Se algunhas quedan é polas condicións de traballo, similares ás do que antes coñecíamos como “terceiro mundo” ou pola necesidade de utilizar unha tecnoloxía avanzada que non se pode utilizar en países da periferia do sistema.
Non debemos trabucarnos, para recupera-los índices de produción industrial, lentamente, pero inexorablemente, debemos aproximarnos ó equivocamente chamado “terceiro mundo” nas súas condicións laborais, perdendo dereitos sociais e políticos, deturpando aínda máis o xa de por si deturpado sistema democrático.
Todo isto levará a que os sectores que o capitalismo consideraba “o colchón” entre a burguesía e o proletariado industrial, tenda a desaparecer facendo boa a tese da constante “proletarización” da sociedade.
Estes días, na que a campaña electoral en Cataluña ocupa moitos informativos, unha das constantes é escoitar falar da súa desertización industrial. Este feito non só ocorre no espazo que noutros momentos se consideraba o máis industrializado do estado, senón que é común a todo el.
¿Alguén pode pensar que esa entelequia que o goberno chama “economía sostible”, permitirá saír da actual situación?. Creo que ninguén que teña un xuízo san pode pensalo. Cando as condicións laborais da Europa do leste ou de China sexan parecidas as da U:E., e nese camiño van todas as medidas que toman os gobernos neoliberais, poderemos falar da posibilidade de recuperación da nosa capacidade industrial.
¿Pero con que obxectivo?, ¿para exportar?, ¿en que campos?, ¿con que tecnoloxía? ¿témola propia? Difícil tarefa.
Hai poucos anos, Irlanda era o exemplo a seguir, dicían que era o novo “silicon valley” europeo; pero xa se sabe, con tecnoloxía e empresas foráneas atraídas por un sistema impositivo moi favorable. Hoxe @s irlandes@s atópanse ca dura realidade de que apertarse o cinto durante estes anos pasados para garantir un bó futuro, grazas ás políticas neoliberais, levounos á crise máis fonda do seu país e a un endebedamento descomunal que terán que pagar entre tod@s, mentres os beneficios de todos estes anos, os van monopoliza-los de sempre.
E continúa a guerra das divisas o que vai complicar aínda máis a situación. Comezou co ataque contra o yen que chegou a revalorizarse a niveis descoñecidos. Neste ataque participou tamén China que tentaba desvalorizar a súa moeda contra da xaponesa. Pero o ataque contra o yen dos meses pasados, non foi exclusivo, tamén o sufriu a moeda brasileria, a suiza, a australiana, o euro, etc. . Xapón pasou por momentos de suma gravidade, pois a revalorización da súa moeda, coa deflación que ten, podía leva-la economía xaponesa ó colapso.
A esta guerra monetaria tentoulle poñer fin a última xuntanza do grupo de países coñecidos como G-20; despois do fracaso na mesma, EEUU vai “sementar” 600.000 millóns de dólares no mercado para baixar o valor da súa moeda; é unha desvalorización encuberta para fomenta-las exportacións e encarecer as importacións e unha medida, en principio, anti China, pais que crecendo a ritmos moi elevados mantén o cambio da súa moeda estable respecto ó dólar, pero medida con maior percorrido; ó mesmo tempo revalorízase o euro o que vai ter consecuencias nas economías exportadoras da U.E. que, din, teñen que facer de motor para a saída da crise. Unha pregunta pertinente ¿Se Alemaña é unha economía exportadora por que impón ó resto da U.E. políticas de axuste, que van facer baixa-lo consumo?
Outra pregunta pertinente ¿Ë posible saír do euro? Supoño que si algún país o fixese sería co obxectivo de desvaloriza-la moeda recuperada. ¿Serviríalle de algo operar cunha moeda que todo o mundo sabe vai ser desvalorizada?.
Pero esta choiva de billetes verdes, tamén vai desvaloriza-las reservas en dólares dos países acredores e encarece-lo petróleo, alimentos é materias primas. Parece, e non é a primeira vez, que en situación de crise os EEUU tenta saír só da mesma, cargándoa sobre as costas dos demais. Xa en 1971, na época da presidencia de Nixon púxose fin a convertibilidade do dólar en ouro, provocando numerosos desaxustes, e na de Reagan, ca alza da taxa de interese, que provocou a chamada crise da débeda. Agora, na época de Obama son de esperar respostas contundentes dos afectados e a continuación das turbulencias. Entramos así nunha nova fase da crise, a guerra monetaria, de resultados incertos, pero seguro, vai aumenta-lo caos económico, o sálvese quen poida e o proteccionismo.
A guerra, destrución masiva de forzas produtivas, foi en tempos o recurso para saír da crise e comezar a recuperación. Algúns analistas, eu estou bastante de acordo, indican que só haberá saída da crise“cunha declaración de bancarrota que elimine a maior parte dos activos incobrables e todo o capital superfluo, ou sexa, só unha catástrofe económica e social, poderán senta-las premisas dunha recuperación capitalista”. Os costos sociais serían tremendos e as explosións de rebeldía constantes, por iso é difícil que tomen ese camiño. Pero nas actuais condicións, falar de xermolos verdes ca lixeireza que se fai, é un insulto á intelixencia.

Galicia no mes de novembro de 2010

martes, 9 de noviembre de 2010

CAMBIO DE GOBERNO PERO NON DE POLÍTICA



Carlos Dafonte
O presidente do goberno poucos días despois da mobilización do 29 de setembro, formou un novo goberno. Algúns no seu afán de deixar sen obxectivos a quen secundou a mobilización xeral, teñen interpretado este feito como un acto de complicidade cos sindicatos maioritarios; algo así como dicirlles, a folga non caeu en saco roto e xiro a esquerda para atender as vosas demandas. Creo que esta interpretación non ten nada que ver ca realidade. Non vai haber xiro a esquerda do PSOE.
En primeiro lugar debemos sinalar que os cambios de goberno nas democracias burguesas teñen o obxectivo de crear esperanzas entre os explotados e oprimidos, como se os seus males foran cuestións de persoas, de individualidades e non dunha estratexia que responde ós intereses da clase dominante. Polo tanto nada vai cambiar con este cambio aínda, que a intención sexa facer cree-lo contrario.
Este cambio esta en función, en primeiro lugar, da crise interna do PSOE, que diante dos resultados que auguran as enquisas para as próximas eleccións municipais, autonómicas ou xerais, comeza a amosar elementos inequívocos da súa existencia.
En segundo lugar, amosa o illamento no que se atopa o presidente Rodríguez dentro do seu partido. O novo goberno non crea ningún tipo de expectativas. Darlle maior protagonismo o actual ministro do interior, o convirte nun instrumento cun cheiro a vello e podre, pois non debemos esquecer o papel que xogaba o novo “superministro” na época do presidente González, cunha corrupción que corroía as entrañas do estado, o que hai que engadir a práctica do terrorismo, que levou diante dos xuíces a numerosos cargos do ministerio do interior, dous ministros, e policías. ¿Non ten o partido socialista persoas novas, de prestixio no senso burgués, que podan representar mellor esta cerimonia da confusión que significa un cambio de goberno?. Seguro que sí, pero cando as cousas se torcen, sabemos que son poucos os que están dispostos a navegar nun barco que se afunde.
Dúas das novas facianas que se consideran importantes son, o novo ministro do traballo e a ministra que vai atender os temas relacionados co campo, mar e medio ambiente. Non deixa de ser curioso, pero ó mesmo tempo exemplificador, que o primeiro se manifeste, antes de ser ministro, contra da reforma laboral e agora, como ministro, pensa levala adiante con todas as súas consecuencias, segundo as súas verbas. O nomeamento da segunda, é un claro intento do PSOE de protexer e facer aparentes concesións, a súa base social que comeza a fenderse, como deixou claro a mobilización do día 29. Pero a realidade é que hoxe Rosa Aguilar, non representa un pensamento de esquerdas e o seu nomeamento a poucas persoas pode enganar; certifica dun xeito manifesto, o seu paso á defensa das políticas da dereita. A fin dunha viaxe que a leva desde o compromiso ca maioría da sociedade ó compromiso ca oligarquía centralista española.
Unha penúltima consideración; despois de conseguir verter moitos ríos de tinta e recoller grandes gabanzas, polo tema da paridade entre mulleres e homes nos ministerios, neste novo goberno concúlcase esta paridade sen que lle represente ó presidente Rodríguez, crítica algunha. Moi apurado se ten que atopar, para non manter esa situación que consideraba como extraordinariamente positiva para a igualdade.
As persoas de esquerdas non poden ter confianza neste goberno; os traballador@s asalariad@s tampouco; os pensionistas e xubilados non deben facerse ilusión algunha , e os mozos e mozas saber que de seguir estas políticas adiante o seu futuro, por moito que se preparen para afrontalo, esta cheo de atrancos. Pero as opcións de substitución que se presentan, non van mellorar as diferentes situacións. Por iso hoxe a opción política máis rendible, o máis útil, é organizarse e loitar con quen quere poñer fin a agonía do capitalismo. Comezando por facer posible que a xornada do día 29 non sexa esquecida, que sexa un primeiro chanzo para poder derrotar as políticas contra a maioría da sociedade, que PSOE e PP están a levar adiante.

Galicia mes de novembro de 2010

jueves, 28 de octubre de 2010

UNHA LEI DE ABORTO ENGANOSA

 
Xulia Mirón
A mobilización impón avances
A partir de finais do 2007 producíronse mobilizacións no Estado Español a favor e en contra do dereito ao aborto. A Igrexa e a dereita orquestraron unha campaña contra unha clínica privada que realizaba Interrupcións Voluntarias do Embarazo (IVE), o que foi respondido con manifestacións por parte organizacións feministas, políticas e sociais á vez que se esixía ao goberno a aprobación dunha lei de prazos e a súa saída do Código Penal.
O Goberno do PSOE collido nun lume cruzado entre as manifestacións da dereita e a resposta social a favor do dereito ao aborto, viu como se introducía no seu seo a división, cun sector das súas deputadas e deputados apoiando o cambio na lexislación. Neste marco, convocou unha Comisión de Expertos para o asesoramento dunha lei aborto.
Despues de tres anos, concretamente en xullo, entrou en vigor a Lei Orgánica 2/2010 de 3 marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo. Unha lei que non estivo falta de mobilizacións en contra dela e a favor da familia patriarcal por parte da igrexa e do PP.
A lei de aborto do goberno Zapatero
A nova lei, non só regula o dereito das mulleres á interrupción do embarazo sen alegar causa algunha durante as primeiras catorce semans de xestación, tamén expón como obxectivos a educación afectivo sexual, o acceso aos métodos anticonceptivos, a formación con perspectiva de xénero e accións informativas e de sensibilización dirixidas principalmente á mocidade e colectivos con necesidades especiais. Para iso desenvolverá en Regulamentos posteriores políticas públicas no ámbito sanitario e educativo para a prevención de embarazos non desexados, a non discriminación no acceso ás prestacións e servizos e a maternidade libremente decidida.
Interrupción Voluntaria do Embarazo e días de reflexión
A muller poderá interromper o embarazo sen ter que alegar causa algunha, dentro das catorce semanas de xestación e sempre que fose informada na súa primeira visita ao centro que lle corresponda, dos seus dereitos, prestacións e axudas públicas de apoio á maternidade e transcorresen un prazo de polo menos de tres días desde que se lle entrega un sobre “pechado2 coa devandita información previa á interrupción do embarazo.
E excepcionalmente, poderase interromper o embarazo por causas médicas cando non supere as vinte e dúas semans de xestación e sempre que exista grave risco para a vida ou a saúde da embarazada, graves anomalías no feto e sen límite de tempo cando a anomalía fetal sexa incompatible coa vida e así conste nun dictámen médico elaborado por un Comité Clínico designado polo CC.AA respectiva, composto por un equipo integrado por dous especialistas en xinecología e obstetricia ou expertos en diagnóstico prenatal e un pediatra.
As mozas de 16 e 17, ao final despois de moita polémica na sociedade, poderán interromper o embarazo sen o consentimento do pai, nai ou persoa coa patria potestade, cando aleguen un conflito grave, violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos ou situación de desarraigamento ou desamparo.
A interrupción garántese en centros da rede sanitaria pública ou privada autorizada, onde se protexerán os dereitos fundamentais da muller, a súa integridade física e moral, intimidade, liberdade relixiosa e non discriminación. O acceso aos seus datos persoais rexeranse polas disposicións legais e deberán ser cancelados de oficio unha vez transcorridos cinco anos, salvo que existan razóns de investigación e de organización ou de funcionamento do Sistema Nacional de Saúde.
A implantación da lei
Unha lei por si soa non garante que leve a cabo todo o plasmado nela, e máis cando as competencias do Ensino e Sanidade están transferidas as diferentes CC.AA e cada unha delas con gobernos autonómicos de ideoloxías diferentes.
Algo a ter en conta, que tamén o ten a lei, é a importancia que ten a educación afectivo sexual no ámbito escolar, é un factor clave na aprendizaxe da sexualidade, sobre como vivila satisfactoria e placenteramente e como previr e actuar ante posibles riscos como os embarazos non seseados, as infeccións de transmisión sexual e os derivados das relacións e estereotipos sexistas. Nesta materia houbo un retroceso, a LOGSE1 de 1990, incorporou implicitamente a educación sexual no currículo escolar, as sucesivas leis aprobadas neste ámbito, baixaron o listón, e na práctica isto non existe no estado español, na última Lei Orgánica de Educación (LOE, 2006), aprobada polo PSOE, desaparecen do texto as referencias á educación afectivo sexual. O que se imparte nas aulas nestes momentos, limítase a charlas sobre métodos anticonceptivos (preservativo) dirixidas polos Concellos, ONGs ou Fundacións e algunhas impartidas pola Fundación prol-vida, e mesmo nalgúns nin iso, pois depende de cada Centro escolar e do enfoque e ideoloxía da entidade contratada. Se isto ocorre nos colexios públicos, onde se supón que o estado ten un “control”, que non pasará nos centros privados ou concertados moitos deles dirixidos por ordes relixiosas onde as clases son segregadas por nenos e nenas.
Outra cuestión que expón a lei, é o acceso aos métodos anticonceptivos por igual a todas as mulleres para unha maternidade libremente decidida, pero con todo isto non é así na realidade. A maioría dos anticonceptivos estan fora do Sistema Nacional de Saúde, polo que a privatización, de feito, fai que as mulleres pagen dos seus petos o custo íntgegro dos mesmos, obviamente isto constitúe un maior problema para as que teñen menos recursos, as novas e as mulleres inmigrantes. Se a isto engadímoslle a ausencia da educación sexual no currículo escolar, así como a falta de información nos Centros de Saúde, indubidablemente falamos de aborto. Nestes días a Ministra de Sanidade expuxo que serán as CC.AA as que terán que garantir este acceso e financien elas dos seus orzamentos os anticonceptivos.
Privatización da Sanida Pública
Un dos dereitos que se garante ás mulleres, é o acceso á prestación con indepencia do lugar onde residan para renglon seguido dicir: que esta interrupción se poderá levar a cabo en clínicas públcias ou privadas autorizadas. Isto vai en sintonía coa política de privatización que está a sufrir a Sanidade Pública en aplicación á lei 15/97 de “novas formas de xestión en sanidade” levada a cabo na maioría das CC.AA con maior avance na de Madrid, Valencia e Galicia gobernadas polo PP, con esta política, resulta díficil pensar que as CC.AA sexan capaces de achegar os recursos suficientes para garantir o acceso ás prestacións do aborto a todas por igual. Doutra banda, a lei segue mantendo a obxección de conciencia que permitiu que as clíncias privadas se “forrasen”, coa nova lei volvemos ter o mesmo problema, o dereito individual de obxección ten prioridade, sobre o dereito de aborto das mulleres. Se a todo isto sumámoslle que moitos gobernos das CC.AA están en contra da lei, está claro que non se poderá garantir a asistencia na Sanidade Publica e por tanto a súa gratuidade.
Conclusión
A mobilización impuxo ao goberno un cambio na lei de aborto no estado español, similar ao doutras leis de europa. A lei supón un avence con respecto á despenalización do aborto que existia antes, pero como toda media dun goberno burgués é limitada e relativa, por iso, se as mulleres en xeral e as traballadoras en particular queremos que este avance non quede meramente nunha lei formal, teremos que esixir ao goberno, que deroge a lei de privatización da Sanidade, e que os recursos públicos que durante estes anos a derivado a financiar clíncas privadas, salvar bancos, financiar á patronal, etc, sexan para a verdarera implantación da lei, e garantir o aborto libre e gratuido na Seguridade Social.
1Ley Orgánica de Ordenación del Sistema Educativo.

viernes, 15 de octubre de 2010

DESPOIS DO 29 DE SETEMBRO, URXE O PULO Á MOBILIZACIÓN.



Carlos Dafonte

A pesares da brutalidade da patronal, que como tantas outras veces conculcou o dereito d@s traballador@s á folga, ameazando con despidos e represalias; a pesares da unanimidade dos medios de comunicación, propiedade de grandes empresas ou en mans do goberno, que desde moitos días antes encargáronse de desinformar, dicindo por exemplo que nada ía cambiar aínda que a acompañara o éxito, de crear medo, falando de antemán da violencia dos piquetes, de crear confusión, introducindo falsos dilemas, como por exemplo si os obxectivos da folga estaban claros ou non, se era contra o goberno, contra o presidente Rodriguez ou contra a U.E.; dos dirixentes burocratizados dos propios sindicatos convocantes, que introduciron en numerosos discursos un obxectivo imposible, “facer xirar á esquerda ó PSOE”; a pesares de ser a folga con menos apoios institucionais, moi poucos concellos debateron e aprobaron mocións de apoio á mobilización; pois ben, a pesares desta realidade, millóns de asalariados, autónomos, moz@s e xubilad@s levaron a cabo o día 29 do pasado mes de setembro, unha importante mobilización contra as políticas dun goberno ó servizo do grande capital e intereses alleos á maioría da poboación. Nestas condicións a xornada foi sen dúbida, un éxito aínda que non se poda falar en puridade, dunha folga xeral.
Só houbo unanimidade no análise posterior en que a clase obreira, o núcleo duro dos asalariados, os traballadores industriais, foron o sector máis importante e o máis combativo na mobilización. A pesares da fragmentación da clase, os traballadores industriais aparecen nesta folga, como en todas as anteriores, como o sector hexemónico entre os asalariados e o único capaz de dirixir un proceso de loita e transformación. É o sector que fronte a crise non retrocede. Pola contra da pasos adiante, como no seu momento fixo o metal de Vigo. A pesares de constituír parte da base social e electoral do PSOE, non dubidou no enfrontamento aberto. E sobre esta capa da clase, debe recaer o peso máis importante na reconstrución do movemento obreiro nas súas dúas vertentes, a política a construción do partido propio da clase e a sindical, superar o actual período de burocratización e entregar de novo o sindicato @s traballador@s, ás asembleas de base.
Pero desde o mesmo día 30, todo traballa contra da mobilización, unhas veces impoñendo o silencio, parece que nada pasou e que son mais importantes unhas primarias do PSOE en Madrid ou unha declaracións de Guerra sobre Trinidad Jimenez, que valorar as perspectivas que a folga xerou, os movementos que se están a dar, a continuidade da mesma.



Outros tentan impoñer obxectivos que ninguén demanda e que levarán, se se lles permite, á mobilización a unha quella sen saída. Falo dos sindicatos maioritarios que se sinten avalados para iniciar de novo as negociacións co antigo aliado, o goberno, negociacións que o único que van acadar é desmobilizar a moit@s d@s que participaron na xornada do día 29; quizais ese sexa o obxectivo.
A realidade é que os sindicatos maioritarios, despois de anos de pacto social, de ser o principal sostén do goberno, que destacaron neste período de crise polo número importante de ERES asinados, pola súa despreocupación pola situación dos parados de longa duración, dos precarios, dos inmigrantes, d@s xubilad@s; que foron xunto o partido socialista o principal vehículo para impoñer ó conxunto dos traballadores do estado, as políticas neoliberais, atópanse grazas a estas actuacións, silencios diante de medidas inaceptables e colaboración cas patronais, moi desprestixiados e carentes de credibilidade para moitos traballadores que consideran que a súa actuación colaboracionista co goberno, foi a que lle deu alas para atreverse a tomar estas medidas; o que lles ocorre ós sindicatos maioritarios e que non entenderon o contido de clase da crise e do propio PSOE, convertido nun partido burgués, de dereita, progresista, pero diferente ó PP, neofranquista, autoritario, conservador.
Esta situación de desprestixio é a que aproveita a dereita máis montaraz e retrógrada para levar adiante a actual campaña antisindical. E hai que recoñecer que esta campaña penetra en amplas capas de asalariados que na súa falla de conciencia e despolitización chegan a coincidir co argumentario da dereita. En todos os medios teño escoitado bramar contra das subvencións que lles entrega o goberno por determinados conceptos, un dos elementos clave da campaña neofranquista, e tamén, en menos, pero xa se atreven a dicilo, pedindo a súa desaparición pois como cheguei a escoitar, quen mellor defende ós traballadores son os empresarios. A ningún traballador lle debe importar que cos impostos que pagamos se financie ós sindicatos; bastante mellor empregados están que en mans da igrexa, ou gastados en avións de combate, tanques, afastadas guerras imperialistas ou en asesores. Os asalariados deben loitar para que os sindicatos, instrumentos imprescindibles na loita reivindicativa, sexan combativos e defendan á clase. Pero a responsabilidade desta situación é dos propios sindicatos. E non deben trabucarse, a folga do día 29 non é un “cheque en branco” para unha nova traizón.
Para saír desta situación, urxe o pulo á mobilización, necesítase como en Francia, unha “mobilización permanente”, pero con folgas, aínda que sexan xerais de carácter estatal, non derrotaremos os plans da burguesía que teñen carácter internacional.
É preciso un programa que unifique na acción, ás diferentes opcións sindicais e políticas anticapitalistas; agora máis que nunca é preciso rachar co sectarismo.
A burguesía transnacional e os seus aliados, están dispostos a quebrarlle o espiñazo dun xeito definitivo ó movemento obreiro. Desde a irrupción do fascismo e do nazismo, nunca como agora, a súa ofensiva fora tan brutal. A crase obreira debe dar unha resposta, en principio na U.E., contundente.
Segundo a crise avanza nos aproximamos máis á barbarie, polo tanto é fundamental situar nun primeiro plano a loita polo socialismo.

En Galicia no mes de outubro de 2010.

miércoles, 15 de septiembre de 2010

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A FOLGA XERAL DO DÍA 29

Carlos Dafonte

Os sindicatos convocan á folga xeral para o 29 de setembro. Despois de moitas dúbidas e vacilacións e grazas a presión de milleiros e milleiros de taballador@s, dunha parte da súa base afiliada que esixen unha resposta contundente contra as políticas económicas e sociais do goberno, e a evidencia de que as reformas poñen en entredito a existencia dos propios sindicatos; convocan no contexto dunha xornada europea que ten aspectos positivos, unha resposta unitaria da clase traballadora á agresión dos gobernos e dos “mercados”, pero tamén negativos, difumina, en certa medida, o enfrontamento coas políticas do goberno burgués do PSOE.
É tal a magnitude do ataque contra os dereitos e as condicións sociais dos traballador@s asalariad@s, e tan brutal o asalto contra o cativo, dos máis febles da Unión Europea, “estado de benestar” do estado español, que os dous maiores sindicatos, a pesares da burocratización das súas direccións, non lles quedou máis saída que convocar unha mobilización xeral. ¿ten que ser unha folga xeral ou debía ter o carácter dunha xornada de loita antecedente dunha folga xeral? ¿Están os sindicatos actuais preparados para levar a bo porto esta folga? Nos últimos anos a transformación dos sindicatos foi moi importante, no sentido contrario ó que expresan os propagandistas e defensores do capitalismo; de ser instrumentos de loita e de defensa do conxunto dos traballador@s convertéronse en organismos de servizos, perderon o seu carácter sociopolítico. Polo tanto non teñen, en principio, os instrumentos apropiados para enfrontarse á tarefa que se teñen imposto para o día 29
Pero non podemos eludi-lo feito de que nos atopamos na proximidade dun dos actos máis importante da loita entre os traballador@s asalariad@s e os seus explotadores, a burguesía, neste caso representada polo goberno do estado, o principal partido da oposición e algúns dos partidos nacionalistas, Converxencia i Unió, Partido Nacionalista Vasco, etc.; e se ben os convocantes, os sindicatos maioritarios, posiblemente non teñan moito interese en que a convocatoria sexa un éxito, a maioría da sociedade, que somos os agredidos polas políticas do goberno, debemos ter conciencia do que nos xogamos, unha vez convocada a folga; ou somos capaces de para-lo ataque contra os nosos intereses, salarios, condicións de traballo, dereitos, pensións, etc, ou este ataque se vai facer aínda máis poderoso e nos vai retraer ás condicións sociais e laborais de hai máis de corenta anos. Porque o que esta en xogo é como se sae da crise xerada polo sistema capitalista e os máis poderosos economicamente da sociedade, nun marco desfavorable para @s asalariad@s, no marco que o propio capitalismo deseñou. Está en xogo se a crise se lle carga sobre as costas da maioría da sociedade, o modelo do goberno, ou facéndolle pagar a quen a xerou, unha parte da mesma, por exemplo non axudando a aqueles bancos e caixas de aforros que a padecen, levando a todos os seus dirixentes ante os tribunais e creando unha banca pública.
O que tenta a burguesía é que se sigan tomando medidas conducentes a que o máis axiña posible poda recupera- la taxa de ganancia na denominada economía produtiva.
Burguesía que se atopa asentada na banca, nas grandes construtoras, nas inmobiliarias, nas eléctricas, etc.,e a quen se lle entrega, coa aprobación hai poucos días da Lei de Caixas de Aforros, estas entidades, e se lle dan avales de miles de millóns de euros, como “premios”, despois do desbarate que crearon, para que saian da crise, mentres á grande maioría da sociedade, repetimos unha vez máis, para escarnio dun goberno do partido que se denomina socialista e obreiro, se nos rebaixan todo tipo de prestacións e dereitos e privatizan servizos que levantamos entre todos, co obxectivo máis arriba indicado.
Unha folga xeral, a paralización completa da produción, dos servizos, dos aparellos e institucións do estado, é un elemento clave como xa apuntei, no proceso de loita de clases; e ó marxe do éxito ou fracaso do mesmo, debe servir tamén para aumentar a conciencia e a cohesión da clase traballadora; debe ser un fito fundamental para crear alternativas ó sistema capitalista. Porque a folga ten “día despois” e temos a obriga de organizalo.
@s asalariad@s xa coñecemos a “folla de ruta” da burguesía, do noso inimigo, que se concreta entre outras nas seguintes medidas: REFORMA LABORAL, é dicir, perda de dereitos, despido máis barato, ataque á negociación colectiva; en definitiva entregar @s traballador@s atados de pes e mans á voracidade empresarial. REBAIXA DAS PENSIÓNS, que é o que queren conseguir aumentando a idade para xubilarse ós 67 anos e a 20 anos cotizados, os últimos de vida laboral, para o cómputo da mesma. PERDA DO PODER ADQUISITIVO DOS NOSOS SALARIOS e de dereitos laborais e de todo tipo, que a negociación colectiva sexa papel mollado, despido máis barato, novo pulo ás ETT's, etc.
Nesta situación, no tempo de crise fonda que padecemos e a causa da ausencia no panorama estatal dunha forza de esquerdas, polo tanto anticapitalista, que tente supera-lo actual sistema, non se elaborou un “programa” que recolla e unifique criterios, cas reivindicacións e propostas acorde cos intereses da parte da poboación que representa máis do 70% do total da do estado, que somos @s traballador@s asalariad@s. @s únic@s que producen a riqueza. O único programa é o da burguesía, que se apropia desta riqueza, a despilfarra e leva a toda a sociedade á quebra.
Ó calor desta mobilización é preciso reflexionar sobre algúns aspectos que parecen esquecidos e que a fonda crise sitúa nun primeiro plano; aspectos sobre os que exercen o poder e a clase dominante, queren enterrar definitivamente.
En primeiro lugar, que seguen a existir clases sociais. Outra cousa é que dentro da clase explotada máis importante, se teña conciencia de pertencer á mesma e de se constitúa unha clase. Por unha banda a burguesía, os propietarios dos medios de produción, distribución e da banca; que no estado español non representan nin o 1% da poboación, pero é a clase dominante, o que quere dicir, que impón os seus criterios e o seu xeito de pensar e o seu xeito de interpretar a economía, e toda outra serie de elementos convértense no “sentido común”, o xeito correcto de entender e dar resposta a todos os acontecementos que ocorren ó noso redor. Este número reducido de persoas impoñen os seus criterios @s asalariados, @s campesiñ@s e a pequena burguesía.
Outro aspecto ou certeza que deixa en evidencia o desenvolvemento da crise, é que o estado, ese concepto que resume a actividade dun conxunto de aparellos e institucións, non é un instrumento neutral, que actúa por enriba dos intereses de clase buscando o ben de todos, senón que esta ó servizo da clase dominante e serve para impoñe-los seus criterios.
En terceiro lugar, que en situacións de crise como a actual, caen as caretas e o que chaman democracia aparece espida; nin os votos nin os intereses das maiorías importan e os chamados “mercados” impoñen os seus criterios coa complicidade das institucións do estado. E non nos levemos a engano , os “mercados” é a burguesía, e xa que se fala da ditadura dos mercados, mellor sería falar da ditadura da burguesía que é verdadeiramente a democracia que padecemos. Esta situación leva a algúns a substituir “estado de dereito” por “estado de mercado”, concepto máis axustado á realidade. Podemos votar pero non temos o control sobre os elixidos e un elemento importante como é a información, atopase en mans do inimigo de clase.
A folga do día 29, apesares das dificultades, debémola considerar como un chanzo que nos permita no futuro modifica-la correlación de forzas actual.
Polo tanto entendo, que non é hora de amosar unha actitude de boicot á mesma, inclinación que poidan ter determinados colectivos de traballador@s, ca fin de castigar ás direccións burocráticas dos sindicatos. É si a hora, de levantar un poderoso movemento popular fronte á burguesía, o seu goberno e os partidos burgueses que están dispostos a completa-la obra, cando lle corresponda substituir ó actual.

Galicia no mes de setembro de 2010.

martes, 7 de septiembre de 2010

CARA A FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO

Roberto Laxe
Despois de moito retraso, e afastado de moitas das grandes loitas obreiras que se deron nos últimos tempos, cós metalurxicos á cabeza ou côa ruptura dos servizos mínimos pólos traballadores e traballadoras do Metro de Madrid, CCOO e UXT, é dicer, os sindicatos maioritarios no Estado Español convocaron á folga xeral para o 29 setembro, com o obxetivo manifesto de pararlle os pés ao goberno,... para reconducir tudo ao dialogo social.
Tarde, mas ao fin unha folga xeral contra as políticas do goberno, no cadro dunha Xornada de Loita europea contra as políticas de Bruxelas de descargar os efectos da crise nas costas da clase traballadora. Xa esqueceron a “refundacion do capitalismo” do ano pasado, cando todo o sistema financeiro viña abaixo, e agora xá teñen a bruxula que perderan: planos de austeridade no gasto social, recorte de salários e das pensions, privatizacions a esgallo e Reformas Laborais para forzar aos traballadores e traballadoras a coller calquer traballo que se lles ofreza (e logo falan de liberdade), quitando o sustento, o seguro de desemprego, se negan a coller a “merda” que se ofrece.
Este é un dos elementos característicos desta folga, o seu caracter europeo. É a primeira vez que toda a clase traballadora da Union Europea, dos gregos e os portugueses, dos franceses e os alemans, dos italianos ou os belgas, vai respostar a tempo as políticas da Union, dos seus gobernos. Esto é un feito histórico na unidade da clase obreira para que a crise a pague o capital que pon aos internacionalistas e anticapitalistas diante de retos novidosos, avanzar na organizacion da nosa clase a escala continental. Para elo xá estan convocados cumios da esquerda sindical para os vindeiros meses em Roma e Grecia.
Mas esta Folga producese nun cadro no estado español, por seren suaves, “peculiar”. O rexime da transicion non esta nos seus mellores momentos: a enfermedade do Bonaparte Borbon, institucion fundalmental, garante da unidade de España e do seu caracter herdeiro do franquismo, xuntase ao desprestixio da xudicatura, do Tribunal Supremo trás o asunto Garzon, e do Tribunal Constitucional côa sentencia sobre o Estatut catalan.
Crise bioloxica e politica em institucions fundamentais do rexime do 78 como estas duas; mas non van moi atrás o desprestixio dos partidos chaves da restauracion monárquica do 78. A poboacion afastase cada vez mais dos dous partidos básicos, o PP e o PSOE. A direita extrema, como din alguns, ainda mantendose na disciplina do PP, cada vez mais fai o que lle peta (Aznar vai de por libre), e mantense nela porque hoxe o PP é unha franquicia que lles permite acceder a cargos públicos.
Pola sua banda o PSOE, no goberno, enfrentase á que ate o de agora foi a sua base social, a clase traballadora nos seus sectores mais estables. A Reforma Laboral é un atentado mais contra a estabilidade no emprego de aqueles, os traballadores e traballadoras das grandes empresas; o retraso na idade de xubilacion e mesmo a posiblidade de proibir as prexubilacions; o recorte nos salários dos funcionários, etc., cortan os amarres côa base social do PSOE, que lle conduciu a ruptura côas direccions sindicais, que teñen o seu apoio nestes sectores do asalariado.
As forzas da esquerda do PSOE, tanto nacionalistas como estatais, incluídas as direccions sindicais, estan atadas a un rexime que cada vez mais semella un queixo de Gruyere, e fan de flanco de esquerdas deste rexime, convertindose, diste xeito, em parte do problema e non da solucion.
Isto podemolo ver como enfrentan as loitas dos últimos meses: em todos os casos, a tendência é a instrumentalizar as mobilizacions sociais ao servizo dos reditos electorais, e non da victoria da loita a través da unidade e a mobilizacion masiva da clase traballadora. Isto, poren, explica o atraso na convocatória da Folga Xeral: as cúpulas de CCOO e UXT non sentiron em ningum momento a presion da sua esquerda para a convocatória. So em Euskadi fixeron convocatórias ao marxe da opinion de CCOO e UXT; na Galiza a direccion da CIG rexeitou a posibilidade, esquecendo o que fixera o 15 de xuño do 2001, cando convocara xunto côa UXT e contra a opinion de CCOO e de todos médios.
Neste cadro, côa direita forte pola debilidade da esquerda, oficial ou non, o rexime e o seu goberno, adopta as medidas de Reforma Laboral, de austeridade, etc. Mas non son uns planos coiunturais, para sair dunha pequena crise, se non que son políticas estructurais, que procuran mudar (ou manter) a estructura das relacions laborais.
A Union Europea impuxo ao goberno ZP unhas políticas de axuste e austeridade para manter a division do traballo na Europa, na que a clase traballadora española (e galega), como a grega ou a portuguesa, segue a ser man de obra barata e pouco cualificada. Para elo, non abondan planos coiunturais, e por isso, a patronal e o PP, ainda estando contentos com a Reforma aprobada, exixen mais.
E isto non o estan a dicer os dirixentes sindicais: o plan non é marxinal (ainda que a Toxo se lle escape, dun xeito publicitário sem explicar, que é a reforma laboral mais profunda da democracia), é parte dun profundo plan para sacar a capitalismo da pior crise desde, alo menos, os anos 70.
E as direccions políticas e sindicais actuais, atadas ao reximen que promociona estas políticas, non teñen nos seus obxectivos enfrentar estos retos que o capitalismo pon sobre a mesa. Chegalles com mesas de negociacion, co dialogo social onde “humanizar” o capitalismo.
Anos de despolitizacion fomentado desde as cúpulas sindicais e políticas oficiais, reducindo todo á xestion, xestion individual dos problemas laborais no caso sindical, xestion dos asuntos veciñais ou cidadans noutros casos, fan que hoxe os proxectos que desde a esquerda oficial erguense non vaian mais alo da discusion se a alternativa un capitalismo “brutal” ou un capitalismo “humano”.
Isto traducido a propostas programáticas na esquerda oficial desaparecen calquer referencia a medidas anticapitalistas: o “novo modelo social” defendido tanto por IU como polo BNG ou a CIG vai dirixido a “aumentar os investimentos productivos”, é dicer, a que un sector da burguesia melloren as suas condicions de explotacion.
Faise moi difícil achar propostas como reparto do traballo sem reduccion de salários, exixencia de devolucion do diñeiro prestado á banca baixo ameaza da sua expropiacion, xubilacion aos 60 e contrato de relevo, reduccion do salário dos cargos públicos ao nível dun obreiro médio, expropiacion e carcel para os empresários que pechan fraudulentamente (comezando por Diaz Ferran), renacionalizacion dos servizos públicos baixo control dos traballadores e os usuários, por un sistema fiscal progresivo, que pague máis quen máis tem, plan de obras publicas a partir das necesidades sociais (o caso Galego é paradigmatico, o BNG discutindo com o Ministro Blanco sobre as autoestradas ou o Eixo atlântico, e esquecendo o transporte ferroviario de proximidades, sem ir máis lonxe, é patético), etc.
Bem, pois son delegados sindicais, sindicalistas educados nesta despolitizacion, acostumados a un “sindicalismo” de xestion, de despacho, os que van dirixir a folga do 29. É evidente que existen moitos delegados e sindicalistas honestos, mas a maioria deles foron elixidos nun contexto moi distinto dos retos que tem diante de si a clase obreira galega.
Hoxe a burguesia, os capitalistas, rexeitan o despacho e a traves das políticas da Union Europea e os seus gobernos lle teñen declarada a guerra á clase traballadora. A batalla esta no tellado da politica e na rua, e non no despacho.
Por outra banda, as cúpulas sindicais estan cheas de ideoloxia burguesa, capitalista, de enfrentar a crise cós métodos do inimigo de clase: as súas medidas non pasan da humanizacion do que a direita exixe. E isto trasladarono ao sindicalismo que a cotio fixeron, admitindo EREs e privatizacions, reduccion de salários e despedimentos, rexeintando a unidade nas loitas que se deran, e retrasando a convocatória dunha folga xeral ate que xá, alguns –e non so entre os burgueses, senon mesmo na clase traballadora-, comezaron a pensar que os sindicatos non servian para nada.
Isto leva a un desprestixio cada vez maior das cúpulas, dun divorcio entre o “sindicalista” de despacho e a sua base traballadora, de tal xeito que hoxe a folga do 29S, ainda sendo necesaria, aparece diante de moitos como inútil para enfrentar o que temos que enfrentar, a crise do capitalismo.
Sensacion que xuntase a dous feitos: un, a convocatória, como dixen, fixeronna afastada das loitas obreiras concretas, das folgas dos metalurxicos, do metro, das loitas do Consorcio, da Escola de Idiomas, do idioma, dos EREs, etc., etc., como se fora un dia “feriado” e nada máis. Dada a gravidade do que esta a acontecer, isto soa a xustificacion.
O outro elemento é que a convocatória foi sem ser parte dun proceso de asembleas em centros de traballo e fábricas, onde se debatiran as medidas da Union Europea e do goberno, e que medidas de loita, non só un dia de folga, senon que PLAN DE LOITA aprobabase ate derrotar as polticas dos gobernos.
Todo isto xunto, fai da convocatória do 29 unha folga necesaria, que temos que garantir, mas non vai resolver o problema. So facendo un plan de continuidade é posible facer retroceder aos gobernos europeos.
O feito de que a folga sexa parte dunha xornada europea lle confire unha particularidade, relativizando o seu resultado. Se a folga non é un êxito, más a clase traballadora europea sae masivamente á rua, é posible facer retroceder a Union Europea e, derivado delo, ao gobernó ZP. Pola contra, se a folga sae bem, mas a clase traballadora europea non sae a rua, só clase obreira española non pode cuns plans que non só exclusivos de ZP, senon de toda Europa.
Por isso, esta folga tem un profundo caracter internacionalista, facendo interdependente a clase obreira do conxunto do continente. Parafraseando a Marx e Engels, “proletarios de toda Europa, unide-vos”, o que traducido a proposta concreta, avancemos nun plan de mobilizacions europeo, que non descarte a convocatória dunha folga xeral na UE, fortalecendo a unidade da clase traballadora Europea contra os plans de Bruxelas e os gobernos da Union.
Para chegar a ista estacion é preciso agruparmos os traballadores e traballadoras, os sindicalistas honestos que non cren nas palabras valeiras de contido dos actuais dirixentes, os estudantes e veciños em loita contra as privatizacions dos servizos, e constituir comitês de apoio e extension, plataformas, ou o como se queiran chamar, para levar aos centros de traballo e estudo, ás asembleas de traballadores e traballadoras, de estudantes, de Barrios, a proposta dun plan de mobilizacions para que a crise a pague quen a criou, os capitalistas.
O 29S tem que ser unha estacion neste camiño. Se fica nun dia “feriado” co desconto do salário correspondente, cumpliranse as piores expectativas e non servira para nada.
Galiza, setembro do 2010