Roberto Laxe
A acomodación intelectual,
acrítica, é o oposto ao que debe ser un marxista revolucionario, faino incapaz
de expresar as súas dúbidas, os seus desacordos, preparando o camiño a unha
crise de “unanimidade”, á “búlgara”, onde se secan as ferramentas teóricas e
políticas necesarias para expresar as súas posicións, máis aló da repetición de
consígnalas.
Perri Anderson, en tras As
Pegadas do Materialismo Histórico di que a partir dos anos 30 o marxismo coñece
unha bifurcación, entre os "prácticos", a burocracia soviética, que
se constrúe a partir dun desprezo absoluto cara á teoría, visto como unha
deformación pequeno burguesa; e os "teóricos", críticos co
stalinismo, que se van refuxiando no academicismo e as universidades. Pola
contra, os marxistas previos á dexeneración burocrática da URSS, se
caracterizaban non só por ser uns revolucionarios "prácticos"; senón
uns teóricos interesados polo coñecemento humano na súa máis ampla
concepción.
Por non referirnos a Marx ou
Engels, senón vindo a máis próximos. Lenin ademais de construír o Partido
Bolxevique escribiu obras filosóficas como Materialismo e Empirocriticismo,
económicas como O Imperialismo Fase Superior de Capitalismo; Rosa Luxemburgo
impartía cursos de economía marxista no Partido Socialdemócrata alemán. Trotski
non só dirixiu o Exercito Vermello, senón que elaborou sobre economía,
política, moral e filosofía. Os “Cadernos da Cárcere de Gramsci” son unha
achega extraordinaria ao marxismo. Os "vellos"
marxistas ligaban as tarefas prácticas da loita de clases (mobilizacións,
loitas e organización) cos seus aspectos aparentemente máis abstractos, a
loita teórica, seguindo a afirmación de Engels que a loita de clases ten tres
frontes, o económico, o político e o teórico.





