A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 5 de abril de 2013

GALICIA PRECISA DUN CAMBIO DE RUMBO


Carlos Dafonte

Despois de máis de trinta anos de autogoberno, con importantes competencias asumidas, outras aínda non o foron, e cuantiosas cantidades de euros procedentes dos impostos do estado ou da UE, xestionados polas institucións galegas, as clases traballadoras atópanse nunha situación de precariedade só previsible como consecuencia de quen nestes anos xestionou o poder en Galicia e en beneficio de quen o fixo. E dicir, se miramos a realidade desde a perspectiva da loita de clases, única que nos permite coñece-la, podemos afirmar que nestes anos xestionouse só en favor dos poderosos, na idea trabucada propia do neoliberalismo, de que só eles poden crear postos de traballo e riqueza e polo tanto é necesario que teñan os bolsos cheos.
A realidade, que sofren de distinto xeito @s asalariad@s e os que non o son, indica que todos os datos a nivel económico son desfavorables; non converxemos cas autonomías con maior capacidade económica e a crise posiblemente faga máis difícil esta converxencia; seguimos a ser a única autonomía pluriprovincial que non ten a ningunha das súas provincias por enriba da media de riqueza do estado. Aumentan os desequilibrios de todo tipo entre a Galicia interior e a costeira. Segue o proceso de desindustrialización e o paro e a emigración, grazas as dúas últimas reformas laborais, atópanse nuns niveis, inaceptables ata para o sistema capitalista e continuarán aumentando nos vindeiros anos. O sector primario, gandaría e pesca teñen enormes problemas estruturais que levan a ruína a unha parte importante do mesmo; nun diario de Galicia, do mes de novembro pasado titulaba “tres milleiros de granxas lácteas galegas atópanse o borde de suspender pagos” situación que se está a dar desde hai moitos anos sen que se lle busque desde Galicia, nin desde a administración do estado, solucións e o sector pesqueiro segue a recibir cartos para continuar co desguace de barcos. Co outrora poderoso sector naval nunha completa decadencia, a pesares das patéticas aseveracións tanto de Feijoo como do ministro Montoro sobre a “carga de traballo” e as boas perspectivas. Co ataque constante contra o idioma e a nosa cultura desde as institucións propias. Cunha sociedade envellecida, e polo tanto con poucas perspectivas, que sofre constantes agresións contra dereitos básicos como a sanidade, pensións, garantía dos seus aforros, acadados a maior parte das veces nunha vida chea de sacrificios. Cos asalariad@s vendo mingua-los seus dereitos laborais, sociais e políticos, así como os seus salarios e axudas para os seus fillos, en libros de texto, comedores, ou familiares dependentes.
Esta situación da que describo so algúns parámetros, dun xeito obxectivo, ten ademais unha consecuencia que se pode cualificar de catástrofe, a emigración de milleiros de persoas nun vector da poboación entre 16 e 30 anos, calcúlase que preto de 75.000 nos últimos tempos, que nos convirte nun país cun futuro moi precario.
Polo tanto é razoable afirmar, contradicindo as verbas do Presidente da Xunta e dalgúns dos seus Conselleiros que ven moi próxima a recuperación da economía, cada vez parécense máis a Rodríguez Zapatero, a quen criticaban o seu “optimismo antropolóxico”, que Galicia atópase mergullada nunha fonda crise que se vai ver aguzada nos próximos anos, pois non hai ningún sector do que poda dicirse que vai ser o que tire da economía galega nunha suposta recuperación. Recuperación que a bo seguro se vai facer en función dos intereses da clase hexemónica na estrutura de clases española, polo tanto se dentro da propia burguesía vai haber vencedores e vencidos, dentro da clase dos asalariados todos vamos a ser derrotados ó mesmo tempo que tentarán impoñer un acusado centralismo uniformador ó servizo desa fracción de clase.
E se a crise económica é fonda, como non podía ser doutro xeito a crise política a pesares de que as aparencias as veces podan facer pensar outra cousa, tamén.
Cun PP cómplice das políticas que desde Bruxelas e Madrid se toman contra a maioría dos galeg@s e ensimesmado ca súa maioría absoluta que non a utiliza para tentar cambia-la situación, cuestión da que se comeza a decatar unha parte importante do pobo galego, o que aumenta a desconfianza que ten na acción política nestes momentos e que leva á desvalorización das institucións de autogoberno, deixan de crer que sirvan para algo, facéndoas máis vulnerables ós ataques centralistas.
A inoperancia das institucións e a corrupción imperante na sociedade galega, apúntase no debe do PP, pero a primeira non é a causa da torpe e pouco ilustrada dirección do partido maioritario, responde á defensa duns intereses de clase moi determinados que a poñen en contradición cos intereses da maioría de quen lle da os votos. É labor da oposición poñer en evidencia esta contradición e rescatar a parte dos votantes do PP para outras políticas.
Pero a oposición de dentro do sistema, PSOE e BNG, vive un proceso de desvalorización social despois que o goberno bipartido puxera en evidencia a fraxilidade e superficialidade da alternancia, incapaz de orienta-la sociedade galega polo “proceloso mar da crise” que iniciaba a súa andaina, como consecuencia da súa incapacidade de facer un análise certeiro da mesma e propor as solucións que se precisaban. Sumáronse a unha análise trabucada, en certos aspectos, como non podía ser doutro xeito, similar ó da Internacional Socialista, incapaces de decatarse e aínda que así fora non ían acepta-lo veredicto, de que non hai saída socialdemócrata á mesma e que, aínda que non estean perfilados os dous polos de enfrontamento, so é posible ou unha saída neoliberal, a que impón a UE, e o FMI ou unha saída que avance cara a unha nova sociedade, que nada ten que ver ca sociedade capitalista, que AGE fixo albiscar a máis de 200.000 galeg@s
Por iso os resultados electorais de hai uns meses, aínda hai moit@s galeg@s que pensan que as súas condicións poden variar por medio do voto, foron os que foron para as forzas que configuraron a alternancia co PP en Galicia: a derrota sen paliativos de PSOE e BNG, e unha aparición moi engaiolante da coalición de ANOVA e EU, que tivo proxección estatal.
Pero pasados uns meses desde aquel feito podémonos preguntar, sobre como xestionan uns a súa derrota e outros a súa aparición con forza no panorama político galego. A resposta é a decepción que penso embarga ó votante de calquera das tres forzas que se consideran oposición ó PP.
Un PSOE paralizado, concentrado na súa fractura interna, a busca dun novo liderado e un novo programa; faime recordar a soada frase de Marx, Groucho, de “estes son os meus principios, se non che gustan teño outros”, o que amosa unha vez máis a fraxilidade ideolóxica desta organización.
Un BNG, que necesitou recibir unha forte queda electoral, para decatarse que a súa actividade de “conseguidor” en Madrid, actuando como monaguillo do PSOE nas Cortes foi un fracaso, o mesmo que o abandono da rúa, pecharse nas institucións a xestionar os límites que o capitalismo impón, tanto nos Concellos, como nas Deputacións ou na experiencia da Xunta, na que apareceu como cómplice das políticas neoliberais do PSOE e interesado fundamentalmente na construción dunha burguesía nacional. Pero o camiño emprendido na última asemblea, na que cambiaron de voceiro, paréceme pouco meditado e unha mala copia do que acontece no País Vasco e Cataluña; nun momento como este no que as clases populares necesitan unha resposta as súas necesidades inmediatas; centrar a solución na profundización do proceso soberanista, pode servir para atraer a sectores independentistas pero o vai illar da maioría da sociedade. Véxolle de positivo que imposibilita un novo pacto co PSOE.
E por ultimo AGE, en quen moit@s galeg@s e non só do país depositaron a súa confianza, os primeiros dándolle o voto, @s segund@s co devezo de que a nova organización fose o alicerce da reconstrución da esquerda no estado, que indicara un camiño; penso, aínda que non transcorreu moito tempo, que os ánimos tanto de uns como de outr@s fóronse arrefriando. AGE neste tempo non soubo ser máis que unha forza parlamentar, pouco anticapitalista, amosando certa inexperiencia que é lóxica, pero tamén xeitos de actuar na institución, que non axudan a desenmascarala como a pedra angular e a máxima creadora de consenso no sistema capitalista. Polo que AGE penso, está a decepcionar máis a quen a votou e ós que non o fixeron pero a puxeron de exemplo, é que non aparece na sociedade galega como unha organización política que traballa como tal. Non existe neste senso, seguen a existir ANOVA e EU, cada unha polo seu lado o que convirte a AGE nunha agrupación de oportunistas feita para evitar uns resultados electorais decepcionantes. Ademais a fractura en AGE pódese afondar segundo se aproximen as eleccións municipais e se poñan por enriba dos intereses de clase, os espurios intereses da organización que cada un representa, esquecendo as propostas feitas na campaña ó Parlamento.
Que facer nestas circunstancias?. E refírome a numerosa persoas de esquerda golpeadas pola crise que non ven unha saída na loita parlamentar ou nas convocatorias sindicais. En primeiro lugar a pesares de que vivimos un proceso político que pode levar a moit@s a quedarse na casa, son momentos de estar na rúa, de loitar, falar, unir activistas, ir concretando propostas, para o que se necesita en segundo lugar, fuxir do sectarismo, tentar agrupar ó máximo número aínda que moitas veces non coincida en todo con nós e ir configurando o que pode ser un agrupamento amplo, capaz de influír sobre determinadas forzas políticas, movementos etc, que poña as bases para loitar por outra sociedade, ese é o cambio de rumbo que Galicia precisa.
Cando remataba este artigo para colgar no blog, publicanse dúas noticias que corroboran esta situación de crise en Galicia, a aparición do presidente Feijoo en fotos cun condenado por narcotráfico e as mentiras posteriores sobre a duración da súa amizade, e as dificultades económicas da empresa transnacional Pescanova.

En Galicia no mes de abril de 2013

martes, 19 de marzo de 2013

LOITA OBREIRA CONTRA A DITADURA



Carlos Dafonte

O mes de marzo, en diferentes anos, foi escenario de dúas importantes folgas reivindicando melloras na condición dos traballadores, que a ditadura tentou solucionar como sempre ó longo dos anos que durou, ca represión como única resposta, convertendo calquera reivindicación obreira e popular, nunha de carácter político.
Refírome as mobilizacións de Ferrol de 1972 e as de Vitoria de 1976; as dúas puxeron en evidencia a brutalidade dun réxime que impúxose mediante as armas e que se mantivo do mesmo xeito, por medio da violencia; en ningún momento sufriu transformación algunha, naceu matando e desapareceu facendo o mesmo, manténdose no poder a base da violencia institucional.
As dúas mobilizacións dánse nun réxime de ditadura, a de Ferrol con Franco vivo, a de Vitoria co xeral morto, pero cun rei que o substituíu e que mantiña as mesmas formas ditatoriais que o seu antecesor.
Moit@s propagandistas da monarquía e do capitalismo, para poder negar o evidente, que a ditadura seguiu despois da morte do ditador e só a mobilización de masas conseguiu cambia-lo rumbo do proceso, atrévense a explicar a “modélica transicións española” como, ou ben resultado dun proxecto feito nun laboratorio no que o rei, e tres ou catro máis o idearon, ou ben como resultado de que nos últimos anos da ditadura, cando vivía o ditador, os cambios económicos e sociais producidos, as modificacións nos hábitos de consumo, levaban indefectiblemente a un proceso democrático, sen que se necesitara ningún tipo de esforzo engadido.
Nada de iso é certo, e feitos como os de Ferrol e Vitoria, e non foron os únicos pero si dós máis salientables, indican o contrario; que o sistema ditatorial estaba disposto perpetuarse, a redor do “espírito de febreiro” de Arias Navarro, con lixeiras modificacións, e só a mobilización de masas, e a bestial represión que facía aparecer ó réxime sen careta, pero que podía poñer en perigo a supervivencia da monarquía, co que isto significaba para a continuidade da hexemonía da clase dominante, obrigoulles e emprender un camiño distinto, o do pacto ca oposición sen ruptura democrática.
Cousa distintas que non vou a analizar nesta entrada, é se a oposición estivo “a altura das circunstancias”, que o momento e a mobilización popular esixían.
E se analizamos o período 1975-82, veremos que de transición modélica nada, como se expresa no libro de investigación sobre o período, “A transición sanguenta”, as forzas represivas causaron máis de 180 mortos e de 1500 feridos; ademais o Tribunal de Orden Público, encargado de xulgar a quen loitaba pola democracia, nos anos posteriores á morte do ditador, elevaron considerablemente o número de procesos en relación ó pasado inmediato.
A dureza da crise económica actual, que a converte nunha crise do sistema, e a defensa, por parte dos gobernos sucesivos dos partidos maioritarios do PP e do PSOE, dos intereses espurios dunha minoría e a perda do consenso entre a poboación do sistema xurdido na chamada transición, inducen a unha operación de desmemoria que se esta a levar a cabo, unha veces dun xeito explícito outras non tanto.
Operación que ten varios obxectivos, en primeiro lugar apuntalar unha monarquía acosada por toda unha serie de escándalos e cuxa función, a da xefatura do estado, hoxe a maioría da cidadanía, así o expresa nas enquisas, considérana fora de lugar sen pasar polas urnas e máis abusiva aínda se hai que soporta-lo que significa a “casa real”. Polo tanto a institución que se sitúa na cúspide do estado, a pesares de todos os esforzos feitos por medios de comunicación, outras institucións, etc, atópase en “horas baixas”, froito tamén do uso que a propia institución fixo da súa impunidade que establece a Constitución; por iso son constantes nestes tempos, os labores de propaganda tentando cambiar esta mala imaxe, e vólvese con reiteración ós anos da transición, que seguen a cualificar como modélica, para que apareza diante de todos os españois, a monarquía, como a institución que trouxo a democracia e a que a defendeu o 23 de febreiro de 1981, cando un grupo de gardas civís a saltaron o Congreso dos Deputados en complicidade con numerosos mandos militares.
En segundo lugar, téntase, neste exercicio de desmemoria, facernos crer que os dereitos de todo tipo, moi reducidos respecto a UE do euro, dos que gozamos, son tamén concesións feitas pola oligarquía e non resultado das loitas dos traballadores. E fan isto en momentos en que os están a recortar dun xeito drástico, pois se borras a memoria das loitas do pasado, pensan, posiblemente borres tamén as gañas de resistir fronte a agresión que as políticas implementadas polo PP e o PSOE significan.


Isto non é nada novo, estamos inmersos nunha violenta loita de clase, sempre o é, lembremos as verbas dun dos homes máis ricos do planeta, o especulador financeiro Bufet, que aseverou que nesta loita de clases os ricos ían gañar; e a devandita campaña de propaganda e desmemoria, debémola considerar como parte do aspecto ideolóxico da loita, que ten unha función moi salientable como é quitarlle o inimigo as razóns, os argumentos para combater. Se os asalariados asumen que a democracia e os dereitos foron concesións e a crise é resultado de “vivir por enriba das posibilidades de cada un”, os explotadores teñen moito gañado para que a predición de Bufet se cumpra.
Pero se os explotados non perden a memoria das loitas do pasado, as reivindican, o que quere dicir combater dun xeito continuado contra a penetración da ideoloxía burguesa no seo da clase obreira e o pobo, estarán poñendo os alicerces para lograr unha conciencia revolucionaria, ata leva-las loitas ata as súas últimas consecuencias: a reivindicación dun novo tipo de sociedade que poña fin ó capitalismo explotador.
En Galicia no mes de marzo de 2013.

jueves, 14 de marzo de 2013

BREVE COMENTARIO DE URXENCIA SOBRE A ELECCIÓN DO XEFE DO ESTADO VATICANO




Carlos Dafonte

Dicía Marx que facer política é prever, e aínda que fora inútil facer este tipo de cábalas desde a posición que ocupo, hai que dicir que tiña dous candidatos para a xefatura do Estado Vaticano; o cardeal brasileiro e o arxentino; do primeiro descoñecía todo, do segundo coñecía algo que non me gustaba, a colaboración dunha grande parte da cúpula da igrexa arxentina ca ditadura militar, insensibles á masacre que se realizou no país e incluso ó asasinato de dous bispos e varios sacerdotes e monxas polos militares nesa época. Que tivera que declarar ante o tribunal que xulgaba o roubo de nenos de nais detidas pola ditadura. “Pouca cousa”, dirán algúns, pero que debe encher de desacougo a calquera.
Unha vez elixido o cardeal Bergoglio, pódese dicir utilizando esa estúpida frase que tanto usan algúns líderes políticos, que acertei no meu vaticinio pois “ERA O QUE TOCABA”.
Do mesmo xeito que noutros tempos era necesario un Wojtyla e o seu fiel escudeiro, o grande inquisidor Ratzinger, para axuda-lo neoliberalismo depredador a gaña-la “guerra fría” e poñer fin, derruba-las sociedades que xurdiran despois da queda do capitalismo na Europa do leste, e avanzar ademais na loita contra a “teoloxía da liberación”, que tiña millóns de adeptos entre as masas e preclaros defensores entre numerosos teólogos e algún cargo eclesiástico de América Latina, como monseñor Romero, Casaldaglia, Ellacuría, Boff, o bispo Helder Cámara, Frai Betto, Ernesto Cardenal,... cuxa posición a favor dos pobres, levaba ó enfrontamento cas sanguentas ditaduras impostas polos EEUU na maioría dos países, agora é necesario tamén, un esforzo da Igrexa, o imperialismo o esixe, para poñer atrancos a ese novo capítulo da loita de liberación dos pobos, que con todas as zonas de sombra que se queira, con avances e retrocesos, significa o movemento bolivariano, proceso ó que se chama tamén, quizais con verbas fora da realidade, Socialismo do Século XXI.
Estou convencido que nas xuntanzas previas ó conclave, máis que rezar e pedi-la intervención do espírito santo, unha perda de tempo, do que se discutiu foi de xeopolítica e de como intervir mellor e dun xeito máis eficaz, a favor dos poderosos, na loita dos pobos contra os seus explotadores, na loita de clases en suma, que se está a dar en todo o mundo, pero sobre todo cunha grande virulencia en América Latina, onde o imperialismo esta a perde-la hexemonía, pois lle esta a fallar a pata amable sobre a que se asenta, o consenso; só quédalle a da coerción, quizais por iso Obama activou de novo a IV frota de guerra, que opera nesa área. O capitalismo necesita recupera-lo consenso e nun subcontinente cun elevado número de católicos o papel da Igrexa é fundamental. É o aspecto ideolóxico da loita de clases, mante-los oprimidos na súa opresión que xa chegará o premio na outra vida. Unha igrexa, por outra parte, que non tivo ningún reparo, cando se tratou de acurruncha-la teoloxía da liberación, de permitir, e aquí entrou a CIA en escena, que unha parte dos seus feligreses fosen captados por sectas protestantes de todo tipo, cos seus telepredicadores ben financiados desde o centro do imperio. Máis vale, debeu reflexiona-la Igrexia, que sexan sectarios, que contestatarios ou revolucionarios.
Polo tanto, os pobos non deben esperar nada bo deste papa que se quere vender como amigo dos pobres; non dubido que vivira dun xeito humilde, visitara as “vilas miseria” e viaxara en autobus, pero nunca puxo o seu traballo a favor da liberación nin da xustiza, só foi caritativo e predicou, xa sabemos, benaventurados os mansos.

miércoles, 13 de marzo de 2013

EFEMÉRIDES MES DE MARZO



Carlos Dafonte.

Día 1.

1951. Folga de utiliza-lo servizo de tranvías en Barcelona. A suba do prezo do tranvía en Barcelona de 0,50 a 0,70 céntimos, foi o detonante dunha importante mobilización, que se viña xerando pola situación de miseria das clases populares, como consecuencia da política autárquica do novo réxime xurdido da vitoria na guerra civil sobre a clase obreira e os seus aliados. Nos comezos do inverno do ano 1950 o desabastecemento da cidade, os continuos cortes de luz, a

miércoles, 6 de marzo de 2013

SEXUALIDADE NON É MATERNIDADE




Xulia Mirón

A evolución da sexualidade estudada unicamente desde o ángulo biolóxico é asimilar unha soa aresta do problema, e sabemos que hai múltiples factores de toda índole que interfiren nela. Os poucos estudos que hai sobre a sexualidade non son publicados para que estean ao alcance de todas e todos e, sobre todo, para os e as máis novas; “o obxecto da supresión da actividade sexual é producir un individuo que se axuste á orde autoritaria, ao que se someterá a todas as miserias e degradacións” (Wilhem Reich), e así manter a orde establecida dentro deste sistema capitalista.

É máis, estes estudos realízanse desde un punto heterosexual e a maioría deles vinculados ao control da natalidade, porque o noso pasado histórico vese reflectido neles. Sen dúbida as raíces históricas da regulación da sexualidade, constitúe elemento imprescindible para comprender a realidade actual. Todo iso porque o sexo segue sendo tabú, un tema vergoñoso na nosa sociedade e sobre todo porque cando se trata faise desde a óptica da reprodución, non do pracer.


sábado, 2 de marzo de 2013

UN DEBATE ESTERIL E UNHA PROPOSTA QUE HAI QUE DEFINIR


Carlos Dafonte

O pasado debate sobre o “estado da nación”, volveu poñer en evidencia o que xa descubrimos desde que se comezou a celebrar á imaxe e semellanza dos que se celebran nos EEUU; que non serven para nada. Só para que os días posteriores, en numerosas faladoiros de radio e televisión, as empresas que fan enquisas e a case totalidade dos medios de información, teñan entretida á cidadanía facendo consideracións e grandes debates deturpados, sobre o que menos importancia ten de todo canto aconteceu na sé das Cortes; como sempre os medios manipuladores e creadores de opinión, destacan o que a eles lles interesa, neste caso como todos os anos: “quen gañou o debate”. Circunstancia que sempre se circunscríbe a unha competición entre os líderes dos dous grandes partidos, o que axuda a fortalecer o sistema bipartito, pedra angular do réxime da transición, do que a oligarquía que nos goberna é a grande beneficiada.

martes, 12 de febrero de 2013

CRISE DE DÉBEDA, CRISE DE INGRESOS E NON PAGO


Roberto Laxe

Nos últimos meses a famosa “prima de risco” está a relaxarse respecto da débeda soberana na Unión Europea, suavizando o que non hai moitos meses todos anunciaban como o seu fin, tras ser rescatados Grecia, Irlanda, Portugal... Afirmábase que lle tocaba a quenda a dous pesos semipesados, Italia e o Estado Español.