A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 9 de julio de 2014

CASTE E TEORÍA DO ESTADO, É A HORA DAS DEFINICIÓNS.


Roberto Laxe

Hai un termo que tras o éxito electoral de Podemos púxose de moda, a “caste". A partir dese momento, cando se quere caracterizar unha posición política ou social, con engadir a frase, “pertence á caste” xa parece que está todo dito. Cun simplismo moi español, resólvense todas as contradicións sociais cunha palabra que cabe nun titular, nun twitter, e que non implica a menor reflexión: “es da caste”, “defendes á caste”, é da “caste”, e todo resolto.
Parece que nunha sociedade complexa, capitalista industrializada (aínda que en proceso de desindustrializacion), as relacións sociais redúcense á contradición entre “caste” e “cidadanía”. E o máis grave, é que isto presenta-se como “novo”, como a “nova política”, fronte á “vella política”, que se asocia á “caste”.


martes, 1 de julio de 2014

NECESÍTASE A UNIDADE, PERO NON A CALQUERA PREZO


Carlos Dafonte

Nun artigo anterior aparecido no blogue, “A campaña contra os que poden poñer en perigo o bipartidismo”, analizaba dun xeito moi sinxelo, os atrancos que atoparían determinadas forzas políticas no desenvolvemento do seu labor, desde o momento en que os resultados das eleccións europeas confirmaron os vaticinios establecidos polas enquisas; os dous grandes partidos perderon un importante número de votantes e produciuse o ascenso dos de outras forzas que de xuntarse, de facer unha alianza política, aínda que sexa con carácter electoral, poden poñer en perigo un dos alicerces do sistema: a alternancia no control institucional entre PSOE e PP, para o que se necesitou facer pasar ó primeiro por ser de esquerdas e ó outro de centro dereita.

martes, 24 de junio de 2014

UNHA COROACIÓN BAIXO UN ESTADO DE EXCEPCIÓN. A PAZ REINA EN MADRID


Roberto Laxe

A proclamación do novo rei, Felipe VI, fixo evidente o que xa é un clamor: tras el só están os empresarios e banqueiros, que pagan a esgallo para sacar bandeiras e símbolos, os medios de comunicación, cunha asfixiante campaña de propaganda, os partidos do réxime, o PP, o PSOE, UPyD, e as cúpulas sindicais de CCOO e UXT. Enfronte, unha poboación que activa ou pasivamente, demostrou que Felipe VI vai ser o “breve”. As supostas multitudes arengadas polos políticos mais dereitistas, como Botella o Ignacio González, non apareceron por ningures e non pasaron duns miles de persoas, menos mesmo que os que habitualmente andan polo centro de Madrid.
E para evitar que esas multitudes si apareceran, mas baixo as bandeiras republicanas, declararon o estado excepción na capital do Estado, coa desaparición dos directos civís de expresión e manifestación, e a toma policial da cidade.

sábado, 21 de junio de 2014

REESCRIBINDO A HISTORIA DA SEGUNDA GUERRA MUNDIAL


Carlos Dafonte

Con gallo dos fastos para celebra-lo desembarco por parte dos aliados nas praias de Normandía, a maioría dos plumíferos e intelectuais orgánicos de sempre, os da burguesía, explican o acontecemento polas consecuencias que din trouxo esta acción bélica, gañar a guerra e implanta-la democracia en Europa.
Está hoxe bastante claro que a guerra estaba perdida para a Alemaña nazi despois da derrota das súas mellores tropas no leste, sobre o territorio da URSS; a retirada ás portas de Moscova, o fracaso no cerco de Leningrado, a rendición do exército de von Paulus en Stalingrado e a derrota posterior en Kursk no verán de 1943, permitiron ós soviéticos inicia-lo avance que tería fin ca toma de Berlín. A estas vitorias hai que sumarlles a actividade guerrilleira en Iugoslavia, Grecia e Albania, anticipo da derrota definitiva. Polo tanto dicir que grazas ó desembarco conseguiuse a vitoria sobre o nazismo, como se repetiu estes días, ten moi pouco de verdade e non pasa de ser máis que propaganda, da moita que sobre estes feitos teñen realizado os “ianquis” en estes setenta anos últimos.

martes, 17 de junio de 2014

A CAMPAÑA CONTRA OS QUE PODEN POÑER EN PERIGO O BIPARTIDISMO

Carlos Dafonte


A loita de clase maniféstase tamén dunha forma moi crúa, na loita ideolóxica que ten como obxectivo quitarlle valor ós argumentos de inimigo de clase e conseguir que o xeito de pensar da clase hexemónica, a todos os niveis, sexa o pensamento maioritario na sociedade, convertido sen que os explotados se decaten, no sentido común.
O periodista Ansón escribiu hai días un artigo nun medio, loando a postura de Podemos e do seu dirixente Pablo Iglesias, por renunciar, di trabucándose ou tentando que teña maior sona o argumento, á subvención de máis dun millón de euros que lle correspondería a esa formación polos votos e deputados acadados nas pasadas eleccións. A realidade é outra, entendo que Podemos non pode cobrar máis que o que dixo ter gastado e o dito ata o de agora, non chega por moito a esa cantidade.

martes, 10 de junio de 2014

DEMOCRACIA E APARIENCIA DE DEMOCRACIA...


 Roberto Laxe

En Podemos, baixo o manto da modernidade, está a reproducirse unha discusión tan vella como o propio movemento obreiro, a que dividiu aos bolxeviques dos menxeviques; a concepción de democracia dentro da organización. No congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, no seu II Congreso, as dúas tendencias chocaron pola votación sobre quen era membro do partido e quen non, o que se traducía en quen podía decidir sobre o seu programa e a súa política. Dito doutra maneira, como se garantía a democracia interna do partido.
Estas diferenzas manifestáronse en dous proxectos, e aínda que o congreso logo aprobaría unha formula aparentemente intermedia, a ruptura estaba dada porque expresaban dúas concepcións distintas das tarefas políticas fronte ao réxime de quenda e as formas de organización necesarias para enfrontalo.
O proxecto de Martov, que foi a base do menxevismo, dicía:
"Considerarase como pertencente ao Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia a todo o que, aceptando o seu programa, traballe activamente para levar á práctica as súas tarefas baixo o control e a dirección dos órganos do Partido".
Mentres que Lenin, e os bolxeviques, dicían:
"Considerarase membro do Partido todo o que acepte o seu programa e apoie ao Partido tanto con recursos materiais, como coa súa participación persoal nunha das organizacións do mesmo". (as cursivas son miñas)

martes, 3 de junio de 2014

A AGONÍA DUN RÉXIME


Carlos Dafonte

O que se denomina o “réxime da transición”, a actividade dun conxunto de institucións e aparellos ca monarquía no cumio, pero tamén dos xeitos, dos comportamentos na actividade político-institucional dos partidos, amosa a súa quebra ca abdicación do monarca.
Tivemos que sufrir unha fonda crise económica, transformada nunha crise social sen parangón na UE, para que toda a estada, feble e corrupta nunha maior parte, que serviu para secuestra-la democracia, e amosarlle ó pobo, azoutado nunha parte moi importante pola crise, como o que chamamos “o poder”, non se atopaba o seu servizo, senón ó dos sectores económicos máis poderosos, que utilizan a crise, todas serven para o mesmo, para purga-lo sistema, eliminar competidores, centralizar e concentra-lo capital e facerse con sectores importantes dos servizos públicos.