A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 18 de septiembre de 2017

SOBRE O CHAMADO"PROCÉS" EN CATALUÑA


Carlos Dafonte

Admito que este tema, despois de tantos meses, mellor anos, presente en todos os medios de comunicación, conversas nas tabernas e declaracións de toda caste por parte de políticos e institucións, os acontecementos que se suceden en Cataluña, que cobran maior radicalidade despois dos recortes introducidos no Estatuto aprobado polas institucións catalás e nun referendo popular, me produce un certo cansanzo, pero a importancia do mesmo obriga a que todo o mundo opine. Axuda a este cansanzo, o tipo de argumentacións empregados pola Administración Central do Estado e os seus aliados, medios de comunicación, determinados partidos políticos, para opoñerse ó que acontece en Cataluña. Argumentacións legalistas unhas veces, afastadas da realidade outras, sempre tentando introducir temor en toda a sociedade que configuramos o Estado Español sexamos catalás ou non. O temor á catástrofe, nun país que por moito que se queira facer cre-lo contrario, atópase nunha situación de emerxencia non polo desafío de Cataluña ó réxime, senón polas políticas clasistas, nos aspectos sociais, económicos e institucionais, impostas polos sucesivos gobernos fronte á crise sistémica.

lunes, 11 de septiembre de 2017

LENIN, A SÚA IMPORTANTE CONTRIBUCIÓN Ó PENSAMENTO REVOLUCIONARIO(III)


Carlos Dafonte.
Non fai falla ser un grande observador para decatarse que a crise económica deixou en evidencia unha realidade que en momentos de “normalidade social”, se podemos dicir que aconteza unha situación que podamos denominar así no capitalismo, non é fácil constatar: que no sistema capitalista o Estado no permanece neutral no proceso de loita de clases, que sempre con maior ou menor violencia se está a desenvolver na sociedade. Para a maioría nestes anos de crise, conxelación das pensións, reforma laboral, modificación art 135 da constitución no senso de pagar antes a débeda que non se coñece moi ben como se acumula que facer fronte a gastos sociais...para os poderosos non paga-lo rescate bancario e as grandes empresas pagando un imposto de sociedades moi baixo cando teñen importantes beneficios. Para a grande maioría postos de traballo con salarios moi baixos e o número de multimillonarios e ricos medrando.
Os que defendían unha posición contraria, aínda que moitas veces non sexan proclives a acepta-la realidade, terán que asumi-lo trabucado da súa posición e recoñecer despois de anos de crise, que na UE, os estados actuaron en defensa dos intereses da oligarquía, pois como acontece en toda crise da características da que asola as nosas sociedades, esta serve, ademais de disciplinar á clase traballadora e transvasar rendas do tráballo ás rendas do capital, para remodelar mercados, expulsar dos mesmos ós máis febles e consolidar ós máis poderosos. E nesa remodelación sectores da pequena e media burguesía tamén se viron afectados.

domingo, 3 de septiembre de 2017

CRISE COREA DO NORTE/EEUU: POLA NOSA BANDEIRA

Roberto Laxe

Cando alguén quere ocultar unha intención adoita disolver o concreto no abstracto, o particular no xeral; de tal forma que a realidade presente quede disolta nunha afirmación xenérica que non compromete a nada.
Isto é o que hai dous días fixo Trump ante os acontecementos de Virginia onde resultou morta unha sindicalista a mans dun fascista, cando condenou os que fomentan o odio, a “todos”; este é o método que signo a transición española, ao condenar a “violencia veña de onde veña”, e desta maneira disolver a violencia do réxime franquista na violencia dos anti réxime; e isto é o que está a suceder co “conflito” entre Corea do Norte e os EE UU. Os medios occidentais están a pór un signo igual entre Corea e os EE UU, coma se fosen dous iguais.

viernes, 25 de agosto de 2017

TERRORISMO E BARBARIE



Carlos Dafonte
Os grupos de “expertos” que elaboran teorías ó servizo dos políticos e do poder nas nosas sociedades, teorías que despois se repiten constantemente ata que se convirten no “sentido común” da maioría, chegaron á conclusión de que a razón fundamental de que se produzan acontecementos como os de Barcelona e Cambrils de hai uns días e os que tiveron lugar en outras cidades de Europa e os EEUU, que estes actos de inusitada violencia, teñen como obxectivo poñer fin ó estado de dereito que gozamos e o “xeito de vida occidental”, as nosas formas democráticas, a nosa riqueza, os nosos costumes de ocio, que non poden soportar e queren poñer fin con bombas, kalasnikov, coitelos ou vehículos que atropelan a xente cando disfrutan da placidez dos centros históricos das nosas cidades, ben estructuradas, cheas de servizos e de abundancia de todo o que sexa orientado ó consumo.

jueves, 10 de agosto de 2017

VENEZUELA E CUBA, DOUS PAÍSES ACOSADOS POLO MESMO ENIMIGO, O IMPERIALISMO



 Carlos Dafonte.
 Estes días as clases populares de Venezuela c@s traballador@s ó fronte, están a combater unha vez máis, e é a miña opinión, sen a dirección institucional e política adecuada, a agudización da agresión imperialista que conta a nivel interno ca complicidade, como non podía ser doutro xeito, de sectores oligárquicos que perderon nas urnas fronte a Chávez e Maduro o seu dominio sobre a renda petroleira e as riquezas do país. Sectores sociais moi minoritarios que durante moitos anos controlaron o goberno e outras institucións propias da democracia burguesa, instaurando unha verdadeira ditadura do capital, que lle permitiu manter a preto do 70% da poboación na miseria, analfabeta, sen servizos sociais básicos como menciña e educación, sen posibilidade de voto e sometidos a unha férrea represión, que como no caso do chamado “caracazo”, sublevación popular iniciada o 27 de febreiro de 1989 como resposta ás medidas económicas anticrise, tomadas polo goberno de Carlos Andrés Pérez, que afectaban ás clases populares venezolanas; os mortos contáronse por milleiros, diante da indiferenza da maioría da comunidade internacional; posiblemente por ser presidente naqueles momentos un home cuxo partido era membro da Internacional Socialista o que lle valeu para consegui-lo silenzo sepulcral dos sectores “progresistas” dos diferentes países europeos,  e só a denuncia da esquerda comunista. Felipe González, hoxe tan activo contra o goberno democrático de Venezuela, mantívose calado o mesmo que toda a dirección do Psoe e os conservadores que hoxe configuran o PP.

lunes, 31 de julio de 2017

TÓMANNOS POR ESTÚPIDOS?

Roberto Laxe
Que demos fai a Garda Civil tentando entrar na Generalitat e no Parlamento catalán, coa peregrina xustificación de que "buscaban información do 3%". Seica a GC entrou no Parlamento Español ou na Moncloa, buscando información da corrupción desa suposta banda criminal (os xuíces dixit) que é o PP?
Esa xustificación non é máis que outra manobra para asustar ante o 1 de outubro... Cospedal afirmando que "hai tanques", Zoido dicindo que "hai armas suficientes", agora a GC. Que non coa.

lunes, 24 de julio de 2017

EN MAREA: A PARÁLISE COMO ELEMENTO DOMINANTE NA SÚA CONSTRUCIÓN


Carlos Dafonte

Como quedou claro en sucesivos procesos electorais, En Marea era un proxecto socialmente necesario a nivel electoral e pensábase eficaz como resposta e alternativa ó acontecido nos últimos anos en Galicia, desde “Nunca Máis”, pasando pola derrota de Fraga e o fracaso do goberno “do bipartito” formado por Psoe e Bng e a presenza de Alternativa Galega de Esquerdas. Acadou importante representación nas Cortes, segunda forza no Parlamento de Galicia, gobernos municipais en tres cidades sen maioría absoluta o que obriga a depender doutros partidos, e representación en moitos outros; podemos caracterizar os últimos anos da actividade política en Galicia como os da busca dunha alternativa ó Pp e as políticas impostas desde a UE e a Administración Central do Estado Español, que permita un desenvolvemento a todos os niveis das potencialidades do país; que comece a rachar co proceso de centralización e concentración capitalista; paliar na medida do posible os danos que para a clase significa o salvaxe proceso de acumulación imposto desde o estalido da crise e avanzar aínda que sexa dun xeito paseniño nun maior control por parte dos traballadores de aspectos esenciais da economía e da democracia burguesa, facéndoa máis participativa, abrindo novos canles de información, etc. @s elector@s tentan por medio de En Marea abrir unha etapa reformista que poña fin a tantos anos de agresión neoliberal; pouc@s penso eu, tentan con En Marea que esa etapa permita avanzar cara a obxectivos estratéxicos de maior calado.